'ELOS' Category

Malditos cínicos.

setembro 10th, 2008 setembro 10th, 2008
Posted in Caixón de Sastre, ELOS, igualdade
No Comments »

Reproduzo aquí a miña última entrada no blogue comunitario ELOS. Basicamente tratase de entradas encadeadas pola última frase da anterior... Había tempo que tiña ganas de falar do tema que trato nesta entrada a xeito de microrelato de "ficción". Agardo sexa do voso gosto. Agradecense, coma sempre, comentarios.

Que afortunados fomos por telo máis de vinte anos amargándonos a existencia...

Afortunados por ter soportado todas as súas teimas, as súas lerias. Afortunados por ter sobrevivido ás súas conspiracións de bar.

Afortunados por ter resistido ao totalitarismo da súa mediocridade.

É a hora de celebrar o fin dunha era. O intre no que festexar que gostamos de vivir se cadra un cacho máis libres ao desprendernos da súa compaña.

Disque a regra sentencia que todos somos bos de mortos. El se cadra é a excepción da norma.

O primeiro que me preguntei tras ler a noticia no xornal, é como ela foi quen de aturalo tanto tempo. ¿Como se pode perdoar a primeira labazada, como se pode esquecer forzadamente a primeira humillación?

Só me podo imaxinar que fronte a unha dor insoportábel un poida tirar man dunha venda que poñerse sobre os ollos...

Pero... e ese cruel e cómplice silencio? Porque os seus veciños nunca denunciaron o alboroto que provocaban as sanguentas malleiras ás que sometía á súa dona? Porque os profesores tragaron coa leria de que as mancaduras dos cativos eran froito de pequenos accidentes domésticos? Porque os seus compañeiros de traballo fixemos a vista gorda cando tiñamos en fronte un cabrón de tal magnitude?

Non fun ao seu enterro, pese a ter compartido mesa na oficina durante 20 anos. Non fun, porque seica cuspir está prohibido en campo santo, o mesmo que recibe cos brazos abertos aos asasinos metidos a suicidas.

El acoitelouna até o coma profundo por celos infundados. O prognóstico reservado é a incerteza que apuñala hoxe os nosos estómagos. Ogallá sobreviva, esa será a vinganza da humanidade.

Logo estivo a procura dos nenos, que por sorte déronse agochado no faiado. E covardemente rematou quitándose a vida nunha improvisada e chapuceira forca no medio da cociña. Os que viron a escena contan que semellaba un cocho colgado no día da matanza.

E algúns seguen a chamarlle problemas domésticos... Malditos cínicos.

*Nota do autor: este microrelato é unha ficción cecais demasiado real...

Chuzame! chúzame -

Oda á desintoxicación mental.

abril 24th, 2007 abril 24th, 2007
Posted in ELOS, análise, artigos e columnas
No Comments »

Porque aínda que non nos fagan caso, que nos deixen a gusto... Hai un bo fato de frases feitas coma esta, de lendas urbanas, de consignas repetidas a modo de claim publicitario, que resoan no pensamento común da xente do común arredor da hoxe tan denostada política.

Os políticos non escoitan/rouban/minten/non fan nada/son todos iguais...
A política non serve para nada/só serve para atender os intereses dos poderosos...
Non hai nada que facer/non podemos cambiar/vivimos no mellor dos mundos posíbeis...

É comprensíbel. É certo que o cenario político, no seu conxunto, en todos os ámbetos vitais, desde o barrio até o nível planetario, convida á desesperación e a que o povo arroxemos a toalla. É agotador e decepcionante o espectáculo do politiqueo parlamentarista/institucionalista/mediático e oficial. Da noxo, claro que o dá.

Pero non podemos caer no erro de recoñecermos, de lexitimar, todo ese compendio de farsas, acreditando estas como "política". Non o é. Nen eles políticos. Son a expresión da contra-política, da anti-política, de des-democracia. Son un tentáculo máis do poderoso cefalopodo do sistema que a golpes de cansanzo pretende noquear aos que xa aguantamos os seus anteriores envites de violencia estructural... Saben que somos consicentes, e tentan anularnos, empurrandonos sutilmente cara a asimilación do seu propio discurso

Todas e todos sabemos que o sistema quere sociedades alienadas, con individuos acríticos e desactivados política e socialmente. Saben os gurús neocon, os do pensamento único, os pais da globalización imperialista, que a participación política é o talón de aquiles do sistema. Por iso nos abafan con ese constante bochorno da mediocridade, do discurso valeiro e falso, da estética.

Os que tedes dado ese paso de xigante que é tervos decatado de que as cousas non marchan ben, os que conseguichedes quitarvos as orelleiras e destaparvos os ollos, para ser conscientes de que a realidade que nos ofrecen non é nen por asomo xusta, non cedades agora. Non vos deixedes envelsar polas sombras dos galos na parede, desenmascarade a realidade que se agocha tralo telón das mentiras feitas verdades oficiais. Non perdades a vosa enerxía transformadora, non renunciedes ás vosas arelas revolucionarias, sucumbindo á falsedade orquestada de que as cousas non teñen solución, de que non hai cambio posíbel, e de que ese atallo de demagogos de cartón pedra son a expresión da política.

Política sodes vós, somos nós: a conciencia, a acción, a transformación; tese, antítese, síntese.

===

Artigo publicado en forma de post no blogue comunitario ELOS o 24/04/07.

Chuzame! chúzame -

Heroes

abril 24th, 2007 abril 24th, 2007
Posted in ELOS, análise, artigos e columnas
No Comments »

Como Deus si xoga aos dados, deixándoo todo ao azar... cecais sexa preciso poñer todo da nosa banda para condicionar as circunstancias ao noso favor.

Ficamos acostumados a escoitar afirmacións taxativas, en tono criminalizador e cun cargado bafo paternalista, arredor da non participación da xente moza.

Din que non participamos, que somos individualistas, que somos insolidarios, que apenas estamos de paso, que deambulamos como un público silencioso arredor dun cenario sobor do que deberíamos estar subidos como protagonistas dos cambios. Minten, pero fano só en parte.

Negar que os índices de participación xuvenil, de implicación cívica, entendida como suma ou mistura das dimensións política, social e persoal, son en moito mellorábeis, sería un absurdo en termos analíticos.

Pero recoñecer a insuficiencia dese nível de participación non debe ser óbice para recoñecermos que esa eiva no cuantitativo fica correxida, cando menos en parte, polo alto nível cualitativo da mocidade auto-organizada. Como se di no mundo das organizacións non lucrativas, a falta de persoas, máis horas. Máis horas de reunións, de preparación de actividades, de desenvolvemento de eventos, de organización, de reflexión e de remangarse pura e duramente para labores de intendencia e loxística.

A mocidade galega sí participa. Participa de entidades culturais, veciñais, ecoloxistas, solidarias e mesmo políticas, estudantís e sindicais. Pero tamén participa a través de grupos non formais, como son os grupos musicais, agrupacións teatrais ou círculos que comparten intereses de seu (grafitti, ciencia ficción, anime...).

Unha boa mostra de que a mocidade se move, participa, se implica e achega o mellor de sí mesma, témolo no foro Mocidade en Rede que organiza a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galiza, no que se están a recoller centos de propostas que serán tidas en conta no deseño, ou redeseño, da política xuvenil do noso país.

Din que os heroes son aqueles que fan todo o que lles é posíbel, fronte aos que non o fan.

===

Artigo publicado en forma de "post" no blogue comunistario ELOS o 24/04/07.

Chuzame! chúzame -