Cremos no noso país!Soberanía Social, Xustiza Social!

Archive for the ensino Category

O pasado sábado 10 de maio tivo lugar en A Coruña a Asemblea Nacional Constituinte da nova organización do estudantado galego. Co nacemento dos “Comités”, como así se acordou denominar esta nova organización, cristalizase un proceso histórico de unificación das organizacións estudantís que operaban no ensino meio e na universidade.

Os “Comités” son o resultado da converxencia nunha única organización de carácter confederal dos Comités Abertos de Estudantes (CAE) e dos Comités Abertos de Facultade (CAF), que na praxe, dende hai case un decenio xa operaban na práctica de maneira coordenada por non dicer conxunta.

Os CAE e mailos CAF, constituídos na década dos 80, ocupan unha páxina destacada na historia recente do movemento xuvenil nacionalista do noso país. A súa achega ao nacionalismo, dende a súa total independencia organizativa, que nunca foi óbice para aproveitar as sinerxías con outras organizacións nacionalistas como a CIG ou Galiza Nova, ten sido fundamental, sendo chave o seu papel nos principais procesos mobilizadores que se viviron en Galiza.

Os mellores exemplos da súa importancia social, resultado da súa ampla representatividade entre o estudantado (cabe lembrar que tanto os CAE en ensino meio como so CAF na universidade eran as organizacións maioritarias), foron sen dúbida o proceso mobilizador do “Nunca Máis” e do “Non á LOU”, onde o estudantado galego situouse na vangarda do Estado, exercendo de motor da resposta social do noso povo.

Pouco ou nada ten que envexar o estudantado que participou, que participamos, desos procesos e doutros (contra a Lei de Calidade e a de FP, contra a suba das taxas, pola abolición da selectividade, pola gratuidade dos libros de texto, contra a invasión do Iraque…) ao acontecido en París en maio do 68 . Dese maio francés podemos extractar unha das consignas máis repetidas: unidade á base.

A enerxía, as gañas de cambiar as cousas, a entrega militante a prol da causa colectiva, a creatividade, a participación e unha concepción da política ao servizo das persoas e do noso país, poden ser os elementos que describan a traxectoria do movemento estudantil nacionalista.

Moito ten que ver o feito de que existisen dúas organizacións nacionalistas formadas por estudantes coa evolución electoral, de progresivo aumento do respaldo social, que obtivo o nacionalismo galego nestas dúas últimas décadas. Unha das máis importantes contribucións dos CAE e máis os CAF ao noso país, ten sido a de ser axentes moi importantes na creación de conciencia nacional, incidindo directamente na mocidade.

Os “Comités” herdan ese inmenso legado do que forman parte co propósito de relanzar o movemento estudantil nacionalista, dende os valores que historicamente conformaron o seu discurso: democracia, asemblearismo, autonomía e apertura.

Ábrese pois un novo ciclo, unha nova etapa, que sen dúbida, grazas ao inxente traballo das persoas que forman parte da nova organización do estudantado galego, será a do medre definitivo, sobre o que se artellará unha parte significativa da expansión social do movemento xuvenil nacionalista, e do nacionalismo galego en xeral.

Os meus sinceros parabéns á nova organización, inda que deste fito histórico nos sintamos tamén protagonistas todas/os e cada un/unha das persoas que achegamos o noso grao de area aos extintos CAE ou CAF, ao longo da súa historia.

Cos Comités na rúa, a loita continúa!

===

Artigo publicado en Xornal , en Vieiros e en Mundo Galiza o 12-05-08.

Chuzame! chuzame -

A Consellaría de Educación da Xunta de Galiza apresentou o pasado 5 de marzo o decreto polo que se regulaba a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) na Galiza, tres meses despois de que se publicase o decreto de ensinanzas mínimas, en aplicación da nova LOE.

A proposta do departamento da socialista Laura Sánchez Piñón recibiu unha forte contestación, destacadamente dende o profesorado e organizacións como CIG-Ensino. As críticas están máis que xustificadas a un proceso, que por excesivamente acelerado, resultou nunha proposta descompensada e que paradóxicamente supón un deterioro naqueles aspectos que precisamente se criticaban da actual configuración da ESO.

A reducción ao mínimo das ensinanzas artísticas e tecnolóxicas, o incremento de maneira sorprendente por riba dos mínimos establecidos polo MEC para a asignatura de relixión (que tería segundo a proposta da Conselleira, maior carga docente que tecnoloxía, música e educación plástica e visual), a criación de dúas novas asignaturas que pretenden abranguer cuestións que precisan dun desenvolvemento necesariamente transversal, son os eixos fundamentais dunha reforma absolutamente desatinada e totalmente desorientada.

Novamente atopámonos perante unha reforma educativa que se deseña de costas ás necesidades formativas actuais, e tamén sen o consenso suficiente entre os axentes implicados (administración, profesorado, estudantado e nais/pais). Sirva como exemplo o disparate que supón a eliminación da xornada lectiva continuada en horario matinal nos meses de setembro e xuño, cos graves perxuizos que iso lle supón ao alunado.

Sorpresivamente, hoxe cando estamos inseridas/os na denominada Era das Novas Tecnoloxías, e cando socialmente se recoñece como algo fundamental a capacitación informática, esa materia segue a ter carácter optativo e relégase unicamente para o último curso da ESO, cando o razóabel sería a súa introducción paulatina e progresiva dende o primeiro ciclo da ESO, ou porque non desde o ensino primario

¿Alguén nega hoxe que é algo fundamental, mesmamente como o manexo axeitado da lingua ou das matemáticas, o saber utilizar unha computadora ou navegar por Internet? Cando en Europa estase a avogar por un ensino que aproveite as novas ferramentas tecnolóxicas, con aulas totalmente informatizadas, na Galiza a ESO só proporcionará 3 horas lectivas optativas no 4º curso, que ademais non terán continuidade na etapa posterior.

A acción descoordinada, ou mesmo contradictoria, no que atinxe á dirección política do país volve porse de manifesto. Mentras a Consellaría de Innovación e Industria,do nacionalista Fernando Blanco, recebía merecidamente sendos galardóns nos Premios EGANET 2007 polo portal de software libre ManComun.org e, na categoría especial, polo seu máis que acertado Plano Estratéxico da Sociedade da Información (PEGSI), dende a Consellaría de Educación continuase a obviar a formación tecnolóxica e informática de maneira deliberada.

E é que hai un sector do Governo Galego que por tratar de diferenzarse do outro,mesmo opta por ir na dirección contraria, non vaia ser que socialmente se perciba que o nacionalismo galego como dicía Roberto Merá recentemente non só quere governar senón que sabe facelo, e ben.

===

Publicado en GZNación o 3-4-07.

Chuzame! chuzame -
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Moncho Reboiras, Patriota Galego!

Valid CSS!