A Xunta do escándalo. »
Xabier Pérez Igrexasago 20, 2009Artigos e columnasPor o en | 0 comentarios

Tralo regreso do Partido Popular ao goberno da Xunta de Galiza, non hai semana sen escándalo ou sobresalto. Os cen primeiros días de Feijóo ademais de demostración empírica de que o PP carece dun proxecto para o país, que vaia alén de empregar Galiza como territorio-catapulta para devolverlle á dereita o goberno do Estado, deixaron ás claras que coma ben advertira o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, trala imaxe de aparente modernidade e do perfil tecnócrata, achábase a dereita españolista e antisocial de sempre.
A enquisiña ad hoc contra o galego no ensino, a vergoñenta actuación no debate sobre o novo financiamento, a posición antiobreira nos conflitos laborais de maior relevancia (Metal, Caramelo...), a derrogación interesada do plano eólico do bipartito para beneficiar aos amigos, as contradicións en relación á cidade da Cultura, o incomprensíbel cambio no logo do Xacobeo, a submisión aos intereses da metrópole madrileña en relación ás caixas galegas, a censura nos medios de comunicación públicos (coa exclusión na grella televisiva e radiofónica de programas incómodos), a pretensión de derivar pacientes en lista de espera á sanidade privada, a absoluta parálise en materia de políticas de benestar (facendo desaparecer maxicamente 15.000 dependentes), o anuncio da barra libre urbanística para os concellos, a suspensión do rexistro de demandantes de vivenda pública, as viaxes de autobombo a Madrid (se cadra para render contas diante da Metrópole) ou o bochornoso espectáculo ofrecido a conta da pantomima do AVE (que se retrasa sine die), poderían ser algúns exemplos ao chou da acción do executivo que preside o televisivo Núñez Feijóo, que semella sentirse máis cómodo no sofá de Buenafuente que exercendo o seu cargo. Porén, hai tres escándalos, sobre os que, por diversas razóns, vou determe en maior profundidade.









