'Sobre o blogue' Category

Nace ContraDiscurso TV

setembro 21st, 2008 setembro 21st, 2008
Posted in CDtv, Sobre o blogue, web 2.0
5 Comments »

Pois iso, que grazas á plataforma World TV, decidín crear a miña propia canle de TV por internet.

ContraDiscurso Televisión nace coa pretensión de complementar con documentos audiovisuais que son do meu interese os contidos deste blogue.

A canle, que ten certas funcionalidades da televisión á carta (pódese ir zapeando sobre os vídeos que estean na grella), servirá como un novo soporte para o contradiscurso facendo visíbel e compartindo contidos que polo seu carácter crítico e antisístemico distan moito do que ofrecen os medios oficiais.

Documentais sobre Venezuela, vídeos do Ché, sobre Salvador Allende, intervencións de Anxo Quintana, curtametraxes... Hai e haberá de todo un pouco.

Tamén, de forma ocasional incluirei videomensaxes propias, convertendo por uns minutos a canle no meu particular videoblogue. Veremos en que queda esa pretensión.

ContraDiscurso TV está aberta ás vosas propostas. Se hai algún vídeo que pensades que sería interesante incorporar, tan só tedes que propolo por correo electrónico a tv@contradiscurso.net

Así mesmo tedes a posibilidade de embebela no voso propio sitio web.

Agardo que este novo proxecto sexa do voso agrado.

Chuzame! chúzame -

Un chisco de autobombo

setembro 19th, 2008 setembro 19th, 2008
Posted in Sobre o blogue
No Comments »

Son dos que ten recoñecido por activa e por pasiva, mesmo dun xeito máis que explícito, que tendo en conta que a vontade dun autor é a de compartir a súa creación co público, o número de visitas pese a falsa modestia que o nega, si que é relevante.

Por suposto que ninguén escribe para bater unha determinada marca no número de visualizacións, pero este é un indicador relevante para as creacións dixitais, do mesmo xeito que a tiraxe de cada edición e o número de edicións son importantes para un/unha escritor/a. Negalo é na maior parte dos casos puro cinismo.

Estou moi satisfeito coa evolución no número de visualizacións deste blogue nos últimos 4 meses, en permanente ascenso, e do feito de que no que levamos de setembro xa superase o maior número de visualizacións dende que abrín esta bitácora, correspondente a abril deste mesmo ano.

Alégrome non por ego, senón porque detrás desas cifras estades cada unha e cada un dos que me adicades un inmerecido chisco do voso tempo lendo o que teño que dicir. Gústame saber que estades ao outro lado.

Non me esquezo tampouco, inda que non teño datos e supoño que seredes moi poucas/os, daquelas/es que me seguides mediante subscrición ao RSS.

Grazas a todas/os. Vós sodes as/os que lle dades sentido a CONTRADISCURSO.

Chuzame! chúzame -

Novo deseño

setembro 15th, 2008 setembro 15th, 2008
Posted in Sobre o blogue
5 Comments »


Hai poucos días Alberte mudaba a aparencia do seu blogue. Ese cambio e o feito de que levo xa algunhas semanas na procura dun novo deseño para o meu, é o que explica que esta mañá CONTRADISCURSO 3.0 aparecese cunha faciana completamente renovada, sen previo aviso.

O cambio é profundo, case que extremo, en comparación co anterior deseño. Xa de cambiar, facelo de maneira radical, non?

Os contrastes son evidentes. O novo deseño é moito máis claro, sinxelo, limpo... e mesmo algo minimalista. Nada que ver coa estética tecno-pop anterior.

As cores, fundamentalmente branco, gris e marrón, son moito máis confortábeis para a vista.

Gosto moito do resultado, e agardo que vos gostedes tamén del, inda que o máis probábel é que este tampouco sexa o definitivo.

Agradécense os comentarios.

Chuzame! chúzame -

Experimento: publicidade no blogue.

setembro 2nd, 2008 setembro 2nd, 2008
Posted in Sobre o blogue
4 Comments »


Como puidechedes ter comprobado, dede hai uns días incorporei algúns espazos publicitarios, do programa Google AdSense, ao blogue.

O obxectivo non é tanto obter rendementos económicos, senón testear se un blogue cun fluxo de visitas coma o meu (2.500 visualizacións mensuais) resultaría rendábel a través de insercións publicitarias. O experimento durará en principio un mes (até outubro) e publicarei os resultados.

Prentendín que os anuncios armonizaran no estético co deseño do blogue, polo que rexeitei a opción de banners gráficos. Agardo que estas pequenas doses de publicidade non resulten molestas.

Toda esta leria ben a conto dun proxecto ao que lle estou a dar voltas, e do que proximamente agardo poder ir adiantándovos cousas. O único que podo dicer é que está relacionado coa web 2.0 e a comunicación.

Chuzame! chúzame -

Entrada nº 100

agosto 4th, 2008 agosto 4th, 2008
Posted in Sobre o blogue
2 Comments »

Xa son cen, as entradas neste blogue, que ten sufrido moitos cambios e mutacións ao longo de todo este tempo: redeseños, incorporación de contidos multimedia, traslados, novas seccións...

Máis que para celebrar, este tipo de cousas normalmente animanme a botar un chisco a vista a atrás para comprobar o camiño percorrido.

Teño a idea de que comecei a escribir en plena pre-adolescencia, inda que os primeiros traballos realmente elaborados, publiqueinos na revista "O besbello Saltón" do meu instituto, o IES Alexandre Bóveda de Vigo (coñecido popularmente como Coia II), e no boletín "O Moucho" que editabamos con moitas ganas, e penso que sen demasiado talento, a equipa de normalización lingüística do centro, aló polo 1998, con 14 anos. Non me decatara de que xa pasaron dez...

O meu primeiro artigo de opinión en prensa, foi publicado no xornal A Peneira, dirixido polo meu bo amigo Guillermo Rodríguez, penso que arredor do ano 2003. Non conservo o texto nen a data exacta, desgrazadamente, pero si lembro o título: "Política é convencer".Toda unha declaración de intencións.

Despois comecei a colaborar noutros moitos meios, de Galiza, de Barcelona, de Madrid, de Cantabria... Primeiro de maneira intermitente, e despois xa con relativa continuidade.

Lembro que unha das colaboracións que máis satisfacción me produxo, foi con A Nosa Terra, onde publicaron, entre outros, case que a toda páxina o meu artigo "Memoria e sentidiño". ANT para min, pese aos cambios que viveu recentemente, segue a ser a herdeira da cabeceira que con tanto esforzo sustentaron Anxel Casal ou Alexandro Bóveda.

Escribir para Rebelión, que para min dende que comecei a navegar, sen rumo claro daquela, pola Rede, sempre fora un portal de referenza, tamén supuxo unha grande satisfacción.

Sen ter case nen idea de como funcionaba iso da incipiente web 2.0, o 5 de xuño de 2004, aventureime a abrir o meu primeiro blogue, que titulado "Nova Ágora" non pasou da entrada de presentación.

Non sería até o ano seguinte, o sábado 26 de febreiro de 2005, cando nacería verdadeiramente CONTRADISCURSO, na súa primeira versión, aloxado en Blogcindario.

A idea orixinal era a de utilizar o blogue como unha caste de hemeroteca persoal no recoller, no que arquivar, todos os artigos que ía publicando en diferentes meios, para evitar perdelos... esa idea foi evolucionando e ampliandose, sobre todo nestos últimos meses.

O 28 de agosto de 2006, e despois de que a primeira versión recibise máis de 4000 visitas, nacía CONTRADISCURSO 2.0, no actual aloxamento en BloGaliza.

Logo seguirían algúns pequenos cambios até o redeseño do blogue que daría lugar á terceira versión o 3 de abril deste ano, baixo o amparo do dominio www.contradiscurso.net

Dende que activei as estatísticas en BloGaliza, Contradiscurso leva recibidas 5198 visitas, e 13845 visualizacións, ademáis de 47 comentarios.

En síntese, e sumando, sodes máis de 9.000 as/os visitantes que recebeu o meu blogue dende a súa primeira versión. Reflexo as cifras non por vanidade, senón por profundo agradecemento.

Cada visita, cada comentario, é a razón que da sentido á existencia desta bitácora.

Dicía no 2005, en Nova Ágora que "A finalidade última de quen escribe, entendo a escritura como un acto comunicativo, é o de transmitir, comunicar, dar a coñecer".

Digamolo claro, e sen agocharse tralo cinismo da impostada humildade: escríbese para ser lido. Do mesmo xeito que se canta para ser escoitado, ou se interpreta sobre un escenario para ser visto. Non é autobombo, nen vanidade, nen egocentrismo. É compartir.

E o meu desexo é continuar a compartir, non cen senón mil entradas máis con todas e con todos vós.

Grazas.

Chuzame! chúzame -

CON INTENCIÓN sempre.

xullo 12th, 2008 xullo 12th, 2008
Posted in Sobre o blogue, [CON INTENCIÓN]
No Comments »

Se dalgo ten pecado (entre outro moitos defectos) o meu blogue, é de ser ás veces demasiado "formal", e de padecer o cancro da inconstancia/intermitencia. As entradas acostuman ser textos construidos cunha intencionalidade previa, após un certo nível de reflexión ou se queredes de análise. Non está mal, pero penso que esta palestra debe ser algo máis que unha especie de hemeroteca persoal no que poder arquivar os artigos e columnas que escribo en diferentes meios.

Certo é que [CONTRADISCURSO 3.0] gañou frescura coa incorporación de elementos multimedia, destacadamente vídeos do youtube. Pero non abonda.

Os autores, e autoras, que non escritor (eu seguindo a definición de Andreu Buenafuente nun dos seus libros recopilatorio de monólogos, penso que non calquera pola soa razón de escribir pode definirse como escritor) dende o espazo/plataforma que sexa, neste caso unha bitácora na Rede, o que pretendemos é establecer unha comunicación co público, entendendo este non como unha masa compacta, senón como un todo heteroxeneo composto de individuos/as do máis diverso. Esa é a esencia da xénese deste blogue. Comunicar, dialogar. Creeime unha palestra á medida para poder falar, para dirixirme a ti, a quen escoitas/les, se cadra por accidente.

Como podedes comprobar hai algún tempo que non actualizo, en serio, o meu blogue. Non son dos que escribe por ritual, nen por cumprir unha disciplinada planificación. Escribo máis que por pracer, por necesidade. Escribo basicamente porque me peta, e porque dende a miña patolóxica inmodestia coido que teño algo que dicer, sobre todo se hai alguén aí que me queira escoitar, ou ler... e mesmo sen habelo.

Hai unhas semanas fixen unha relación de temas dos que me gostaría falar. Algúns provocanme unha imperiosa necesidade de estoupar verbalmente. Despois de lerme o pseudo-libro/panfleto de Risto Mejide e de estar a rematar A conxura dos necios de J.Kennedy Tole, penso que a listaxe resultante de asuntos sobre os que me apetece opinar mesmo podería ter certo enfoque editorial. Quen sabe.

Esta é a lista:

  1. Da mediocridade.
  2. Da dictadura da mediocridade.
  3. Da resistencia á dictadura da mediocridade.
  4. O brando, o suave, o tenro.
  5. A sempre incomprendida retranca.
  6. Autoridade non é autoritarismo.
  7. Éxito e fracaso.
  8. Talento...
  9. Autobombo e autoodio.
  10. O politicamente correcto.
  11. O pensamento gris.
  12. Contradiscurso.
  13. Colectivo versus Masa.
  14. Individuo versus Individualismo.
  15. Res pública.
  16. Eu fronte a Nós.
  17. A imposición das especifidades.
  18. Envexa, ciumes e medo.
  19. Os valores secuestrados (disciplina, constancia, esforzo, traballo...)
  20. Pola graza do erro.
  21. O valor da palabra.
  22. O afecto como necesidade.
  23. Felizmente infeliz.
  24. Titulación: Licenciado en incompetencia.
  25. Eu, o cabrón...

Digamos que son os titulares desas cousas que por unha razón ou por outra nunca tiveron cabida na estreitez dunha columna ou no corsé dun artigo de opinión, nos que acostumo a falar basicamente da política digamos oficial, digamos cotiá, digamos estándar.  Nun primeiro momento tonteei coa posibilidade de criar outra bitácora específica para este cometido, pero experiencias anteriores fixeron que me decatase de que ás veces é mellor concentrar que extender.

Agardo que esta enumeración me sirva de salvavidas creativo cando a pereza ou a inocurrencia aparezan en escena. Por iso decidín agarrarme a ela, cun dobre obxectivo: implementar un estilo máis directo, máis "dialogado", no blogue, dandolle un tono máis persoal, que non íntimo (habería que ser zote ou apampado para reclamar intimidade perante o ollo indiscreto e pesquisador do blogomillo), e darlle sentido a este blogue, que nas épocas de escasa productividade de artigos e columnas, parece un barco sen tripulación, que deambula pola Web 2.0

Nace pois unha nova "sección" neste blogue.  [CON INTENCIÓN] recollerá esta serie de entradas, indeterminadas en número, indefinidas na súa periodicidade, nas que simplemente tentarei proxectar o meu enfoque, coa contundencia propia de quen sempre di as cousas con intención.

Un aviso sobre a nova sección:

non é apta para imbéciles.

Chuzame! chúzame -

Tempo…

abril 26th, 2008 abril 26th, 2008
Posted in Caixón de Sastre, Sobre o blogue
No Comments »

"Non é o tempo o que nos falta. Somos nós quen lle faltamos a el" - Paul Claudel (1868-1955)

Tempo foi o que me faltou ao longo destos últimos días. Para todo, e tamén para poder actualizar o blog. Non gosto de actualizar por actualizar, ou para evitar que no calendario da bitácora haxa datas sen anotación.

Cando menos así podo asegurar que cada cousa que escribo, cada vídeo que colgo, cada reseña que fago, fagoa con total intención.

Agardo ter algo máis de tempo cando remate esta semana mortal, de poucas horas de sono e demasiado traballo, para adicarllo ao blog.

Hoxe máis que nunca, GRAZAS por visitar este recuncho da Rede.

Chuzame! chúzame -

Inda máis cambios no blog

abril 5th, 2008 abril 5th, 2008
Posted in Sobre o blogue
3 Comments »

Outra volta de torca no proceso de renovación do blog. Tralo cambio na súa apariencia e estructura, viñeron máis cambios.

O principal ten que ver co acceso ao propio blog, que agora podedes visitar tamén a través do dominio www.contradiscurso.net

Por outra banda fixen unha actualización a fondo no apartado de ligazóns.

Unha das incorporacións máis solicitadas, sobre todo, por parte das/os visitantes non galegas/os, era a posibilidade de acceder aos contidos do blog en español, función que xa está operativa. Para ver o blog en lingua española, tan só hai que premer no ítem (En español) do menú superior. A traducción está automatizada baixo OpenTrad.

Incluín, tamén no menú superior, unha sección de Contacto, na que vos facilito o meu enderezo electrónico.

Convídovos a comentar os cambios: Vós diredes!

Chuzame! chúzame -

Reforma a fondo

abril 3rd, 2008 abril 3rd, 2008
Posted in Sobre o blogue
No Comments »

Máquina de escribir.Como podedes comprobar acabo de darlle un profundo lavado de cara ao blog, cun cambio de apariencia, pero tamén de estructura e contidos.

Unha presentación máis moderna, limpa, clara e fácil de ler, que se conxuga coa implementación de novos recursos como son os titulares de numerosos meios de comunicación a través das súas RSS.

Dende que activei as estatísticas o blog recibiu xa preto de 3000 visitas únicas (exactamente 2914) superando as 6000 visualizacións. Aproveito para darvos as GRAZAS polas vosas lecturas que son as que lle dan sentido a esta palestra.

Agora cun deseño novo plantexome dous novos obxectivos que agardo ser quen de conquerir: Primeiro actualizar con maior asiduidade, publicando máis entradas. Segundo acadar unha maior participación pola vosa banda, como visitantes, a través dos comentarios, que son o mellor indicador do grao de vitalidade do blog, e aos que me comprometo a respostar.

Agardo as vosas opinións. Vós diredes.

Chuzame! chúzame -

As túas novas

decembro 27th, 2007 decembro 27th, 2007
Posted in Sobre o blogue
No Comments »

AGORA ES TI QUEN DECIDE O QUE É NOTICIA

Dende [CONTRADISCURSO 3.0] tes a posibilidade de envíar novas, de votar as que te parecen de interese, seguindo o modelo de sitio de novas de editorial non xerárquico como Chuza ou Menéame. A tal efecto na barra de título podes acceder a este servizo facendo click na pestaña "As túas novas".

Para envíar noticias é necesario rexistrarse (de balde).

ACCEDE AQUÍ

Chuzame! chúzame -