Clamor estudantil contra os recortes

Este xoves tiveron lugar, no noso país, preto dunha vintena de mobilizacións estudantís contra os recortes no ensino anunciados polo Partido Popular. As convocatorias impulsadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, e de xeito especial polas organizacións xuvenís e estudantís nacionalistas, congregaron a milleiros de estudantes. Na Coruña e Compostela manifestáronse de 4.000 e 3.000 persoas respectivamente. En Vigo foron máis de 2.500 as e os manifestantes. Ao cabo, totalizaron máis de 10.000 as e os estudantes galegos que clamaron en defensa do ensino público nunha xornada de folga que rexistrou un paro de entre o 80 e o 90%, tanto en institutos como na universidade.

A oposición á brutal suba das taxas, que se prevé sexa de até o 66%, foi o principal leitmotiv das consignas estudantís. Un incremento inxusto e antisocial que concitou tamén un consenso inédito. Os reitores das tres universidades galegas manifestáronse contra del.

As mobilizacións do xoves son un serio aviso ao Partido Popular, tanto no goberno galego como no español. A inmensa maioría social oponse ao regreso da universidade das elites, con acceso reservado só para as clases acomodadas. Unha regresión antisocial. As organizacións estudantís xa advertiron que se non hai rectificación isto só será o comezo dunha loita que se antolla intensa e prolongada. Polo momento a Plataforma Galega encetará este luns unha vaga de peches rotativos nos centros educativos.

Artigo publicado en Galicia Hoxe o 11/05/2012 e en Mundo Galiza o 12/05/2012

Chuzame! A Facebook A Twitter

Taxas universitarias

De prosperar a pretensión do PP as taxas universitarias poderían incrementarse até un 66%. Ou o que é o mesmo: as titulacións poderán encarecerse até en 540€. A maior suba da historia coincidindo cunha grave situación social por mor da crise.

Esta medida, inxusta e antisocial, sumará unha nova traba ao acceso a estudos universitarios das e dos fillos da clase traballadora. Á peneira académica, coa selectividade, engádese o atranco económico. Un filtro que nos devolverá á universidade das elites, á que só poderá acceder quen poida pagar.

Vulnérase de xeito evidente o dereito ao ensino limitándoo a unha cada vez máis reducida porción social. Cómpre reaccionar. O vindeiro 10 de maio está convocada unha Folga Estudantil, que en Vigo terá a súa concentración ás 12h na Praza de América.

Artigo publicado en 20 minutos – Ed. Vigo (páx. 2)

Chuzame! A Facebook A Twitter