O autor

Son Xabier Pérez Igrexas. Nacín en Vigo (Galiza) en 1984.  Activista político e social. Comunista. Nacionalista galego. Autor do blogue Contradiscurso. Colaborador de opinión en diversos medios.

Activismo político e social

Desde 1998 participo en diversas organizacións políticas e sociais.

Durante case dez anos fun parte activa da Asociación Veciñal “Val do Fragoso” do barrio de Balaídos en Vigo, da que cheguei a ser o seu Vicepresidente. O 14 de novembro de 2007 abandonei a súa Xunta Directiva, inda que continúo a colaborar coa entidade, da que son socio desde 1995.

En 1999 encento militancia no movemento estudantil nacionalista dentro dos Comités Abertos de Estudantes (CAE) (organización maioritaria no ensino medio galego hoxe integrada nos Comités), dos que fun Secretario Xeral durante dous períodos. 

Tamén en 1999 entro a formar parte de Galiza Nova e do Bloque Nacionalista Galego. En ambas organizacións asumín diferentes responsabilidades (Responsábel Nacional de Ensino Medio e membro da Dirección Nacional de GN…). Na actualidade son Vice Responsábel Comarcal de Galiza Nova e membro do Consello Local do BNG en Vigo.

Ideoloxicamente defínome como nacionalista galego e comunista (marxista-leninista), e no seo do BNG son militante da Unión do Povo Galego (partido comunista-patriótico).

Participei en diferentes foros e plataformas políticas e cívicas: Plataforma Antitaurina de Vigo, Foro Galego de Solidariedade coa Revolución Cubana,  Plataforma Cidadá Nunca Máis, Mocidade Galega pola Paz, Instituto Galego de Estudos Veciñas, Plataforma Cidadá Queremos Galego

Sindicalmente milito na Confederación Intersindical Galega (CIG). O 25 de xuño de 2010 fun elixido, na súa V Asemblea Comarcal, membro da Executiva Comarcal  de Vigo e  do Consello Nacional da Federación de Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Telemárketing . Por designación de CIG-Banca formo parte tamén da Dirección Comarcal confederal da Unión Comarcal da CIG de Vigo.

O 26 de xuño de 2010, integrando unha candidatura avalada por 19 asociacións veciñais dun total de 35 federadas e cun apoio final do 80% da súa asemblea xeral extraordinaria, fun elixido Secretario da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo “Eduardo Chao” (FAVEC); responsabilidade que exerzo na actualidade. Así mesmo, no seo da Comisión Permanente da federación son o responsábel das áreas de transporte, servizos municipais e abastecementos.

Son Presidente, e co-fundador, do Colectivo Cultural “Alén” para a Divulgación do Pensamento Marxista e Nacionalista Galego, e fico afiliado de A Mesa pola Normalización Lingüística, do Movemento polos Dereitos Civís (MpDC), da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e da Asociación Cultural O Castro (Vigo). Así mesmo fago parte da organización estudantil nacionalista Comités.

Presenza institucional

No período 2003-2004 fun parte do Consello Escolar de Galiza e do Consello da Xuventude de Galiza en representación dos Comités Abertos de Estudantes.

Na actualidade, como representante titular da FAVEC, fago parte do Consello Social de Lingua (e da súa Comisión Permanente), da Comisión Cidadá de Normalización Lingüística e do Consello Sectorial de Tranportes do Concello de Vigo. Son tamén representante suplente da Federación Veciñal de Vigo no do Consello Social da Cidade (antigo consello económico e social), no Consello Municipal de Educación e no Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade.

Colaboracións e columnas de opinión

Desde o ano 2003 colaboro con artigos e columnas de opinión en diversos medios de comunicación e publicacións periódicas, tanto de Galiza como do ámbito internacional.

Medios nos que son columnista ou colaborador na actualidade:

Outros medios nos que escribín:

(*) Medios actualmente pechados e/ou inactivos.

Así mesmo, fun Director da Revista Dixital de Pensamento Marxista e Nacionalista Galego “Pensar e Axer”, desde o seu lanzamento á Rede o 1 de febreiro de 2010 até o seu peche o 26 de novembro dese mesmo ano.

Blogues

Desde o 26 de febreiro de 2005 son autor de  Contradiscurso, blogue-palestra política onde recollo os meus artigos de opinión e as miñas reflexións sobre temas de actualidade.

O 17 de xuño de 2010 lancei o blogue Desde o barrio, no que abordo cuestións relacionadas coa miña cidade (Vigo) desde a óptica dalguén que fai parte do movemento veciñal.

Fun un promotores da Rede de blogueiras/os en defensa do Galego BLOGUES POLA LINGUA, que naceu oficialmente o 14 de maio de 2008, e son parte tamén da Iniciativa Televisión, manipulación! xurdida o 22 de outubro de 2009, en reacción á manipulación informativa na CRTVG.

Outros blogues dos que fun autor:

Formo parte do blogue comunitario ELOS dende o inicio da súa andaina. Desde setembro a outubro de 2008 fun editor e redactor de contidos do blogue SocioPolítica.es.

Conferencias e palestras 

O 11 de novembro de 2009  participei, como co-relator galego, no seminario “Activismo político na web: como xerar discusión política en internet?”, organizado polo grupo ALE/Os Verdes (por iniciativa de ERC), no Parlamento Europeo (Bruxelas).

O 9 de febreiro de 2011 palestrei como relator, dentro do bloque ‘O galego nos movementos sociais’, nas III Xeiras sobre a Lingua Galega organizadas na Universidade de Vigo polos Comités.

Fotografía

Desde moi novo teño interese pola fotografía. Empurrado polo Instagram, o 5 de abril de 2012 criei un fotoblogue, Anacos, no que publico algunhas das fotografías que fago.

Redes sociais

Teño unha concepción instrumental das potencialidades do web 2.0. Acredito nas redes sociais como unha ferramenta adicional para a acción política, alén das súas funcionalidades como elemento de conexión social. Non son un ciberactivista, porén tamén fago activismo político desde a Rede.

Podes atoparme nas seguintes redes sociais:

Chuzame! A Facebook A Twitter