'idioma' Category

Mirando da Lingua!

setembro 14th, 2008 setembro 14th, 2008
Posted in Copiado e pegado, idioma, vídeos
2 Comments »

Deixovos aquí un vídeo do meu amigo Anllo, que resultou gañador ex-aequo do concurso "Mirando da lingua" do IES da Terra Chá en xuño do 2007.

Moi bo.

Chuzame! chúzame -

Fronteiras

setembro 11th, 2008 setembro 11th, 2008
Posted in Copiado e pegado, idioma
1 Comment »

Nunha entrada no blogue de Excalibor, aparecía unha ligazón a este interesante documental de Rubén Paradiñas, arredor da denominada "Galiza Irredenta" (territorios galegos que non forman parte da CAG), e que fora emitido na TVG.

Colgo o documental aquí.

Chuzame! chúzame -

OpenOffice 3.0 (beta) en galego.

setembro 8th, 2008 setembro 8th, 2008
Posted in idioma, informática, software ceibe
3 Comments »

Contan en Vieiros, que a primeira versión candidata para o paquete ofimático de software ceibe OpenOffice na súa versión 3.0 que está a piques de ser lanzada (o 16 de setembro), xa se pode probar no noso idioma.

Pese a non ser a versión definitiva, xa se poden probar todas as súas funcionalidades, entre as que destaca a opción de editar PDF.

O OpenOffice 3.0 (Beta) en galego, pódese descargar de balde aquí.

Chuzame! chúzame -

As mentiras do PP sobre o idioma.

agosto 29th, 2008 agosto 29th, 2008
Posted in Copiado e pegado, idioma
2 Comments »

Leo no Avantar as atinadas declaracións do Presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, arredor do cinismo co que o PP minte arredor da situación lingüística na Galiza, e co que o PSOE, a traves da Conselleira de Educación negase a por enriba da mesa os dados reais que rematarían coas lerias e falacias antigalegas do Partido Popular. Pego aquí algúns fragmentos.

Dende A Mesa acusan ao PP de mentir coa intención de apartar o galego da vida pública.

Segundo unha enquisa encargada pola asociación que preside (A Mesa) , o 65 por cento dos centros de infantil das cidades incumpren o decreto 124/2007, que entrou en vigor o ano pasado. Non existen datos oficiais sobre o cumprimento desta lei, xa que a Consellaría de Educación, que se comprometeu a facilitalos antes do remate do curso pasado, non os fixo públicos.

Non é moito mellor o panórama no relativo ás ensinanzas meias. E para iso tan só é preciso pisar unha aula de calquer centro de secundaria do país, e constatar o incumprimento do actual decreto, como do anterior 247/95.

En canto ao ensino universitario, e en relación coas declaracións feitas polo filósofo George Steiner nunha recente entrevista, nas que se lamentaba de que o galego fose supostamente obrigatorio nunha universidade galega, Callón apuntou que, lonxe de imporse, e segundo os datos facilitados polas propias entidades, en ningunha das universidades galegas se supera unha quinta parte do ensino en galego. Así, na Universidade da Coruña, tan só o 8,9 por cento das aulas son na lingua do país, na Universidade de Vigo acádase o 16 por cento e só na USC se chega ao 20 por cento. “Hai moitas carreiras en Galiza onde non se escoita unha soa palabra en galego, a pesar de que, como calquera outra lingua, é plenamente apta para ser vehículo de coñecemento universitario”, indicou Callón.

Porén, os meios oficiais e a dereita continuan na súa teima contra o galego, dende a falsedade infame de que o castelán corre perigo en Galiza.

Ao tempo, Bibaheu pegaba en Lareta a ligazón do vídeo en youtube do opening da popular serie Dragon Ball Z en galego, que colgo máis abaixo. Son ese tipo de cousas as que nos fan avanzar no proceso de normalización do noso idioma. Nas/os cativas/os está o futuro. Bendito Xabarín Club.

Chuzame! chúzame -

A poesía da que gosto.

agosto 23rd, 2008 agosto 23rd, 2008
Posted in Caixón de Sastre, Copiado e pegado, idioma, poesía
2 Comments »

Non podo negar terme animado algunha vez a deslabazar o idioma tentando compoñer algún poema, que remataría desaparecendo, sendo eliminado. Son dos que prefire a prosa, e por iso da poesía prefiro o verso libre, a insubmisión perante á metrica e a musicalidade da rima negada.

Hoxe tropecei de casualidade cun libro de poemas de Samuel L. Paris, que fica publicado no netlabel A Regueifa (podese descargar de balde), baixo o título de "Manual da destrucción". Toda unha declaración de intencións.

E o certo é que abrín o PDF con certo escepticismo, pero ao final tireime un bo rato lendoo. Non o rematei, metin o PDF no meu pen usb para saborealo na casa, coma unha caste de pracer reservado.

Gostei moito do uso da linguaxe, da contundencia case prosaica dos seus poemas. E tamén da súa estética, semellante a das vangardas francesas, e na liña do noso grande poeta nacional Manuel María, e que o editor do wordpress non me deixa reproducir igual que no libro...

Hai varios textos que son de obrigada lectura nese libro. Pode que os vaia colgando aos poucos, máis adiante. Pero hoxe, o corpo pídeme pendurar este poema que non ten desperdicio:

Sociolingüística

pero é que ninguén di GRAZAS
GRAZAS por non dicilo talvez
GRAZAS e AO e IMPOSÍBEL
sereas e tres horas de noite
benvidos ao paraíso
pero es que los gramáticos
son los de la mesa
los del bloque
bloqueiros
inciso
a xente que di
son los del bloque
teñen as fincas rodeadas de
bloque

feísmo remata en ismo
como catolicismo
pode que sexan os mesmos
y yo-no-sé
pero nos lo imponen
y a los niños no les justa aprenderlodetalxeito-de-tal-modo dóeme
o peito
cancro
lingüístico
y me encanta galicia  YO TAMBIÉN SOY GALLEGA
quei me encanta o teu catro por catro
rapaces en uniforme
pelo louro tinguido
apelidos com-postos
com-postos na xunta
opus dei
dei
deirlle a misa de cando en cando

<<nunca fue la nuestra lengua de imposición
sino de encuentro
a nadie se le obligó nunca a hablar en castellano>>
juancarlosprimerodehispanialavieja

y
joderNENO
yoTAMBIÉNgalizaCEIBE
peroESqueMISPADRESPAPÁSPROXENITORES
meENSEÑARONaHABLARenESPAÑOL
e tamén a fumar porros
e a lamberlle a coniña á mosa
os pais non ensinan todo
os países tampouco

na galiza
en galego
na rabiza
en rabego
bilingüismo sesentaenove
e non fales de amor á patria
cando queres dicir
SEXO

("Manual da Destrucción" - Samuel L. Paris; A Regueifa, ano 2008)

Chuzame! chúzame -

¿Ficción?

xullo 23rd, 2008 xullo 23rd, 2008
Posted in Caixón de Sastre, Copiado e pegado, idioma
1 Comment »

En Cousas do Iago atopei esta impresionante curtametraxe. Unha excelente fotografía, un estupendo guión e un argumento desos que non deixan a ninguén indiferente.

Imaxinas que na Galiza do 2098 o último galego-falante sexa exposto como peza de museo?

Galicia 2098

Director: Edu Lavandeira

Ficha Técnica: (Fonte: Axencia Audivisual Galega)

Chuzame! chúzame -

O galego, a nosa lingua.

xullo 23rd, 2008 xullo 23rd, 2008
Posted in ciberactivismo, idioma
No Comments »

Un grupo de persoeiros da cultura apresentaron hoxe un manifesto promovido por A Mesa pola Normalización Lingüística, co que se pretende dar resposta á "inversión da realidade" que sobre o idioma están a facer algúns colectivos dende Madrid.

Contan en Vieiros que na presentación estiveron presentes coñecidos persoeiros de diferentes ámbitos da sociedade galega. Esta iniciativa sumase á acción conxunta da Federación Galeusca, apresentada recentemente.

Reproduzo a continuación o texto completo do manifesto d'A Mesa, ao que por suposto xa me adherín, e aos que vos convido a facer o mesmo:

 MANIFESTO A PROL DA CONVIVENCIA LINGÜÍSTICA E DA IGUALDADE DE DEREITOS PARA O GALEGO

As persoas que promovemos esta chamada queremos manifestar, perante as institucións de autogoberno e como aclaración perante a sociedade galega, o seguinte:

1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.

2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.

3.- Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país. Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.

4.- O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español. Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade. O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir nesta lingua. O que compre é respectar a legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia. Xustamente a dirección contraria á proposta polos que pretenden a imposición do castelán como único idioma con dereitos e deberes para os cidadáns en todo o territorio do Estado.

5.- Correspóndelle ao pobo galego, a través das súas institucións representantivas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma. Esperamos o compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos. Neste labor contarán sempre co noso apoio.

6.- Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país.

Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.

ADHÍRETE AO MANIFESTO

Chuzame! chúzame -

Facerlle fronte á manipulación sobre o idioma.

xullo 13th, 2008 xullo 13th, 2008
Posted in artigos e columnas, idioma
4 Comments »

A iniciaciativa da Federación de Asociacións de Escritores Galeusca, que aglutina á Asociació d'Escriptors en Llengua Catalana, a Euskal Idazleen Elkartea e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, é moito máis que unha contundente réplica ao artificio indecente do Manifiesto por una lengua común impulsado polos sectores máis rancios do españolismo.

O contra-manifesto que apresentarou de maneira conxunta o mundo das letras  de Euskadi, Catalunya e Galiza, e ao que xa me adherín, podese ler aquí.

É falso que se trate dunha disputa de corte ideolóxico, pese a que é evidente o tufo españolista dos promotores do Manifiesto por una lengua común. É algo máis serio.

O que promoven Savater e Cía., co apoio tácito de grandes meios de comunicación, é xogar ao xogo indecente e inmoral de acusar de vérdugo ás víctimas, de falsear á realidade para intensificar o proceso de  esmague de todo o que non sexa xenuinamente nacional-español.

Afirmar que en Galiza, en Catalunya ou en Euskadi, a lingua que sofre unha situación de evidente inferioridade é o español, é tan obsceno e falaz como dicer que as víctimas da segregación racial son os brancos, ou que a culpa da crise é dos traballadores e non dos especuladores financieiros.

Ninguén no seu sano xuizo e en plenas facultades mentais pode afirmar sen faltar de cheo á verdade, que na Galiza a lingua española teña problemas. Se hai un idioma que sufre as consecuencias dun proceso continuado de imposición doutro, de superposición do alleo fronte ao materno, ese é o galego. E isto, recoñeceo calquera, que teña iso sí cando menos un centímetro de fronte.

Esta pantomima, este novo episodio do mundo ao revés, non é froito da inocente ignorancia. Ogallá.  É un movemento claro por parte do españolismo que abandoando as sutilezas directamente marcouse o propósito de tentar asoballar, inda máis, todo aquelo que cheire a diferente, que non poida ser controlado pola metrópole do imperio, todo o que non entre no seu cutre, pobre e feble estándar de identidade.

Por iso, o que nos xogamos é algo máis que unha polémica. Tratase de non consentir a infamia de ser dobres víctimas: as do asoballamento cultural e as da manipulación falaz da realidade. Por dignidade.

"As grandes masas sucumbirán máis facilmente a unha gran mentira que a unha pequena" Adolf Hitler.

===

Artigo publicado en Xornal, Mundo Galiza e GZ Nación o 14-07-08, e no nº 465 de A Peneira.

Chuzame! chúzame -

Declaración Institucional do BNG no Día das Letras Galegas

maio 18th, 2008 maio 18th, 2008
Posted in Copiado e pegado, bng, governo galego, idioma
1 Comment »

"Temos unha lingua secular e unha lingua con futuro"

Chuzame! chúzame -

Poesía contra a ignorancia.

maio 17th, 2008 maio 17th, 2008
Posted in idioma
No Comments »


DEITADO FRENTE Ó MAR...

Celso Emilio Ferreiro (Longa Noite de Pedra)

 

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...

 

 

Chuzame! chúzame -