8 de marzo, o Primeiro de Maio feminino

Co gallo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, veño de estrear unha nova sección no blogue. En ‘Debullando’ irei publicando notas multimedia, que a xeito de ‘reportaxe’ permitan profundar na análise de temas de relevancia.

Facendo uso da ferramenta Storify, as entradas incorporarán ademais de texto contidos de diversa natureza (ligazóns externas, arquivos, cita de chíos, vídeos…) relacionados co tema abordado co obxecto de enriquecer o tratamento deste. O propósito non é outro que o de compartir contidos que axuden precisamente a debullarmos a realidade desde unha ollada crítica.

Seguir lendo

Chuzame! A Facebook A Twitter

Medra o odio.

Queizán ten toda a razón.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Un cabrón máis.

Semella que os asasinos machistas son como as malas herbas: cando morre un aparece outro…

Chuzame! A Facebook A Twitter

Todo vale na Televisión?


Todas/os ficamos acostumadas/os á pésima oferta de programacións que nos ofrece a televisión en practicamente todas as canles privadas do estado e tamén nalgunha pública. Non falo das televisións de pago, xa que eu non as pago e polo tanto tampouco as vexo.

Moito se ten dito sobre a televisión. Sobre como a caixa tonta exerce de ferramenta da máis pura perversión, banalizando, confundindo morbo con interese informativo, ofrecendo doses de violencia desmedida, servindo de soporte para a consolidación da máis atroz violencia estrutural, e naturalizando indignidades ao servizo do propio sistema. A televisión pode ser de todo menos libre, e hoxe por hoxe é de todo menos cultura.

O tratamento da audiencia como unha masa crítica de consumidores é ao meu ver a raíz dalgúns problemas estruturais da incultura televisiva do mundo occidental en xeral, pese a que nada ten que ver a TV francesa, por citar un exemplo que coñezo lateralmente, coa oferta televisiva no Estado Español.

Hai pouco denunciaba a indignidade dos meios de comunicación que trala traxedia do avión de Spanair, se dedicaron a repetir nun bucle insultante as imaxes máis duras. O fodido do asunto, se me permitides a expresión, é que o que se ven de denominar tele-lixo é hoxe o padrón estándar da TV. Só fai falla zapear uns minutos para comprobalo.

Inda así, hai episodios que obrigan a dicir algo. Non é porque rachen a liña habitual de contidos mediocres e mesmo mesquiños, senón porque insultan á intelixencia e ofenden, se cadra máis profundamente.

A ditadura do share, que é o indicador doutra ditadura: a da publicidade audiovisual, produce espectáculos tan bochornosos como ter que ver como unha individua, presuntamente maltratada pola súa parella, sae nun coñecido late night, defendendo ao seu presunto agresor, despois de que este golpease brutalmente a un pobre profesor universitario que fixo o que calquer cidadá/cidadán de ben debería facer perante unha situación de violencia: intervir para tentar protexer ao elemento agredido.

Violeta, a moza ou muller de Antonio Puerta (o seu presunto maltratador e agresor do profesor Neira), cobrou 70.000€, algo así como 12 millóns das antigas pesetas, para entre outras cousas banalizar a violencia de xénero afirmando que a ela de nada lle servira denunciar anos atrás a outra parella por malos tratos… ou para ter que asistir impotentes á equiparación cruel de vítima e verdugo.

O que fixo Violeta supera os límites do soportábel, e o máis probábel é que ao vela todas/os sentísemos a mesma sensación de rabia e impotencia, que gustariamos impulsivamente de proxectar contra dela. Pero o máis fodido é que o seu comportamento é tan só un exemplo, exaxerado e se cadra pouco digno, da asimilación forzosa de feitos que atentan contra a dignidade de calquer muller. As persoas que por desgraza teñan padecido nas súas carnes ou no seu ámbito persoal a lacra execrábel da violencia machista, saben do que estou a falar. Vai máis aló da auto-negación.

Agora critícana, con razón por ter cobrado. Pero o verdadeiramente criticábel é o feito de pagarlle.

Xulguen vostedes mesmas/os.

[kml_flashembed movie="http://es.youtube.com/v/ckpJtjaXx5g" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Chuzame! A Facebook A Twitter

Malditos cínicos.

Reproduzo aquí a miña última entrada no blogue comunitario ELOS. Basicamente tratase de entradas encadeadas pola última frase da anterior… Había tempo que tiña ganas de falar do tema que trato nesta entrada a xeito de microrelato de “ficción”. Agardo sexa do voso gosto. Agradecense, coma sempre, comentarios.

Que afortunados fomos por telo máis de vinte anos amargándonos a existencia…

Afortunados por ter soportado todas as súas teimas, as súas lerias. Afortunados por ter sobrevivido ás súas conspiracións de bar.

Afortunados por ter resistido ao totalitarismo da súa mediocridade.

É a hora de celebrar o fin dunha era. O intre no que festexar que gostamos de vivir se cadra un cacho máis libres ao desprendernos da súa compaña.

Disque a regra sentencia que todos somos bos de mortos. El se cadra é a excepción da norma.

O primeiro que me preguntei tras ler a noticia no xornal, é como ela foi quen de aturalo tanto tempo. ¿Como se pode perdoar a primeira labazada, como se pode esquecer forzadamente a primeira humillación?

Só me podo imaxinar que fronte a unha dor insoportábel un poida tirar man dunha venda que poñerse sobre os ollos…

Pero… e ese cruel e cómplice silencio? Porque os seus veciños nunca denunciaron o alboroto que provocaban as sanguentas malleiras ás que sometía á súa dona? Porque os profesores tragaron coa leria de que as mancaduras dos cativos eran froito de pequenos accidentes domésticos? Porque os seus compañeiros de traballo fixemos a vista gorda cando tiñamos en fronte un cabrón de tal magnitude?

Non fun ao seu enterro, pese a ter compartido mesa na oficina durante 20 anos. Non fun, porque seica cuspir está prohibido en campo santo, o mesmo que recibe cos brazos abertos aos asasinos metidos a suicidas.

El acoitelouna até o coma profundo por celos infundados. O prognóstico reservado é a incerteza que apuñala hoxe os nosos estómagos. Ogallá sobreviva, esa será a vinganza da humanidade.

Logo estivo a procura dos nenos, que por sorte déronse agochado no faiado. E covardemente rematou quitándose a vida nunha improvisada e chapuceira forca no medio da cociña. Os que viron a escena contan que semellaba un cocho colgado no día da matanza.

E algúns seguen a chamarlle problemas domésticos… Malditos cínicos.

*Nota do autor: este microrelato é unha ficción cecais demasiado real…

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tamén son familia: SI á diversidade familiar!

MANIFESTO “REDE POLA DIVERSIDADE FAMILIAR”

Os asinantes deste manifesto concibimos a rede como unha fonte de información e entretemento, pero tamén de activismo e participación social. Desde a disparidade ideolóxica, relixiosa, racial e sexual únenos o noso compromiso coa igualdade e a diversidade. Por iso, reafirmamos o noso compromiso co respecto e a tolerancia cara os distintos modelos familiares. Os tempos cambiaron e o modelo tradicional de familia convive hoxe con outros tipos, como as familias monoparentais ou homoparentais. Entendemos que esta diversidade enriquece notabelmente a nosa sociedade e, con tristeza, vemos día tras día como algúns sectores conservadores e retrógrados, encabezados polas xerarquías eclesiásticas, tentan impoñer un modelo excluinte de familia tradicional. Por todo iso expresamos:

- O noso máis firme REXEITAMENTO ás actitudes de exclusión e discriminación que algúns sectores conservadores, liderados pola Igrexa católica, mostran cara os distintos modelos familiares que conviven hoxe na nosa sociedade. Consideramos que detrás da súa enfática defensa do modelo de familia “tradicional” agóchase a intransixencia e o odio á diferenza. Defendemos a diversidade como un trazo enriquecedor, tamén no ámbito familiar, e, por iso, esiximos respecto e tolerancia para todos e cada un dos modelos de familia existentes.

- A nosa sólida DEFENSA da igualdade e a diversidade, e polo tanto, do dereito de todo cidadán, sen importar a súa orientación sexual, a amar, contraer matrimonio e construír a súa familia libremente. Actualmente na nosa sociedade existen distintos tipos de modelos familiares e todos deben gozar do mesmo respecto e consideración cos mesmos dereitos e obrigas.

Para rematar chamamos á MOBILIZACIÓN social para seguir avanzando en igualdade e construír unha sociedade máis libre, igualitaria e diversa. Só coa participación e a visibilidade será posíbel frear as actitudes discriminatorias, intolerantes e intransixentes que seguen existindo e condenando a diferenza.

TODAS AS FAMILIAS IMPORTAN
SI Á DIVERSIDADE FAMILIAR

Asina AQUÍ

 

 


Promove: Rede pola Diversidade Familiar.

Chuzame! A Facebook A Twitter