Cremos no noso país!Soberanía Social, Xustiza Social!

Archive for the historia Category

Manuel Mera publicaba recentemente en Vieiros un artigo baixo o título "O debate das ideas" no que reflexionaba arredor do futuro do movemento nacional popular galego, analisando diferentes cuestións, dende os défices na comunicación social das alternativas de esquerda até a falta de formación da militancia.

Concordo no fundamental co enumerado por Mera no seu artigo, e fagoo porque o difícil sería non coincidir co plantexado. Os problemas, dificultades e debilidades do nacionalismo son coñecidas até a fartura e ocupan unha parte significativa dos debates externos e internos das diferentes organizacións politicas e sociais. Para o meu gosto adicamos demasiadas enerxías no diagnóstico e moi poucas na posta en marcha das solucións.

Porén, o que ofrece este senlleiro sindicalista é só unha parte limitada do que podería ser a receita para superar eses atrancos e contradiccións, facilitando unicamente unha relación dos ingredientes necesarios: mellorar a comunicación interna/externa, rachando a dependencia dos grandes meios de comunicación (controlados nas máis das veces por poderes fácticos antinacionalistas); recuperar o papel relevante da militancia; outorgar unha maior importancia á reflexión e ao debate; máis e mellor formación e información. En síntese situar no primeiro plano das prioridades a batalla das ideas.

Facer un breve repaso das teses congresuais/asembleares das organizacións nacionalistas dos últimos anos, axudaranos a descubrir que dende logo unha parte susbtancial do que reclama Mera fica recollido nas mesmas, mesmo con maior contundencia. A receita como a pólvora, xa está inventada, o complexo é poñela en práctica, adecuándoa a un contexto en permanente cambio, onde a táctica ten que ser un elemento viabilizador da estratexia.

Hai algunhas cuestións nas que, porén, non coincido. Sinceiramente disinto da idea de que a percepción de que "abonda con facer unha boa xestión e ter unha actitude persoal coherente pra que o proxecto político que se alenta medre e se consolide" sexa nen moito menos maioritaria. A historia, sobor de todo a da última década, ensinoulle ao nacionalismo que o proceso non é lineal, e non só depende de variábeis tan mínimas ou controlábeis.

Disinto tamén dese meláncolico mito, tan extendido, de que todo tempo pasado foi mellor, e que infravalora os espazos conquistados e os cambios conqueridos.

Pode que o proceso de cambios que impulsou o nacionalismo en moitos frontes, non teña avanzado o suficiente en termos cuantitativos e cualitativos. Pode que se poda e deba facer máis e mellor, e comparto esa expectativa lexítima e esa exixencia democrática, pero como dicía o insignie camarada e patriota Manuel María, un dos activos máis importantes da Fronte Cultural, "a patria constrúese día a día, esforzo a esforzo". Destinemos pois toda a nosa enerxía a impulsar o proceso, non a tumbalo con polémicas, que non debates, as máis das veces paralizantes.

Política, basicamente na súa dimensión transformadora é un exercicio de convencer. Convencer para construir maiorías sociais que sustenten un proxecto revolucionario. Non hai revolución sen povo, sen maioría. E hoxe por hoxe, en pleno século XXI, onde non só cambiaron as condicións internas/organizativas senón tamén o escenario social, e mesmo chaves sociolóxicas importantes, a batalla das ideas, non se pode circunscribir a un debate filosófico na indefinición da metafísica. A batalla das ideas gáñase coa síntese, coa capacidade de plantexar propostas concretas que teñan incidencia política práctica para as persoas. A cidadanía non quere divagar sobre os cambios, quere experimentalos, e debe protagonizalos.

O empirismo, o coñecemento que xurde da experiencia previa, ao igual que o practicismo, concebido este como a capacidade de operativizar no campo da acción o resultante do debate das ideas, son elementos chave, fundamentais, no proceso de conquista dos cambios sociais que arelamos. O leninismo, precisamente por iso, consiste na aplicación dun sistema de análise, o marxismo, nunhas coordenadas concretas (no histórico, social, económico...) para articular propostas programáticas acaídas.

Dende logo que o camiño non pasa polas coordenadas do economicismo, pero tampouco polas do maximalismo ideoloxista. A ponderar toca.

Porque non debemos esquecer que a política opera na realidade, con todo o que ten de poliédrica e cambiante, non no etereo e tranquilo mundo das ideas perfectas, redondas e eternas de Platón.

Porque na realidade concreta vive o protagonista de toda revolución: o povo.

===

Artigo publicado en Xornal o 16-07-08.

Chuzame! chuzame -

O pasado 26 de xuño, cumpriuse o centenario dunha das figuras políticas e sociais latinoamericanas máis senlleiras do século XX. Nacía Salvador Allende Gossens.

A compañeira Silvia Bermúdez, recollía estos días no seu blogue, este feito, cunha entrada que paga a pena ler, titulada 100 anos de Allende.

Colgo eu tamén, o vídeo no que se recolle o último discurso de este insignie revolucionario chileno.

"La revolución no pasa por la universidad, y esto hay que entenderlo, la revolución pasa por las grandes masas, la revolución la hacen los pueblos, la revolución la hacen, esencialmente, los trabajadores." 

 [VÍDEO] O DERRADEIRO DISCURSO DE ALLENDE

Chuzame! chuzame -

O maio do 68, a súa lembranza, a aproximación histórica ao acontecido, provoca unha mestura contradictoria de sensacións. Emociona o feito de comprobar esa cristalización creativa do soño revolucionario, pero decepcionan os seus exiguos resultados prácticos.

Henrique Alvarellos nun interesante artigo, publicado en Galicia-Hoxe, titulado "Do 68 triunfou a metáfora" sostén que hoxe "É preciso ollar por riba dos límites da nosa leira, transitar unindo individualismos, e chegar a onde o futuro diga, con nós diante, rexeitando neocapitalismos, uniculturalismos e globalismos necios".

40 anos despois, as ideas que serviron de alicerce para soster ese proceso de revulsivo social, siguen plenamente vixentes, e agardando a súa plena execución práctica. Hai tres anos, escribín un artigo titulado "Trala barricada do presente" no que afirmaba entre outras cuestións que non debemos renunciar ao soño de socializar o direito á felicidade. Non o fagamos.

Documental: O espirito do maio do 68

(Documania, VOS en Español).

Grands Soirs et petits matins - El Espíritu de Mayo del 68 - Extractos de una pelicula que debió existir..

Cámara e Realización: William Klein Son:Harald Maury Montaxe: Catherine Binet, Valerie Mayoux, Nelly Quettier, Ragnar País: Francia Duración: 98 min. Ano: 1968.

Chuzame! chuzame -

RobespierreUn dos temas históricos que máis me teñen interesando dende sempre é a Revolución Francesa.

O seu atractivo para min reside en que mesmo sendo un proceso histórico convulso a súa consecuencia, o seu legado, entre outros, é a afirmación do dereito do pobo, da xente, a cuestionarse a orde establecida, e a conquistar aquela que sintan máis xusta.

É a proclamación do dereito á disidencia, á transgresión. Da revolución nace a declaración dos dereitos do home, pero o máis relevante é que esta proclama implicitamente o dereito ao cambio, a transformación social, que reside na maioría, no terceiro estado, nas camadas populares e campesiñas.
Non se pode facer un xuízo atemporal do acontecido durante a revolución. Tampouco se pode caer nunha visión prexuizosa dende o esquema ético e moral actual. Para entender a trascendencia do acontecemento que marcará o inicio da Idade Contemporánea, tralo fin do Ancien Regime, é necesario visualizalo no seu conxunto, sabendo que os erros que agora poden resultar obvios, a priori non eran doados de sinalar, pola ausencia de antecedentes.

Hai tempo que escoitei que a historia para nós nace a partires do 1789; se cadra non é tan absurda a idea.

Deixovos un interesante documental , da canle Historia, que atopei en Google Vídeos, e que é un bo documento para achegarse a este tema, crucial para entender a nosa historia recente.

Recoméndovos tamén a lectura do artigo da Wikipedia portuguesa ao respecto, que ofrece unha boa síntese histórica.

Pola revolución!

Chuzame! chuzame -

Cando ves a unha "xornalista" participante en realitys como "Supervivientes", cun autocolante de Free Tibet, empregando espazos en prime time televisivo para facer chegar a súa mensaxe de "defensa dun povo oprimido" polos malvados chineses, que ademáis son comunistas, un comeza a intuir, inda que non teña nen idea do problema tibetano, que esa aparente causa de digna xustiza, ten riscos de propagandismo oficial. Cando ademáis se comproba un curioso aliñamento mediático e político cunha onmipresencia no mass media occidental, o intuido empeza a confirmarse.

Se se coñece minimamente a cuestión tibetana, que non é de onte, senón que xurde dende o triunfo da revolución popular chinesa que derogou o réxime feudal que lidera o Dalai Lama, fica claro que a polémica internacional xurdida, con chamamentos ao boicot dos Xogos Olímpicos, é só unha nova campaña de manipulación ao servizo dos intereses xeoestratéxicos dos EUA que saben que só China pode ser a potencia que entre en competencia no século XXI. Nen a defensa dun povo oprimido, nen direitos humanos, nen nada: só unha campaña para debilitar a China promovendo un determinado estado de opinión.

A continuación ofrézovos unha relación de artigos de interese sobre o Tibet e a polémica recente. Textos moi clarificadores, que son máis necesarios que nunca, inda que sexa só para ofrecer un contradiscurso ao discurso oficial sobre o tema:

Chuzame! chuzame -
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Moncho Reboiras, Patriota Galego!

Valid CSS!