Contradiscurso

Palestra de Xabier P. Igrexas

Menu Close

Category: Sen clasificar (page 1 of 6)

Protexido: Nota de envío

Este contido está protexido por contrasinal. Para velo introduce o teu contrasinal a continuación:

(In)xustiza de clase. Do funil á dobre vara de medir.

Nun minutoA xustiza é trending topic. Máis ben a falla dela ou, polo menos, a xeneralizada percepción social da súa ausencia. Estes días volvemos comprobar como a cartografía da impunidade fica en permanente expansión. O fastío e a desafección do povo face a corrupción estrutural agroman, máis unha vez, como bollas empurradas polo ciclo de noticias. No entanto, era ben que ese cabreo fose a pedra que rachase o espellismo da institucionalidade formal. A inocencia hai tempo que deixou de ser presunta. Os únicos ‘presuntos’ son o chamado estado de Dereito, a inexistente separación de poderes e a democracia formal de cartón pedra. Presuntos e pretensos, mais falsarios. Hoxe e onte. Sempre.

Os únicos ‘presuntos’ son o chamado estado de Dereito, a inexistente separación de poderes e a democracia formal de cartón pedra.

A impunidade de Urdangarín e a borbona, o axustado das condenas a Rato e Blesa, a ausencia de responsabilidades no calote das preferentes ou a non depuración de responsabilidades na traxedia do Alvia. Son só enunciados dun relato inenarrábel que destila o tufo de chuvia ácida sobre o mollado. Ao tempo, dous traballadores fican desde hai tres anos á espera dun indulto que lles faga xustiza, impedindo que ingresen en prisión por faceren parte dunha folga legal. Que o exercicio de (presuntos) dereitos fundamentais acabe por se tornar en delito penal debera ser suficiente para entender que non é (só) inxustiza, é xustiza de clase. Da súa, contra a nosa. A que nos condena a atravesar sempre a parte estreita do funil. A que nos bate, unha e outra vez, coa lacerante dobre vara de medir.

Que non nos arruínen

A de hoxe é unha xornada de loita. Esta tarde decorrerán polas rúas das principais cidades e vilas de Galiza manifestacións unitarias –impulsadas pola CIG, CC OO e UGT– contra o último, que non derradeiro, paquete de recortes que o PP quere perpetrar. Un día de protesta contra o insoportable saqueo ao que someten ao pobo en beneficio unicamente do grande capital empresarial e financeiro transnacional.

O recortazo de Rajoy constitúe a maior agresión da historia recente contra os intereses e dereitos da maioría social. Un conxunto de medidas antisociais que profundarán a crise en lugar de axudar a resolvela, e que suporá un moi serio empobrecemento da clase traballadora no seu conxunto, e das persoas desempregadas e pensionistas de xeito singular.

Read more

Contra o saqueo do pobo

Xa non se pode aturar máis. Van a por todo. Non teñen límite. O grande empresariado transnacional e máis o capital bancario e financeiro non terán reparos en levarse todo por diante na súa ofensiva contra a maioría social. A crise supuxo a radicalización da loita de clases, do confronto entre os intereses opostos da minoría rica, poderosa, que explota e os da maioría traballadora e empobrecida, explotada. E desde logo van gañando, de longo, a partida os primeiros. Isto é o capitalismo -co adxectivo que se queira-, a preeminencia duns poucos a costa da explotación e empobrecemento dos demais.

As medidas anunciadas por Rajoy son dunha gravidade innegábel, nomeadamente polo efecto social que terán. Porén, o máis preocupante non son os recortes concretos senón a lóxica á que responden. Este primeiro grande axuste tralo rescate financeiro, súmase ás sucesivas contrareformas (laborais, pensións, negociación colectiva) e a continuada usurpación de dereitos e garantías sociais no último decenio. Mais non será o derradeiro. En Grecia xa van polo enésimo paquete de recortes. Cada vez máis agresivo e violento. Detrás de cada ataque, de cada dereito perdido, de cada servizo público privatizado, virá outro e outro e outro… Non van parar. Temos que paralos nós.

Read more

Pacto PP-PSOE contra o pobo

A oposición do PSOE ás políticas antisociais de Rajoy é unha impostura. O contrario sería dun cinismo atroz, tendo en conta que as executadas polo PSOE no goberno central partillaban de vez o mesmo espírito e orientación neoliberal. O primeiro grande recorte da crise, e o maior da historia até ese momento, fíxoo o executivo de José Luís Rodríguez Zapatero -do que facía parte Rubalcaba- na altura de maio de 2010. Conxelación das pensións, redución nun 5% do salario das e dos traballadores públicos, eliminación do cheque bebé e redución de 6.000 millóns de investimentos públicos. Lembran? O PSOE, ao igual que hoxe o PP, non tivo o máis mínimo reparo á hora de tomar medidas contra a maioría social para satisfacer as esixencias do grande capital.

A pasada semana, o retruque de Rubalcaba ao “recortazo” do Partido Popular, ao marxe de certa escenificación titubeante, foi ofrecerlle a Rajoy un grande acordo de Estado en materia de economía. Cando o PP viña de anunciar un bestial paquete de retallamentos (suba do IVE, redución de traballadoras e traballadores do sector público, conxelación das pensións, redución da axuda de vivenda, empobrecemento da prestación por desemprego…) o principal partido da “oposición” tercia ofrecendo un pacto. Non sorprendería que pola cabeza do social-liberalismo español rondase a idea dun acordo equivalente ao dos “socialistas” gregos, do PASOK, que veñen de propiciar o goberno da dereita conservadora, atendendo o mandato da oligarquía transnacional que dirixe a Unión Europea.

Read more