O éxito de Aminetou. »
Xabier Pérez Igrexasdec 22, 2009Artigos e columnas, InternacionalPor o en | 0 comentarios
É innegábel que o feito de que a activista saharauí Aminetou Haidar estea de volta no seu país, após ter dobrado a autocracia marroquí, é un éxito. Un éxito en primeiro lugar da propia Aminetou, que non esquezamos puxo en xogo a súa propia vida a través dunha folga de fame. Un éxito para a causa que representa, a do Sáhara oprimido por Marrocos coa complicidade internacional. Pero tamén un éxito para o internacionalismo que encarnaron todas as persoas que se implicaron en premer na mesma dirección. Falo de asociacións como Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, cunha permanente e continuada actividade reivindicativa, pero tamén das mostras isoladas, voluntaristas ou espontáneas que xurdiron estas semanas en todas as coordenadas do mundo. Aminetou deixou durante un breve lapso de tempo de berrar -coma o seu pobo- ante un impasíbel e cínico silencio xordo.
Porén os éxitos non significan sempre vitoria. A cuestión do Sáhara occidental, o dereito negado á libre autodeterminación, segue pendente de resolución. É certo que o heroico exercicio de compromiso de Aminetou conseguiu cando menos poñer en negro sobre branco a súa causa. Porén non é menor o risco de que esta luz languideza, cando paseniñamente vaia sendo expulsada do ciclo de noticias co que os grandes media fixan o que é ou non de actualidade.

















