Contradiscurso

Trincheira dixital de Xabier P. Igrexas

Menu Close

Tag: Lingua e cultura (page 1 of 3)

Ofensiva municipal contra o galego.

A regresiva posición contra o galego do Partido Popular, que amosa hoxe a súa faciana máis españolista por ser refén das teses de grupúsculos reaccionarios e ultraminoritarios como Galicia Bilingüe, non é nin unha pose finxida nin un mero xesto electoralista orientado aos sectores máis colonizados. Trátase dunha aposta táctica firme, que nace dunha concepción de calado ideolóxico, e que nos guste ou non ten incidencia nalgúns sectores da nosa sociedade.

A interpretación triunfalista e desenfocada dos resultados electorais que devolveron ao PP ao goberno da Xunta, explica en boa medida a insistencia nesa estratexia. Pensa o PP de Feijóo que teimar na cruzada contra o galego daralle positivos réditos electorais futuros. Veremos se esta ofensiva non se lle volve en contra, tendo en conta a crecente oposición social e dos procesos mobilizadores que se desenvolverán ao longo do outono.

Read more

A Xunta do escándalo.

Tralo regreso do Partido Popular ao goberno da Xunta de Galiza, non hai semana sen escándalo ou sobresalto. Os cen primeiros días de Feijóo ademais de demostración empírica de que o PP carece dun proxecto para o país, que vaia alén de empregar Galiza como territorio-catapulta para devolverlle á dereita o goberno do Estado, deixaron ás claras que coma ben advertira o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, trala imaxe de aparente modernidade e do perfil tecnócrata, achábase a dereita españolista e antisocial de sempre.

A enquisiña ad hoc contra o galego no ensino, a vergoñenta actuación no debate sobre o novo financiamento, a posición antiobreira nos conflitos laborais de maior relevancia (Metal, Caramelo…), a derrogación interesada do plano eólico do bipartito para beneficiar aos amigos, as contradicións en relación á cidade da Cultura, o incomprensíbel cambio no logo do Xacobeo, a submisión aos intereses da metrópole madrileña en relación ás caixas galegas, a censura nos medios de comunicación públicos (coa exclusión na grella televisiva e radiofónica de programas incómodos), a pretensión de derivar pacientes en lista de espera á sanidade privada, a absoluta parálise en materia de políticas de benestar (facendo desaparecer maxicamente 15.000 dependentes), o anuncio da barra libre urbanística para os concellos, a suspensión do rexistro de demandantes de vivenda pública, as viaxes de autobombo a Madrid (se cadra para render contas diante da Metrópole) ou o bochornoso espectáculo ofrecido a conta da pantomima do AVE (que se retrasa sine die), poderían ser algúns exemplos ao chou da acción do executivo que preside o televisivo Núñez Feijóo, que semella sentirse máis cómodo no sofá de Buenafuente que exercendo o seu cargo. Porén, hai tres escándalos, sobre os que, por diversas razóns, vou determe en maior profundidade.

Read more

O exemplo de Bóveda.

1942_a_nosa_terra_alexandre_boveda590

O Día da Galiza Mártir é unha data senlleira, por servir de lembranza e público recoñecemento a insignes compatriotas que deron a súa vida polo seu pobo e polas liberdades máis esenciais. Alexandre Bóveda é, con toda certeza, unha das figuras centrais da nosa historia, polo seu importante axer na autoorganización política do pobo galego -que só se pode construír a partir da consciencia e o autorrecoñecemento de sermos nación- e tamén na análise científica da forzada e imposta dependencia económica á que o estado español condenaba -e segue a condenar- o noso país.

De absoluta actualidade e de obrigada mención están os seus traballos respecto das balanzas fiscais e da necesidade dunha facenda propia, nos que desenmascaraba a falacia infame de que somos un territorio probe e incapaz de valerse por si mesmo. Mito este último que resucitou indignamente Núñez Feijóo a conto da negociación do novo financiamento autonómico. En todo caso, estabamos e seguimos a achegar máis do que recibimos do presuntamente solidario e cohesionado Estado español.

Read more

Retruque a Cesare sobre a “Enquisa”

A miña primeira reacción despois de coñecer os primeiros resumos sintéticos dos resultados da famosa enquisiña sobre o galego, ademais de os comentar brevemente con algúns compañeiros que tiña a man, foi a de ir recompilando outros datos e documentos a respecto da situación do noso idioma en Galiza.

Un bo tomo de follas soltas, con artigos de prensa, algunha columna de opinión, táboas con datos doutras sondaxes e estudos sociolingüísticos, varios exemplares dalgunhas publicacións de referencia e media ducia de libros, compoñen o material que levo días consultando metodicamente, ao tempo que non perdo de vista o cadro resumo dos resultados da enquisiña que tivo a ben distribuír a Xunta, e que xa non lembro cantas veces relín, e que sigo mergullado na Rede á procura de máis información.

Read more

Primeiro aviso a Feijóo.

Unha marea cívica ateigou onte as rúas de Compostela de dignidade, nunha histórica manifestación en defensa do galego. A convocatoria de A Mesa pola Normalización Lingüística foi seguida por preto de cincuenta mil persoas, que a berros e baixo unha intensísima choiva, esixíronlle a Núñez Feijóo que abandone as súas pretensións españolistas, que trala suposta defensa dun bilingüismo cordial, encarnan o máis serio ataque regresivo contra do noso idioma dos últimos tempos.

O pobo mollouse a favor da lingua. Fica demostrado pois que a inmensa maioría do noso pobo aposta, mesmo persoas que falan habitualmente en español, porque non se dea nin un só paso atrás no proceso de normalización lingüística. O Partido Popular terá que atender ao mandato social que sae da mobilización de onte, porque o de onte foi apenas un sonoro primeiro aviso.

Con todo, que a estas alturas da nosa historia teñamos que seguir saíndo á rúa para defender o noso idioma, é un claro indicador de cómo seguimos a ser unha colonia na que a única imposición é a da lingua e cultura española.

___

Artigo publicado en Xornal de Galicia e Xornal.com o 18-05-2009.