‘Sermos Galiza’ xa é

Hoxe constituíse formalmente o grupo de comunicación ‘Sermos Galiza‘. Esta mañá en Compostela tivo lugar a súa primeira Xunta Xeral de Accionistas, na que tiven o gusto de participar. Optouse pola fórmula de sociedade anónima para dar mellor acubillo legal a un proxecto alicerzado nun numeroso accionariado popular, cun gran número de pequenas achegas. Porén, como afirmou Manuel Mera -un dos integrantes do Grupo Promotor que pilotou a xestación do proxecto- ‘Sermos Galiza’ nace como ‘unha verdadeira empresa social, no seu pleno senso’.

Un grupo moi numeroso de persoas ateigaron a sala do Hotel Araguaney facéndoa ficar pequena. Había unha ampla representación de activistas dos movementos sociais, do mundo da cultura e do movemento nacionalista galego. Mais predominaron persoas descoñecidas que puñan en evidencia a base popular do proxecto. Había, e hai, moita fame social de medios de comunicación de noso na nosa lingua. ‘Non agardamos por unha burguesía comprometida, tomamos a iniciativa desde a base’ explicou Teresa Moure.

Seguir lendo

Chuzame! A Facebook A Twitter

Reclámalle á Xunta que na Casa de Galiza en Madrid atendan en galego!

Denunciouno Carlos Callón no seu blogue. A Delegación da Xunta de Galiza en Madrid non atende no noso idioma, malia que lle sexa pedido pola persoa atendida. Hai uns minutos chamei persoalmente ao ao 91 595 42 00 e puiden comprobar que efectivamente non se ofrece atención no noso idioma. Ao requerirlla a quen me atendía, desculpouse -de xeito amábel e educado- afirmando que non sabía falar galego e que non era funcionario. Ese argumento non é escusa xa que legalmente, en base á Lei de Transparencia, por traballar nunha dependencia da administración autonómica galega están obrigadas/os a nos atender na nosa lingua.

Recollendo a luva que me tirou @outeiro no Twitter, propóñovos unha acción reivindicativa, consistente en que todas e todos remitamos un correo electrónico de protesta ao Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, por ser titular do departamento ao que está adscrita a Casa de Galiza en Madrid.

A seguir deito un texto tipo que remitir:

Destinatario: conselleirodepresidencia@xunta.es
Asunto:
Pola atención en galego na Casa de Galiza en Madrid

Prezado Sr. Conselleiro de Presidencia,

Como galega/o diríxome a vosté tras comprobar que na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid non se dispensa atención ao público no idioma propio do noso país, o galego, inda que esta sexa solicitado de xeito expreso por parte da persoa atendida, como eu puiden acreditar persoalmente.

Este grave feito vulnera o marco normativo e legal vixente, nomeadamente á Lei de Transparencia, e supón máis unha nova agresión contra da  nosa lingua.

È por iso que lle esixo, que en atención ás súas responsabilidades como máximo responsábel da área do Goberno Galego á que fica adscrita a devandita delegación, proceda de inmediato a tomar as medidas que sexan precisas para poñer unha solución definitiva a esta grave situación, e posibilitar que tamén alén do territorio da Comunidade Autónoma a Xunta atenda na lingua propia de Galiza.

Un saúdo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Sermos Galiza na comunicación.

O peche do GH fixo que volvese agromar o debate a respecto da necesidade nacional de térmonos uns media propios, que se asenten na defensa e dignificación da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura, e que axan como activas palestras para a defensa dos intereses e dereitos do noso pobo.

A conmoción levou ao loito, o loito ao lamento, e o lamento máis unha vez á masoquista tradición da autoculpabilización. Estes días amosaron con crueza a faciana do paralizante sentimento de frustración que provocan nalgúns sectores os “fracasos”.

Seguir lendo

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non renunciemos á nosa utopía posíbel.

Retruque fraterno a Francisco Castro.

Discrepo de Francisco Castro cando afirma que “temos o país que nos merecemos” polo peche do Galicia Hoxe. O pobo galego merece moito máis.

Entendo o cansanzo, a raiba contida, a paralizante sensación de impotencia, mais perder a confianza no noso pobo é tanto como renunciar a construír a nosa utopía posíbel. Non regalemos unha dobre vitoria aos galegófobos, entregándolle xunto aos nosos fracasos o noso desalento.

Mais este disenso non só non me provoca un odio imposíbel, senón que me anima a tender a man para que sigamos xuntos, todas e todos, a teimar na trincheira da dignidade. Xa basta da laios e de autoculpas. Fagamos de cada revés, de cada golpe, unha oportunidade para anovar o noso compromiso.

Gardemos o flaxelo do que foi para destinar toda a nosa enerxía e impulso no que ha de ser. Pois como conclúe Fran P. Lorenzo no seu xenial aponte sobre o GH: “Enquanto houver estrada pra andar/A gente vai continuar”.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Nas “III Xeiras sobre a lingua galega” dos Comités da UVigo.

Vídeos coa miña intervención nas III Xeiras.

(De non cargar á primeira recarca a páxina completa F5)

Os pasado 9,10 e 11 de febreiro os Comités da Universidade de Vigo organizaron a III edición das “Xeiras sobre a lingua galega”, cun excelente programa no que abordaron a cuestión idiomática desde diferentes enfoques, desde o eido cultural até o comercial pasando polo deporte. Os Comités brindaronme a oportunidade de palestrar nas xeiras dentro do bloque “O galego nos movementos sociais”, en calidade de Secretario da Federación Veciñal de Vigo e xunto a Cruz Matínez -que representaba a Federación Galiza Cultura-, feito polo que fico tremendamente agradecido, xa que me permitiu expor algunhas reflexións e compartilas cun público ben interesante e do que percibín unha elevada receptividade e simpatía para con a causa do noso idioma.

Ademais do vídeo da miña intervención que encabeza esta entrada convídovos encarecidamente a que visionedes o seguinte vídeo, que presento no interior, no que se recolle integramente a Rolda de Preguntas que seguiu ás dúas intervencións iniciais e que foi tremendamente ricaz e construtiva, abondando en aspectos moi importantes en relación á situación do noso idioma na cidade de Vigo desde a óptica de quen facemos parte dos movementos sociais. Seguir lendo

Chuzame! A Facebook A Twitter

Dicionario de galego incorporado no blogue.

Facendo uso das ferramentas para webmasters que Edicións Ir Indo amabelmente fornece desde o sitio web do seu dicionario de galego (funcionando desde hai pouco en modalidade premium), veño de incorporar o devandito dicionario no blogue, de tal xeito que ao premeres dúas veces sobre calquera das palabras contidas nas súas entradas ou comentarios abrirase unha fiestra emerxente coa súa definición.

Así mesmo, coidei interesante facer posíbel que todas e todos os lectores deste blogue poidades facer uso deste aplicativo gratuíto para as vosas consultas. A tal efecto, á cabeza da columna lateral do blogue aparece agora un sinxelo cadro de texto no que se escribides a palabra que queirades e facedes dobre clic  activarase o mesmo dicionario despregando un pop-up coa definición. [i]


[i] Faise constar expresamente que tal uso non vulnera ningunha licenza do devandito aplicativo e non persigue ningún lucro, nin directo nin indirecto (o blogue non admite publicidade nin xenera ou reporta ningún ingreso económico ao autor do mesmo).

Chuzame! A Facebook A Twitter

[!] Resultados da enquisa: Ao fío do debate lingüístico.

A maioría discrepa das teses do IGEA, avala a actual posición do BNG e aposta pola hexemonía social do galego como obxectivo estratéxico.

Rematado o período de votación na enquisa, que se iniciou o 24 de decembro e rematou o derradeiro día do pasado ano 2010, a seguir preséntovos unha síntese co máis destácabel dos resultados da mesma. Seguir lendo

Chuzame! A Facebook A Twitter