Semella que no actual panorama de crise financiero-económica a nível internacional (que non afecta aos beneficios empresariais), as receitas do sistema xa non agochan nen cun mínimo de disimulo as súas intencións, que obviamente non pasan por protexer ás clases populares.
Mesmo os adalides da mentira do libre mercado non teñen reparos en empregar agora a estructura do estado, e como non os recursos públicos, para protexer aos poderosos.
Nese marco, nos EUA o governo de George W. Bush acaba de nacionalizar as dúas principais entidades hipotecarias do país, Fannie Mae e Freddie Mac. En Roman Paladino: o governo norteamericano gasta sen rubor os cartos provintes basicamente da clase traballadora para protexer os intereses do gran capital.
Nacionalizar para protexer a plusvalía dos especuladores, esa é a consigna, ao tempo que se atreven con total descaro a descartar calquer medida encamiñada a fortalecer as economías da clase traballadora.
Recoméndovos a leitura do artigo de Xosé Mexuto titulado "Socialismo para ricos" publicado hoxe en Xornal.
chuzame -
No Comments »
Máis aló da democracia "formal", non pode existir unha xenuina democracia real sen unha activa participación sociopolítica. Superar o carácter "representativo" a través de canles de participación directa da cidadanía é o grande repto, se cadra un dos pasos chave nun proceso de verdadeiramente revolucionario.
O papel da cidadanía debe afastarse da dimensión reducida de electores para achegarse á semántica orixinal da democracia.
As persoas deben deixar de ser actores pasivos que só interveñen periodicamente en procesos electorais que ás máis das veces pola súa propia configuración normativa non son democráticos (leis electorais que impiden de facto a representación plural das minorías, maquinaria do mass media ao servizo de determinadas opcións, listas pechadas, modelo de circunscricións...), para converterse en actores protagonistas da vida política. Esa é a verdadeira democracia.
As novas tecnoloxías da información teñen grandes potencialidades como canles útis no propósito de reinvertar a democracia en chave participativa. Polas súas características (accesibilidade, ruputra de fronteiras físicas, interconexión...) a denominada web 2.0 con todos os elementos que a compoñen (redes sociais, blogues, espazos de realidade virtual, streaming...) está a converterse na palestra do século XXI.
Así as infotecnoloxías xa están a sustituir aos pasquíns e aos mitíns nas fábricas do século XIX, con campañas de ciberactivismo de masas, ciberconvocatorias (coa súa versión SMS)... con debates no Youtube, achegando un elemento enriquecedor como é o da colectivización da participación política respetando os espazos da iniciativa individual como desencadenante.
Como sostén Eladio Díez, responsábel do Foro de Investigación e Acción Participativa, nunha interesante entrevista publicada hoxe en Vieiros, "o ciberactivismo é a resposta desde a base a este novo mundo".
_Artigos de interese:
_Ligazóns:
_Descargas relacionadas:
chuzame -
No Comments »
A iniciaciativa da Federación de Asociacións de Escritores Galeusca, que aglutina á Asociació d'Escriptors en Llengua Catalana, a Euskal Idazleen Elkartea e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, é moito máis que unha contundente réplica ao artificio indecente do Manifiesto por una lengua común impulsado polos sectores máis rancios do españolismo.
O contra-manifesto que apresentarou de maneira conxunta o mundo das letras de Euskadi, Catalunya e Galiza, e ao que xa me adherín, podese ler aquí.
É falso que se trate dunha disputa de corte ideolóxico, pese a que é evidente o tufo españolista dos promotores do Manifiesto por una lengua común. É algo máis serio.
O que promoven Savater e Cía., co apoio tácito de grandes meios de comunicación, é xogar ao xogo indecente e inmoral de acusar de vérdugo ás víctimas, de falsear á realidade para intensificar o proceso de esmague de todo o que non sexa xenuinamente nacional-español.
Afirmar que en Galiza, en Catalunya ou en Euskadi, a lingua que sofre unha situación de evidente inferioridade é o español, é tan obsceno e falaz como dicer que as víctimas da segregación racial son os brancos, ou que a culpa da crise é dos traballadores e non dos especuladores financieiros.
Ninguén no seu sano xuizo e en plenas facultades mentais pode afirmar sen faltar de cheo á verdade, que na Galiza a lingua española teña problemas. Se hai un idioma que sufre as consecuencias dun proceso continuado de imposición doutro, de superposición do alleo fronte ao materno, ese é o galego. E isto, recoñeceo calquera, que teña iso sí cando menos un centímetro de fronte.
Esta pantomima, este novo episodio do mundo ao revés, non é froito da inocente ignorancia. Ogallá. É un movemento claro por parte do españolismo que abandoando as sutilezas directamente marcouse o propósito de tentar asoballar, inda máis, todo aquelo que cheire a diferente, que non poida ser controlado pola metrópole do imperio, todo o que non entre no seu cutre, pobre e feble estándar de identidade.
Por iso, o que nos xogamos é algo máis que unha polémica. Tratase de non consentir a infamia de ser dobres víctimas: as do asoballamento cultural e as da manipulación falaz da realidade. Por dignidade.
"As grandes masas sucumbirán máis facilmente a unha gran mentira que a unha pequena" Adolf Hitler.
===
chuzame -
4 Comments »
Se dalgo ten pecado (entre outro moitos defectos) o meu blogue, é de ser ás veces demasiado "formal", e de padecer o cancro da inconstancia/intermitencia. As entradas acostuman ser textos construidos cunha intencionalidade previa, após un certo nível de reflexión ou se queredes de análise. Non está mal, pero penso que esta palestra debe ser algo máis que unha especie de hemeroteca persoal no que poder arquivar os artigos e columnas que escribo en diferentes meios.
Certo é que [CONTRADISCURSO 3.0] gañou frescura coa incorporación de elementos multimedia, destacadamente vídeos do youtube. Pero non abonda.
Os autores, e autoras, que non escritor (eu seguindo a definición de Andreu Buenafuente nun dos seus libros recopilatorio de monólogos, penso que non calquera pola soa razón de escribir pode definirse como escritor) dende o espazo/plataforma que sexa, neste caso unha bitácora na Rede, o que pretendemos é establecer unha comunicación co público, entendendo este non como unha masa compacta, senón como un todo heteroxeneo composto de individuos/as do máis diverso. Esa é a esencia da xénese deste blogue. Comunicar, dialogar. Creeime unha palestra á medida para poder falar, para dirixirme a ti, a quen escoitas/les, se cadra por accidente.
Como podedes comprobar hai algún tempo que non actualizo, en serio, o meu blogue. Non son dos que escribe por ritual, nen por cumprir unha disciplinada planificación. Escribo máis que por pracer, por necesidade. Escribo basicamente porque me peta, e porque dende a miña patolóxica inmodestia coido que teño algo que dicer, sobre todo se hai alguén aí que me queira escoitar, ou ler... e mesmo sen habelo.
Hai unhas semanas fixen unha relación de temas dos que me gostaría falar. Algúns provocanme unha imperiosa necesidade de estoupar verbalmente. Despois de lerme o pseudo-libro/panfleto de Risto Mejide e de estar a rematar A conxura dos necios de J.Kennedy Tole, penso que a listaxe resultante de asuntos sobre os que me apetece opinar mesmo podería ter certo enfoque editorial. Quen sabe.
Esta é a lista:
- Da mediocridade.
- Da dictadura da mediocridade.
- Da resistencia á dictadura da mediocridade.
- O brando, o suave, o tenro.
- A sempre incomprendida retranca.
- Autoridade non é autoritarismo.
- Éxito e fracaso.
- Talento...
- Autobombo e autoodio.
- O politicamente correcto.
- O pensamento gris.
- Contradiscurso.
- Colectivo versus Masa.
- Individuo versus Individualismo.
- Res pública.
- Eu fronte a Nós.
- A imposición das especifidades.
- Envexa, ciumes e medo.
- Os valores secuestrados (disciplina, constancia, esforzo, traballo...)
- Pola graza do erro.
- O valor da palabra.
- O afecto como necesidade.
- Felizmente infeliz.
- Titulación: Licenciado en incompetencia.
- Eu, o cabrón...
Digamos que son os titulares desas cousas que por unha razón ou por outra nunca tiveron cabida na estreitez dunha columna ou no corsé dun artigo de opinión, nos que acostumo a falar basicamente da política digamos oficial, digamos cotiá, digamos estándar. Nun primeiro momento tonteei coa posibilidade de criar outra bitácora específica para este cometido, pero experiencias anteriores fixeron que me decatase de que ás veces é mellor concentrar que extender.
Agardo que esta enumeración me sirva de salvavidas creativo cando a pereza ou a inocurrencia aparezan en escena. Por iso decidín agarrarme a ela, cun dobre obxectivo: implementar un estilo máis directo, máis "dialogado", no blogue, dandolle un tono máis persoal, que non íntimo (habería que ser zote ou apampado para reclamar intimidade perante o ollo indiscreto e pesquisador do blogomillo), e darlle sentido a este blogue, que nas épocas de escasa productividade de artigos e columnas, parece un barco sen tripulación, que deambula pola Web 2.0
Nace pois unha nova "sección" neste blogue. [CON INTENCIÓN] recollerá esta serie de entradas, indeterminadas en número, indefinidas na súa periodicidade, nas que simplemente tentarei proxectar o meu enfoque, coa contundencia propia de quen sempre di as cousas con intención.
Un aviso sobre a nova sección:
non é apta para imbéciles.
chuzame -
No Comments »
O pasado 26 de xuño, cumpriuse o centenario dunha das figuras políticas e sociais latinoamericanas máis senlleiras do século XX. Nacía Salvador Allende Gossens.
A compañeira Silvia Bermúdez, recollía estos días no seu blogue, este feito, cunha entrada que paga a pena ler, titulada 100 anos de Allende.
Colgo eu tamén, o vídeo no que se recolle o último discurso de este insignie revolucionario chileno.
"La revolución no pasa por la universidad, y esto hay que entenderlo, la revolución pasa por las grandes masas, la revolución la hacen los pueblos, la revolución la hacen, esencialmente, los trabajadores."
[VÍDEO] O DERRADEIRO DISCURSO DE ALLENDE
chuzame -
No Comments »
|