
Recentemente tense desatado un polvorín meiático e público, máis artificial que espontáneo, encol do que se ten denominado na Rede como "caso Valadés".
Pedro Gómez Valadés é o Presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel, AGAI, e era responsábel da área de cultura e lingua da Executiva Comarcal do BNG de Vigo. O problema, por dicilo dalgunha forma, xurde cando se valora o grao de incompatibilidade entre manter ambas responsabilidades, polo risco de contradicción no exercicio desa dupla vertente.
O Bloque Nacionalista Galego non é unha asociación cultural, nen gastronómica, é unha organziación política, democrática e plural, que se rixe polos seus estatutos e que posúe a diferenza de entidades doutro tipo dun ideario propio que é, e debe ser, o denominador común da súa afiliación. Non tería sentido formar parte dunha asociación ecoloxista se un fose propietario ou administrador dunha empresa celulosa contaminante... A entrada no BNG é libre e individual, ninguén fica obrigado a formar parte do Bloque, pero aquel que decide dar o paso de afiliarse debe cumprir unicamente dous requisitos que emanan do máis sinxelo e simple sentido común: aceitar e acatar as normas de xogo e compartir o corpus ideolóxico da organización.
O BNG é por definición, e así o ten acordado a súa base militante, unha organización anti-imperialista que proclama o direito universal dos povos á súa libre autodeterminación e que defende unhas relacións internacionais de mutuo respeto en pé de igualdade entre todos os povos e nacións do mundo.
Pedro Gómez Valadés coa súa pertenza como Presidente, e promotor, da AGAI incorre nunha máis que evidente contradicción pola súa calidade de dirixente comarcal do BNG. A posición do BNG sobre o conflicto palestino-israelí é de vello coñecida e fica claramente reflexada na acción política da fronte: Hai un povo oprimido e usurpado do seu dereito á autodeterminación, asoballado por unha potencia militar aliada dos EUA, Palestina; e hai un estado opresor e que permanentemente vulnera a legalidade internacional (asasinatos selectivos, peche das canles de distribución de mercadorías con Palestina, o muro da vergoña...), Israel.
Esa definición, ou descrición en chave de análise política, do conflicto por moi sintética que sexa non é maniquea. O que sí é cínico é equiparar víctimas con verdugos, pedras con tanques, oprimido e opresor, facendolle o xogo aos intereses xeoestratéxicos de Israel e os EUA, (máis cando comeza a verse con claridade a posibilidade real da constitución dun estado Palestino), na procura de apoios internacionais para diluir ao máximo a soberanía dese futuro estado palestino e desfigurar a súa composición xeográfica.
É evidente que o nacemento de loobies pro-israelies, agochados cecais trala demagoxia da amizade entre povos, é unha boa nova para o sionismo, que coa súa maquinaria diplomática, e a súa rede consular, os empregará como satélites do seu aparallo de propaganda, unha vez se decataron de que perderon a batalla das ideas perante a comunidade internacional. Porque un código tatuado no antebrazo hai sesenta anos non lexitima o asasinato da povoación civil palestina.
Escudarse na falsedade de que se está a negar o Holocausto, cando por activa e por pasiva, a esquerda, a galega pero tamén a internacional, desde os seus máis variados espectros ideolóxicos ten condeado con total rotundidade o xenocidio xudeu, é producto dunha artimaña de mercadotecnia do victimismo, e un insulto á intelixencia das persoas.
No fondo o caso Valadés non trata arredor da expulsión ou non dun afiliado do BNG, aspecto que decidirá en tempo e forma, conforme o estatutariamente establecido, a propia organización.
Moi ao seu pesar, Pedro Gómez Valadés non é tan relevante como para ser a pedra de toque deste debate, pese a súa intencionada campaña intoxicación mediática contra da organización que di defender (só hai que escoitar a súa entrevista na COPE con Cesar Vidal, o mesmo que defende un revisionismo da historia de España na liña da doctrina do Movemento, negando a guera civil ou que a Dictadura fose tal...) e pese ao goteo de adhesións e apoios nada espontáneos de intelectuais da progresía, desde Manolo Bragado até Pilar Rahola.
O debate é outro. E Valadés sábeo. Fica claramente definido na Carta Aberta que os seus afíns dirixiron ao portavoz nacional do BNG: "(...) a mesma formulación dos Dereitos humanos individuais sempre debe preceder a calquera consideración de carácter colectivista(...)".
O tema non é novo. Cecais o problema é que este tipo de cuestións enquistaron e negan ao propio sentido común. A confusión interesada entre o lexítimo direito á discrepancia e a práctica da disidencia, ou o proceso de desideoloxización que promove un sector do BNG argumentando posicións de tacticismo e pragmatismo na conquista de espazos de poder institucional, entroncan de cheo coa concepción individualista que o propio sistema impón a través da máis sutil violencia estructural de cara a desarticular de facto calquer atisbo de alternativa crítica e posíbel.
É no fondo unha contraposición de concepcións da política ben diferentes. Dunha banda aqueles que a conciben con perspectiva biográfica, en chave personalista, enfatizando os espazos para a indivualidade, en detrimento do conxunto/colectivo. Doutra os que a entendemos recoñecendo o valor engadido que xera a sinerxia do corpo común, que a concibimos en perspectiva histórica.
O BNG non é unha federación de individuos librepensadores, senon a expresión política organizada, e absolutamente plural, de milleiros de persoas que compartimos arelas e un proxecto transformador/revolucionario determinado por trazos ideolóxicos definidos con rotunda nitidez.
Ninguén lle negou a Valadés nen a ningún afiliado o direito a discrepar interna e publicamente, se for preciso, da liña política que marca democraticamente o conxunto da organización. Pero disidir é separarse, e non hai posibilidade de separarse desde dentro, só cara fora.
===
Artigo publicado en Xornal.com o 15/03/07, en Mundo Galiza o 16/03/07, en Inforosal o 17/03/07, en Rebelión o 22/03/07.
chuzame -