Contradiscurso

Trincheira dixital de Xabier P. Igrexas

Menu Close

Category: Nun m1nuto (page 2 of 3)

Opinións e microanálises a respecto de temas de actualidade, en apenas 200 palabras (aprox.). Esa é a cantidade de texto que se tarda en ler en promedio nun minuto, de aí o nome da sección.
____________________________________________

Máis unha perda.

O peche da edición impresa do Xornal de Galicia, acrecenta o drama dos media galegos trala desaparición de A Nosa Terra, A Peneira, Vieiros, GZ Nación ou máis recentemente Galicia Hoxe. É una pésima noticia para o noso país, que ve inda máis precarizada a súa exigua pluralidade informativa e limitadas as perspectivas de análise da nosa realidade.

Teño o gusto de ser colaborador de Xornal desde 2004, cando só era dixital, e de ter sido columnista do mesmo desde o nacemento da súa edición impresa. Dixen, e sosteño, que fico orgulloso e agradecido desa colaboración, que me permitiu aproximarme un chisco a esa espléndida equipa de profesionais que o facían realidade cada día.  A excepcional Silvia Carregal, a sempre agarimosa Noela Rey ou a rigorosa Lara Graña, por citar apenas algunhas das persoas que tiven oportunidade de coñecer e tratar, foron e son unha excelente representación dese plantel de 70 profesionais e o seu bo facer xornalístico, valente e comprometido.

Mais refuguemos de calquera indicio de resignación ou flaxelo. Pois se algo amosa esta continuada sangría é a necesidade de anovar e acrecentar o noso compromiso cun espazo comunicativo de noso. Dotármonos duns media propios é unha necesidade ineludíbel.

Ás voltas co Libro de Santiago.



A noticia do roubo do Codex Calixtinus, coñecido popularmente en galego como Libro de Santiago, depositado no arquivo da Catedral de Santiago de Compostela, provocou un fervedoiro de reaccións.

A desaparición da carta fundacional de Galiza como nación cultural en Europa puxo en evidencia a necesidade urxente de abordar dunha vez por todas o debate arredor de quen debe asumir a titularidade, depósito, custodia e administración do noso patrimonio cultural.

Na miña opinión bens de incalculábel valor coma o Códice Calixtino non pode ficar baixo a custodia dunha organización privada como a Igrexa Católica, senón que debe recaer nas administracións públicas, desde a concepción de que todos os bens de interese cultural deberan ser de titularidade pública; sexa mediante a cesión voluntaria, compra ou nacionalización dos mesmos.Non pode ser que a única copia do orixinal que se conserva en Galiza do Liber Sancti Jacobi ficase baixo a autoridade do Deán da Catedral. Non é serio, e amosa a crueza do desleixo e despreocupación pública co noso patrimonio.

Porén, esta mala pode ter algúns aspectos positivos alén deste debate. Por exemplo que se divulgue socialmente e se poña en valor a importancia do Reino de Galiza que o códice testemuña.

Non renunciemos á nosa utopía posíbel.

Retruque fraterno a Francisco Castro.

Discrepo de Francisco Castro cando afirma que “temos o país que nos merecemos” polo peche do Galicia Hoxe. O pobo galego merece moito máis.

Entendo o cansanzo, a raiba contida, a paralizante sensación de impotencia, mais perder a confianza no noso pobo é tanto como renunciar a construír a nosa utopía posíbel. Non regalemos unha dobre vitoria aos galegófobos, entregándolle xunto aos nosos fracasos o noso desalento.

Mais este disenso non só non me provoca un odio imposíbel, senón que me anima a tender a man para que sigamos xuntos, todas e todos, a teimar na trincheira da dignidade. Xa basta da laios e de autoculpas. Fagamos de cada revés, de cada golpe, unha oportunidade para anovar o noso compromiso.

Gardemos o flaxelo do que foi para destinar toda a nosa enerxía e impulso no que ha de ser. Pois como conclúe Fran P. Lorenzo no seu xenial aponte sobre o GH: “Enquanto houver estrada pra andar/A gente vai continuar”.

Do pesar por GH ao flaxelo da culpa.

Pode que a cultura do autoodio nos leve ao flaxelo sobre o que pasou, mais coido que debemos centrarnos no que facer que pase. Advertino onte vendo como o pesar polo peche do diario Galicia Hoxe ía converténdose nun exercicio de masoquismo.

Os elementos que interveñen no peche son diversos. A clausura do único diario impreso na nosa lingua non é imputábel exclusivamente ás políticas galegofóbicas da actual Xunta; mais é precisamente a forzosa asfixia económica, pola vía do retallamento da subvención, a razón que precipita este desenlace odioso tal e como denuncia o seu director.

De aí, a inxustiza de optar pola recorrente autoculpabilización –eximindo iso si de calquera responsabilidade á empresa editora-, para explicar a marxinal distribución dese xornal. Non se pode apelar agora, co medio clausurado a golpe de 19 despedimentos, ao ‘compromiso militante’ de quen debera ser público obxectivo do GH. Non se nos pode convocar como militantes cando se nos procura como meras/os consumidores-clientes.

O feito de que a base social do nacionalismo non fixera do GH a súa cabeceira referencial, non é resultado da súa irresponsabilidade ou falla de compromiso. Se cadra o problema é que (quen a coñecía) non se recoñecía suficientemente nela.

GH, outro derrube exitoso de ‘Demolicións Feijóo’.

Foi o chío no twitter da xornalista Rosabel Candal o que nos puxo en alerta. Anunciaba nada menos que o peche do único diario monolingüe en galego, o Galicia Hoxe.

Confusión, dúbidas, procura nerviosa de información que máis que confirmar o refutase. O certo é que nos primeiros minutos custaba traballo pensar que as 300.000 páxinas publicadas na nosa fala desde hai 8 anos por esta cabeceira -sucesora da edición en galego de O Correo Galego-, ían esvaer tan rapidamente, de improviso.

Coincide esta pésima noticia, para a lingua e para a pluralidade mediática, cunha bochornosa entrevista a Anxo Lorenzo, na que o Sec. Xeral de Política Lingüística fachendea da boa saúde do noso idioma. Paradoxal. Seica para el a exigua oferta mediática en galego nada ten a ver coa ofensiva galegofóbica do goberno do que fai parte, nin coa súa política caciquil no reparto de axudas aos media. Porén, é o propio medio quen afirma que na actual crise “o radical recorte das axudas institucionais converte en inviábel o proxecto do único diario en galego”.

En fin, Demolicións Feijóo ven de derrubar o único xornal diario en galego (con 19 despedimentos). Só nos queda o gratuíto L-V.

Parabéns etnicidas.

P.S.: Non podo deixar de expresar a miña solidariedade e apoio a toda a equipa que fixo posíbel Galicia Hoxe, e o meu profundo agradecemento a Caetano e sobre todo a Miguel Seoane, por terme brindado a oportunidade de asomarme nas súas páxinas cada quince días. Hoxe para moitas e moitos é un día triste.