Esta cuarta feira Bautista Álvarez estivo en Vigo. Para alén do motivo formal –a apresentación do primeiro volume das súas obras escollidas, lectura que recomendo encarecidamente– o acto resultou nunha moi interesante palestra na que co seu verbo valente e a súa lúcida, ás veces mesmo afiada, análise debullou algunhas das cuestións de maior relevo neste momento histórico.
Recoñezo que pouco podo dicir do camarada Bautista que non se dixera ou que non teña dito xa. Certamente constitúe unha das principais referencias do nacionalismo galego contemporáneo, malia que haxa quen pola súa visión nesgada se negue a recoñecer o incontestábel.
No éxito da folga xeral contra a LOMCE do pasado 9 de maio albiscouse a renovada fortaleza do movemento estudantil. A numerosa presenza de alunado nas rúas, testemuña que a loita estudantil ten presente e futuro. Hai novas enerxías, tamén novas formas e en parte novos discursos, mais consérvase a esencia combativa que vertebrou a loita das organizacións estudantís desde ERGA até os nosos tempos.
A II Asemblea Nacional dos Comités, que tivo lugar este sábado, resultou nun anovado compromiso para conquistar un ensino galego, público e de calidade. Expresouse tamén, de maneira explícita o compromiso de propiciar a recuperación da unidade do movemento estudantil nacionalista, que nunca se debera ter perdido. Semanas atrás a Liga Estudantil Galega, na súa asemblea, cadraba resolver en termos semellantes. Primeiros pasos, dunha andaina que algúns confiamos resulte nunha non moi lonxana confluencia organizativa. É tempo de suma, de sinerxía, de facermos fronte común nomeadamente quen partillamos unha mesma visión acima das coordenadas do nacionalismo popular.
Ese vieiro, amais dunha obriga, é unha oportunidade para artellarmos a grande organización estudantil nacionalista galega coa que aglutinar a eses milleiros de estudantes que fican dispostas e dispostos a se sumar á loita por unha realidade diferente.
Rafael Correa, recentemente re-elixido Presidente do Ecuador con preto do 60% dos votos, protagonizara unha polémica entrevista conducida pola xornalista Ana Pastor, daquela directora dos Almorzos informativos de TVE, cargo do que foi cesada tras o regreso do PP ao Goberno español. Naquela oportunidade Correa gañara sen dúbidas o envite dunha entrevista moi incisiva coa que Pastor procurou, sen exito, acurralar ao lider da esquerda ecuatoriana botando man do argumentario da dereita mediática daquel país.
Hoxe vén de publicarse unha nova entrevista, que puxo fronte a fronte un ano despois aos mesmos actores. Desta volta en CNN, Ana Pastor debullou –nun tono moito máis medido e prudente que na anterior cita– os principais asuntos de actualidade (eleccións en Venezuela, hipotecas, situación económica do Ecuador, crise…) e novamente Correa, despregando grandes doses de pedagoxía e cun discurso claro e directo, volveu deixar en evidencia o relato informativo dos mass media, parcializado e ideolóxico. Correa mesmo se atreveu a preguntarlle á xornalista a respecto da súa saída de TVE.
En todo caso, o mellor é velo e oílo. Eis os vídeos:
Mario Draghi, Presidente do Banco Central Europeo –a póla financeira da Troika neoliberal- compareceu esta mañá perante o Parlamento español. Fíxoo a porta pechada. Sen acta e baixo unha desmesurada censura (inhibidores de sinal que bloquearon as comunicacións móbiles, impedindo a retransmisión da sesión tanto a deputadas/os como a xornalistas).
Foron apenas 20 minutos, que consistiron basicamente nunha reiteración dos xa coñecidos paradigmas neoliberais. Deito aquí as 8 ideas principais que tirei da súa pomposa e bastante aburrida intervención (en paréntese e cursiva formulo as miñas precisións a xeito de tradución do que en realidade significa o que dixo):
A necesidade de que os parlamentos “nacionais” entendan a necesidade de se someteren aos intereses “comúns” da UE.
Os axustes (contrareformas e paquetes de recortes) non están a producir aínda efectos (positivos) na vida cotía da xente pero chegarán. Paciencia.
Defensa dos axustes como mecanismo para lograr un “funcionamento máis xusto da economía”.
A receita chave: contención e redución de custes laborais, en base a unha maior competitividade (alargar a explotación laboral para lograr unha maior produtividade que permita unha maior apropiación de plusvalía polo Capital) e a moderación salarial (empobrecemento de salarios directos e indirectos).
Defensa cerrada das políticas do BCE en materia monetaria e de crédito, que terían –segundo el—estimulado o financiamento de empresas e fogares (u-lo?). O BCE destinou nos momentos “álxidos” da crise até 1,2 billóns de euros en operacións de crédito para financiar as entidades bancarias, en aplicación do criterio de habilitar “un volume ilimitado de crédito aos bancos”.
Sinalou como un factor moi positivo (para quen?) “ter eliminado dos balances da banca (privada) os activos tóxicos (resultantes das súas operacións especulativas)” así como a recapitalización das entidades financeiras a cargo de fondos públicos (socialización das perdas).
A longo prazo as chaves serán afondar na unión monetaria e complementar esta coa unión fiscal, bancaria, económica e política (rumbo á UE como SuperEstado ao servizo da oligarquía transnacional). A respecto da unión económica salientou a importancia de mellorar a competitividade no mercado de “produtos e de traballo” (O mercado laboral único que preconizou Merkel?)
A conclusión empatou coa tese de inicio, chamando aos consensos nacionais (isto é a acordos tipo PASOK-ND ou PPSOE) e a necesaria “interlocución” coas autoridades da UE.
Coñecido o argumentario e padecidas as receitas, fica algunha dúbida da necesidade imperiosa de abandonarmos a UE e o euro?
Fidel Castro é unha das personalidades máis senlleiras do século XX e continúa a ser unha figura chave neste primeiro treito do novo milenio. Fidel é sinónimo de entrega, de compromiso, de aguda intelixencia, de argumentación e conversa, de honestidade, de pedagoxía, de firmeza nas ideas, de coherencia intachábel, de valentía e coraxe, de sacrificio, de traballo, de maiúscula Humanidade. Máis sobre todo Fidel é exemplo. Exemplar é a súa xigantesca fortaleza ética, que fixo posíbel conciliar o ‘necesario’ co ‘xusto’, e co ‘digno’. A república da Virtude que ensoñaba Robespierre había estar constituída sobre exemplaridades semellantes. Como exemplar é a revolución que contribuiu a edificar nunha pequena illa do Caribe, e que sigue a ser un grande facho de liberdade e xustiza social fronte a barbarie do Imperio que a bloquea.
Hoxe Fidel cumpre 86 anos. E para o celebrar partillo convosco 4 libros e 424 artigos (desde 2007 até 2012) da súa autoría, nos que se recolle unha boa parte do seu pensamento e da historia revolucionaria de Cuba. Máis 2 libros e 3 documentais para contribuír a coñecer mellor, por boca doutros, esta figura irrepetíbel.
Grazas Comandante polo teu exemplar compromiso revolucionario. Por moitos anos máis. Viva Cuba Socialista!
Unha semana despois das masivas mobilizacións sindicais contra o recortazo de Rajoy, o clamor social volveu a expresarse nas rúas, ateigando Compostela co gallo da celebración, unha vez máis exitosa, do Día da Patria.
A celebración deste 25 de xullo foi unha constatación da ligazón intrínseca que noso país existe entre a cuestión social, de clase, e a nacional. Nas consignas e nos ánimos dos milleiros de persoas que secundaron a convocatoria do BNG, agromaba a consciencia de que a liberación social e a nacional son un proceso indisoluble e indivisible.
Este xoves tiveron lugar, no noso país, preto dunha vintena de mobilizacións estudantís contra os recortes no ensino anunciados polo Partido Popular. As convocatorias impulsadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, e de xeito especial polas organizacións xuvenís e estudantís nacionalistas, congregaron a milleiros de estudantes. Na Coruña e Compostela manifestáronse de 4.000 e 3.000 persoas respectivamente. En Vigo foron máis de 2.500 as e os manifestantes. Ao cabo, totalizaron máis de 10.000 as e os estudantes galegos que clamaron en defensa do ensino público nunha xornada de folga que rexistrou un paro de entre o 80 e o 90%, tanto en institutos como na universidade.
A oposición á brutal suba das taxas, que se prevé sexa de até o 66%, foi o principal leitmotiv das consignas estudantís. Un incremento inxusto e antisocial que concitou tamén un consenso inédito. Os reitores das tres universidades galegas manifestáronse contra del.
As mobilizacións do xoves son un serio aviso ao Partido Popular, tanto no goberno galego como no español. A inmensa maioría social oponse ao regreso da universidade das elites, con acceso reservado só para as clases acomodadas. Unha regresión antisocial. As organizacións estudantís xa advertiron que se non hai rectificación isto só será o comezo dunha loita que se antolla intensa e prolongada. Polo momento a Plataforma Galega encetará este luns unha vaga de peches rotativos nos centros educativos.