
Todas/os ficamos acostumadas/os á pésima oferta de programacións que nos ofrece a televisión en practicamente todas as canles privadas do estado e tamén nalgunha pública. Non falo das televisións de pago, xa que eu non as pago e polo tanto tampouco as vexo.
Moito se ten dito sobre a televisión. Sobre como a caixa tonta exerce de ferramenta da máis pura perversión, banalizando, confundindo morbo con interese informativo, ofrecendo doses de violencia desmedida, servindo de soporte para a consolidación da máis atroz violencia estrutural, e naturalizando indignidades ao servizo do propio sistema. A televisión pode ser de todo menos libre, e hoxe por hoxe é de todo menos cultura.
O tratamento da audiencia como unha masa crítica de consumidores é ao meu ver a raíz dalgúns problemas estruturais da incultura televisiva do mundo occidental en xeral, pese a que nada ten que ver a TV francesa, por citar un exemplo que coñezo lateralmente, coa oferta televisiva no Estado Español.
Hai pouco denunciaba a indignidade dos meios de comunicación que trala traxedia do avión de Spanair, se dedicaron a repetir nun bucle insultante as imaxes máis duras. O fodido do asunto, se me permitides a expresión, é que o que se ven de denominar tele-lixo é hoxe o padrón estándar da TV. Só fai falla zapear uns minutos para comprobalo.
Inda así, hai episodios que obrigan a dicir algo. Non é porque rachen a liña habitual de contidos mediocres e mesmo mesquiños, senón porque insultan á intelixencia e ofenden, se cadra máis profundamente.
A ditadura do share, que é o indicador doutra ditadura: a da publicidade audiovisual, produce espectáculos tan bochornosos como ter que ver como unha individua, presuntamente maltratada pola súa parella, sae nun coñecido late night, defendendo ao seu presunto agresor, despois de que este golpease brutalmente a un pobre profesor universitario que fixo o que calquer cidadá/cidadán de ben debería facer perante unha situación de violencia: intervir para tentar protexer ao elemento agredido.
Violeta, a moza ou muller de Antonio Puerta (o seu presunto maltratador e agresor do profesor Neira), cobrou 70.000€, algo así como 12 millóns das antigas pesetas, para entre outras cousas banalizar a violencia de xénero afirmando que a ela de nada lle servira denunciar anos atrás a outra parella por malos tratos... ou para ter que asistir impotentes á equiparación cruel de vítima e verdugo.
O que fixo Violeta supera os límites do soportábel, e o máis probábel é que ao vela todas/os sentísemos a mesma sensación de rabia e impotencia, que gustariamos impulsivamente de proxectar contra dela. Pero o máis fodido é que o seu comportamento é tan só un exemplo, exaxerado e se cadra pouco digno, da asimilación forzosa de feitos que atentan contra a dignidade de calquer muller. As persoas que por desgraza teñan padecido nas súas carnes ou no seu ámbito persoal a lacra execrábel da violencia machista, saben do que estou a falar. Vai máis aló da auto-negación.
Agora critícana, con razón por ter cobrado. Pero o verdadeiramente criticábel é o feito de pagarlle.
Xulguen vostedes mesmas/os.
chúzame -