Referencias internacionais »

Estes días agromou nos media un debate, interesado, a respecto das referencias internacionais que reivindica o nacionalismo galego xuvenil. A pretensión era clara: presentar ao nacionalismo galego como defensor de presuntas ditaduras (destacadamente a cubana) ademais connotadas pola súa orientación socialista, nun escenario de crecente anticomunismo oficial.

Hai quen mesmo confundiu, demagoxicamente, a solidariedade internacionalista e antiimperialista con Bolivia, Venezuela, Cuba ou Ecuador, cunha presunta vontade de trasladar mimeticamente eses modelos (a todo isto, moi heteroxéneos entre si) a Galiza. Algo que resultaría absurdo, sinxelamente porque a nosa realidade social, política, económica, histórica e cultural, ten manifestas especificidades de seu, e polo tanto as súas problemáticas específicas esixen tamén de respostas específicas. Porén, efectivamente si que hai criterios ou liñas políticas xerais presentes nesas experiencias que o nacionalismo galego, no seu conxunto e dende practicamente o seu nacemento contemporáneo, ten incorporado en maior ou menor medida no seu proxecto político.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Segregación subvencionada. »

Partindo de que o ensino é un servizo e un dereito social fundamental, e que o seu acceso debera ser universal e gratuíto en todos os tramos educativos, resulta incomprensíbel a teimosía de seguir a manter con inxentes cantidades de recursos públicos negocios privados no eido do ensino, ou o que popularmente se coñece por colexios concertados.

Nestes centros, é moi frecuente, por non dicir maioritaria, a precariedade laboral do profesorado, as interpretacións sectarias da realidade, a negación de dereitos fundamentais do estudantado como o de folga ou reunión. O seu funcionamento, ao ser unha estrutura puramente empresarial, é completamente antidemocrático e verticalizado, convertendo ao profesorado en meros asalariados, ás nais e aos pais en clientes, e ao alumnado en receptor sen dereitos nin opinión. Os métodos pedagóxicos pivotan ás máis das veces nunha interpretación cuase totalitaria do auctor?tas docente, obviando a participación e inter-relación como elementos favorecedores da aprendizaxe, optando pola transmisión unidireccional de coñecementos e fuxindo de ensinar a pensar.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Estatuto, e conciencia, de nación. »

A proximidade do inicio do curso político volveu poñer en primeira plana a posíbel reforma do Estatuto de Autonomía do noso país.

O Partido Popular xa se apresurou por boca de Mariano Rajoy (utilizando de xeito partidista a Radio Galega) a tentar botar terra sobre o debate, a golpe da afirmación demagóxica e desnortada de que a reforma estatutaria non é unha prioridade. Feijóo, obediente coma sempre ás instrucións da súa matriz española, fixo o propio dicindo que compre agardar á resolución xudicial do Estatut catalán, e adiantando a súa oposición frontal a que no hipotético novo estatuto se recolla o carácter nacional de Galiza. Nada sorpresivo, pois.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Contrapolítica ou política da naúsea. »

De vello sábese que a dereita, sobre todo a máis reaccionaria, quen ten demostrada a súa absoluta carencia de compromiso ético na súa praxe política, é o segmento máis interesado en converter en dogma a falacia de que en política todos os comportamentos son iguais, que todas as opcións son iguais, que non hai espazo para a honestidade, e que a corrupción é un fenómeno que nos seus diferentes graos afecta de xeito transversal a todas as forzas sen excepcións. Trátase de equiparar á baixa, para dese xeito afogar por homologación ás alternativas transformadoras, por non dicir revolucionarias, que as hai. Esa desvalorización da política é espallada con intensidade polas clases dominantes a través dos seus medios de comunicación, e conforma un dos elementos máis perigosos do globalizador e uniformizante pensamento único, polo que ten de desmobilizador.

As medias verdades son máis difíciles de combater e rebater que as completas falsidades. De aí que o discurso sistémico opte polas primeiras, para confundir e alienar á sociedade. Claro que hai organizacións políticas nas que se consente, permite e mesmo se aplaude internamente a deshonestidade, cando non a corrupción; ver como nin a golpe de imputación xudicial o Partido Popular é capaz de destituír ao seu tesoureiro nacional é un bo exemplo disto. É evidente ademais que a política, destacadamente no ámbito institucional, tense degradado até niveis alarmantes, demostrándose máis como un lamentábel teatro de comedia que como un ámbito de debate e decisión sobre cuestións cruciais.

A pretensión de importar ao noso país as prácticas noxentas do xogo político do todo-vale non é nova. Porén, dende a volta ao goberno galego do Partido Popular, estamos a ver como esta se intensifica até límites insospeitados, e como para esa finalidade non dubidan en empregar de xeito indigno mesmo a tribuna do Parlamento de Galiza, ou calquera medio ao seu dispor. O sitio web institucional do goberno galego converteuse nunha ferramenta máis nesa estratexia, e no canto de ser un dos medios de comunicación e difusión pública das medidas e decisión gobernamentais, é utilizado como un altofalante máis para a política de oposición á oposición que practica o Partido Popular.

Nese contexto encádranse as difamacións e falsidades presentadas como acusacións, lanzadas polo PP contra do BNG a respecto de supostos contratos irregulares, e mesmo dun presunto e inexistente financiamento irregular do Bloque. A veracidade dos feitos queda constatada ao comprobar como o PP rexeita o convite feito polo Bloque de acudir inmediatamente aos tribunais de xustiza, e como mesmo se atreve de xeito infame a chantaxear ás forzas da oposición ofrecendo, por boca do conselleiro de Presidencia, unha caste de pacto de silencio, consistente en que a oposición non exerza de tal a cambio de que o goberno galego deixe de facer públicos escándalos inventados.

Non deixa de ser decepcionante nese senso ver como dende algúns segmentos se dá crédito absolutamente acrítico a este lixo. Mesmo algún coñecido intelectual con vocación intermitente de benególogo –termo que serve para definir este fenómeno incipiente de opinadores, que dende as súas columnas pretenden ditar como debe ser o BNG- obviaba nas páxinas de El País, xa non a prerrogativa de confianza que ao meu ver merece a traxectoria dunha forza política que ten demostrado na súa praxe un inquebrantábel compromiso ético, absoluta honestidade e honradez, senón mesmo a máis esencial presunción de inocencia, prestándose gustosamente de amplificador da contrapolítica. Todo sexa por bater contra o BNG, e se ademais os medios sinalan a membros da UPG inda mellor.

É indignante e inadmisíbel comprobar cada día como a maioría absoluta do Partido Popular é incapaz de comezar a gobernar o país, demostrando máis unha vez que carecen de proxecto político para Galiza, e apenas se dedica a fabricar con medias verdades ou completas mentiras infamias coas que desacreditar ao BNG, empregando para tal fin todos os recursos e estruturas da administración.

Definitivamente o do PP non pasa da política da náusea.

___

Artigo publicado en Xornal.com o 18-06-2009.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Primeiro aviso a Feijóo. »

Unha marea cívica ateigou onte as rúas de Compostela de dignidade, nunha histórica manifestación en defensa do galego. A convocatoria de A Mesa pola Normalización Lingüística foi seguida por preto de cincuenta mil persoas, que a berros e baixo unha intensísima choiva, esixíronlle a Núñez Feijóo que abandone as súas pretensións españolistas, que trala suposta defensa dun bilingüismo cordial, encarnan o máis serio ataque regresivo contra do noso idioma dos últimos tempos.

O pobo mollouse a favor da lingua. Fica demostrado pois que a inmensa maioría do noso pobo aposta, mesmo persoas que falan habitualmente en español, porque non se dea nin un só paso atrás no proceso de normalización lingüística. O Partido Popular terá que atender ao mandato social que sae da mobilización de onte, porque o de onte foi apenas un sonoro primeiro aviso.

Con todo, que a estas alturas da nosa historia teñamos que seguir saíndo á rúa para defender o noso idioma, é un claro indicador de cómo seguimos a ser unha colonia na que a única imposición é a da lingua e cultura española.

___

Artigo publicado en Xornal de Galicia e Xornal.com o 18-05-2009.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cambio no Bloque. »

Os resultados da Asemblea Nacional Extraordinaria do BNG, que tivo lugar o domingo pasado en Compostela, son a estas horas sobradamente coñecidos. Guillerme Vázquez, contra o prognóstico do oficialismo mediático, foi elixido novo portavoz nacional da fronte nacionalista.

O maioritario apoio recibido pola candidatura encabezada por Guillerme Vázquez, que resultou a máis votada tanto para o Consello Nacional como para a Executiva, significa que a militancia tomando nota dos erros cometidos, optou claramente por un cambio en positivo dende a afirmación da ineludíbel unidade plural do nacionalismo, que resulta nun BNG cun perfil ideolóxico máis claro -máis nacionalista e máis á esquerda-, que sitúa as clases populares como destinatario prioritario do seu proxecto transformador, apostando por unha maior relación cos movementos sociais de base.

Na intervención brillante e enérxica, interrompida por reiteradas ovacións, coa que se pechou a AN, Guillerme Vázquez, despois de definirse a si mesmo como un afiliado máis, manifestou o firme compromiso por construír en Galiza unha alternativa ao neoliberalismo, dende a aposta pola economía produtiva. Fronte á globalización neoliberal, que cualificou de modelo en bancarrota, o novo portavoz enarborou a bandeira do antiimperialismo, condenando a ocupación de nacións soberanas como Iraq ou Afganistán.

No interno hai tamén unha clara corrección no modelo organizativo, superando funestos hiperliderados, recuperando o carácter colexiado na dirección e devolvendo o papel central que a militancia nunca debeu perder.

O proceso asemblear do BNG, foi máis unha vez exemplificante, demostrando a absoluta democracia interna que se practica na toma de decisións, avalada desta volta por unha participación histórica. Desta Asemblea Nacional sae un BNG máis forte e cohesionado dende a súa diversidade, listo para facer fronte dende xa ao PP na Xunta -que xa asomou o seu perfil antisocial e antigalego e que non pasa de ser sucursal da dereita españolista-, pero tamén ao seguidismo do dogma neoliberal por parte do PSOE no goberno central.

___

Artigo publicado en Galicia-Hoxe o 12-05-2009.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Nova xeira do nacionalismo. »

Este domingo, preto de 2500 delegadas e delegados, constituirán a Asemblea Nacional Extraordinaria do Bloque Nacionalista Galego, que terá como principiais cometidos, a análise dos resultados do pasado 1M, e a conseguinte redefinición en termos políticos, programáticos e tácticos, así como a elección dos novos organismos de dirección da fronte, e a súa portavocía nacional.

O documento político aprobado por unha amplísima maioría no Consello Nacional, e que será enriquecido coas emendas aceptadas por este ou as que a asemblea decida incorporar, recolle en liñas xerais non só unha análise acaída, en chave autocrítica, do revés electoral e da acción de goberno do BNG, senón tamén debuxa a grandes trazos o perfil renovado do Bloque, que pasa por un remozado en base aos principios fundacionais. É un documento avalado pois por un elevado consenso, que será de seguro maior unha vez remate o seu debate no plenario, e sairá da votación como a necesaria, inda que sintética, folla de rota coa que fixar o rumbo da nave nacionalista nos próximos anos.

Unha das principais conclusións que se poden tirar do resultado do 1M é que a acción no eido institucional, por moi boa que for (e no caso do bipartito en termos xerais foi positiva), non é suficiente para conseguir unha correlación de forzas favorábel a un proceso de transformación profunda, como o que representa o Bloque para o noso país. As institucións son un ámbito de traballo importante, mais non o único nin o central. Débese pois, recuperar e ampliar o traballo social, mellorando e incrementando as relacións coas organizacións de base (central sindical, organizacións veciñais, ecoloxistas, estudantís...), se queremos que a vocación hexemónica, alén do electoral, sexa unha aposta real e non unha mera declaración de intencións. Trátase de desenvolver unha estratexia asentada en dous ámbitos, que pese a ser distintos son igual de importantes, e sen que exista prelación dun sobre o outro.

A necesidade de enfatizar, expresándoo de xeito directo e explícito, o carácter nacionalista e de esquerdas, de compromiso coas clases populares e de defensa dos dereitos nacionais do noso pobo, do proxecto nacionalista galego está completamente xustificada. Non porque este estivese en cuestión -boa mostra diso foi o resultado das asembleas comarcais-, senón polo contexto histórico de crise sistémica que acentúa as contradicións nacionais e de clase, e polo feito obxectivo de que cando menos hai síntomas de que unha parte da base electoral do BNG, se cadra con algunhas razóns, ten dúbidas nese senso. Non é por pose, nin por ningún afán esencialista. A reafirmación de que o BNG é un proxecto nacionalista e de esquerdas, e que os destinatarios principais deste son as clases traballadoras e non ningún suxeito abstracto, é o xeito de clarificar ideoloxicamente o que somos como proxecto transformador; punto indispensábel dende o de partir para aglutinar e sumar máis pobo. Só podemos medrar dende a afirmación clara do que somos, non diluíndonos e inda menos homologándonos coas forzas sistémicas, dende a moderación ou a renuncia ideolóxica.

Unha vez actualizadas as coordenadas e corrixido o rumbo, tocará decidir a quen poñer ao temón. No BNG non pode haber sitio para os hiperliderados, modelo alleo, nefasto e fracasado que entre outras cousas provocou a desconexión de boa parte da base social, e mesmo militante, do nacionalismo co propio BNG. A fronte dotouse, dende o seu nacemento, de organismos que con carácter colexiado, e dende o exercicio plenamente democrático, integrando e respectando ás minorías, son os encargados da dirección política da organización, sempre en base ás liñas fixadas polo conxunto da militancia en asembleas, e sempre dende o sometemento dos organismos á vontade militante expresada nestas.

Porén, non é menos certo que por mor de distintas disfuncións faise imprescindíbel que unha das conclusións desta Asemblea Nacional sexa a de devolver o papel de actor central á militancia, facendo primar o colectivo sobre o individual, o carácter colexiado fronte aos personalismos -que son antitéticos ao propio BNG-, como único xeito de vertebrar un proxecto cohesionado á par que diverso, no que coexisten distintos enfoques e diferentes utopías, asentados nun sólido denominador común.

Estas ideas que son o cerne da proposta presentada pola Alternativa pola Unidade, teñen un amplo respaldo por parte da militancia. Porén, é necesario, por non dicir indispensábel, que a nova Executiva Nacional do BNG sexa resultante dun grande consenso que integre a todas as sensibilidades, sen exclusións. A ese respecto tanto ten se o resultado obtido por ApU, como candidatura con maior número de delegadas e delegados, fose como desta volta un 48% ou dun 51%. A efectos prácticos, sería unha tremenda irresponsabilidade non aspirar e traballar, por un acordo que represente ao conxunto da organización. A renuncia, inda que sexa apenas formal, a chegar a puntos de acordo e consensos, só demostra unha falta de sentido de organización, sabendo, como todas e todos sabemos, que a unidade do nacionalismo é requisito sine qua non para a súa propia existencia como proxecto con vocación maioritaria.

Por outra banda parece indiscutíbel, en base aos apoios obtidos polas diferentes candidaturas no proceso de elección de delegados, que o vindeiro portavoz nacional será Guillerme Vázquez, quen co seu discurso claro, sincero e directo, está a reilusionar a unha parte importante da militancia, que comezou ollando con excepticismo este proceso asemblear. O contrario sería unha fraude fronte a vontade da militancia.

O vindeiro 10 de maio abrirase, de seguro, unha nova xeira no nacionalismo galego, que moitas e moitos confiamos en que o levará non só a recuperar os apoios perdidos, senón a sumar máis ao proxecto de liberación nacional e social que é o Bloque Nacionalista Galego.

___

Artigo publicado en Xornal.com o 05-05-2009.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Blogaliza 2.0 »

A comunidade Blogaliza acolle a máis de 1.700 blogues en galego (sobre temas literarios, educativos, blibiotecarios, deportivos, persoais, políticos, etc.) e máis de 6.000 usuarios/as rexistrados/as. A portada de Blogaliza amosaba até agora o último publicado no blogomillo, todos os blogues escritos en galego, na propia Blogaliza ou noutros sistemas, máis o directorio deste crecente blogomillo.

NOVOS SERVIZOS DA BLOGALIZA

O próximo 1 de maio abriremos a nova Blogaliza, unha versión ampliada do habitual servizo de blogues en galego que integrará tamén noticias culturais actualizadas a diario, rede social, convocatorias de animación á creación artística e moitos outros contidos.

A partir dunha nova portada xeral da comunidade, poderase consultar a actualidade do blogomillo, con especial intensidade no ámbito da cultura a través de seccións especializadas en literatura, música, cinema, artes visuais, etc. A apertura destas seccións será progresiva, comezando pola de letras.

PARTICIPACIÓN NA CONFIGURACIÓN

Desde a Blogaliza temos claras expectativas do que non debe faltar, mais queremos facer un convite público a todas as persoas, colectivos e institucións que queiran facer propostas para enriquecela.

Desde hoxe e até o 1 de maio na portada de Blogaliza accederase a un blogue aberto ás propostas de todos. Calquera pode mandar ideas e debatelas para que sexan integradas na nova Blogaliza. Para iso só é preciso enviar un correo para  propostas at blogaliza.org, que será publicado como nova anotación, cos comentarios abertos para, entre todos/as, ir perfilando as novas ideas.

DIFUSIÓN DO PROXECTO

Agradeceremos toda a difusión posíbel desta información, coa pretensión de facermos da Blogaliza un aberto centro cultural na rede. Un espazo sen cancelas onde poder comunicar, debater, partillar e fornecer en liberdade e respecto a cultura que queremos.

PUBLICIDADE

Na Blogaliza temos o compromiso de que os blogues continúen a ser de balde e sen publicidade, como até agora, salvo nas portadas temáticas, espazos onde posibilitaremos referencias publicitarias coa intención de financiar o proxecto e asegurar a súa viabilidade.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Que está en xogo en Europa? »

As eleccións ao Parlamento Europeo que terán lugar o vindeiro mes de xuño, son uns comicios importantes para o noso país. Non son, como pretende o PP e o PSOE, unha mera reválida da política estatal, nin tampouco unha convocatoria inútil ou irrelevante.

En Europa tómanse a cotío decisións importantes, de tremenda trascendencia e que nos afectan directamente ás galegas e galegos, ás máis das veces acordadas de costas á sociedade e que teimosamente obvian, ou tentan obviar, as nacións sen estado -como Galiza- e as súas especifidades, así como os intereses da clase traballadora.

A crise fai que estas eleccións cobren unha especial significación, posto que é en Bruxelas onde radican competencias fundamentais, de cara a poder artellar as medidas necesarias para impedir que as consecuencias desta impacten sobre a clase traballadora. A política monetaria, a regulación dos mercados financeiros... unha grande parte da política económica, e social, está hoxe en mans dos organismos europeos, nos que o Europarlamento, pese ao seu limitado papel, ten unha importancia destacada, sobre todo para as nacións sen soberanía política.

A presenza do nacionalismo galego no Parlamento Europeo non é polo tanto un asunto menor, nin moito menos.

No actual escenario internacional, a presenza de organizacións políticas comprometidas cunha Europa social e dos pobos - como o Bloque Nacionalista Galego -, fronte a Europa do capital, áchase fundamental. De entrada para frear as tentativas, que as hai, de aproveitar a actual crise en detrimento de dereitos sociais e laborais básicos, como recentemente vimos coa directiva que pretendía estender até 65h semanais a xornada de traballo, ou anteriormente coa directiva Bolkestein que acompañaba ao Tratado Constitucional Europeo, ou a "directiva da vergoña", co obxectivo de reverter esa tendencia antisocial resultado das inercias neoliberais e da complicidade da socialdemocracia máis dócil.

A clase traballadora galega non pode desprezar nin infravalorar o ámbito europeo, instancia da que naceron nos últimos anos as medidas máis regresivas e negativas para as súas condicións de traballo e de vida.

A importancia estratéxica de termos, como país, representación directa na eurocámara - que só pode ser tal a través do BNG - é a día de hoxe indiscutíbel. Os nosos intereses, destacadamente en materia produtiva e económica, están en xogo, como se comprobou na decisión de impedir a construción naval civil na comarca de Ferrol-Terra.

Por outra banda, a diversidade identitaria, lingüística e cultural de Europa, que non está reflectida no actual mapa de estados, ten que estar tamén representada e ter voz propia en Bruxelas.

Nese senso o nacionalismo galego, debe continuar a estender, mellorar e aprofundar as súas relacións internacionais a nivel europeo, en aras de acadar máis apoios e aliados, fundamentalmente no seo da Alianza Libre Europea (ALE) da que forma parte e na que se agrupan as forzas nacionalistas e soberanistas , pero tamén coas forzas do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE-NGL), que aglutina a boa parte da esquerda transformadora, e do que forman parte, entre outros, o Partido Comunista Portugués (PCP) , o Partido Comunista de Grecia (KKE) ou o chipriota Partido Progresista do Pobo Traballador (AKEL).

En síntese, o fundamental está en que o nacionalismo galego é a única forza do país que empregará o seu respaldo electoral non só para facer valer o recoñecemento dos dereitos nacionais do noso pobo, senón tamén para apostar por unha nova política europea ao servizo das maiorías sociais, que teña como principal obxectivo no inmediato a consolidación e extensión dos dereitos sociais e laborais das e dos traballadores, para impedir que a crise, resultado da especulación do grande capital transnacional, a paguen os de abaixo, como dirían os zapatistas mexicanos.

Porque o que está en xogo en Europa é a posibilidade de facer que a consigna dunha Europa social e dos pobos, deixe de ser un lema para converterse nun principio rector da política europea.

===

Artigo publicado en Xornal.com o 02-04-2009.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google