'eleccións' Category

Pacto de ficción

agosto 18th, 2008 agosto 18th, 2008
Posted in Galiza, artigos e columnas, bng, eleccións, governo galego
2 Comments »

Reproduzo e amplío nesta entrada o texto que en forma de comentario deixei no blogue de Andrés Milleiro hoxe, a respecto da hipótese dun pacto PP-BNG após os vindeiros comicios autonómicos, que todo o mundo xa (case)sabe serán adiantados por antollo electoralista do PSOE (PSdG jajaja).

O tema das alianzas, dos pactos electorais é complexo. Ou sempre hai certo interese por complexizalo con cargas metafisicas.

Vaiamos ao esencial, ao substancial, ao básico: o requisito sine qua non para poder artellar un pacto de governo entre dúas forzas políticas, non ten que ver tanto co cerne ideolóxico de cada unha das partes, senón coas proposicións programáticas, que son o plantexamento concretizado do primeiro.

¿O PP está disposto a dotar a Galiza dun estatuto que afonde no autogoverno e que parta en primeira instancia do recoñecemento político-xurídoco, inda que for de maneira simbólica, de Galiza como nación?

¿Está disposto a desenvolver unha política económica autocentrada?

¿Está disposto a defender unha facenda galega?

Son só preguntas ao azar. Non é retórica. A resposta a esas e outras preguntas, relevantes, arredor das condicións sociais do noso povo, da nosa cultura, ou do noso meio material, son as que fan inviábel de partida calquer pacto de governo co PP.

Porque páctase para governar, non para ficar no governo.

É innegábel que o mapa electoral galego, coa presenza de dúas forzas que son apenas sucursais coloniais das súas matrices españolas, eis PSOE e PP, non se corresponde nen de lonxe coas arelas que temos as/os nacionalistas. Nen tan sequer é do agrado de calqueira que crea realmente no país.

Porén, non se pode caer en ensoñacións de arquitectura política, nas que visualizar posíbeis pactos cun Partido Popular, que pese aos xestos impostados de moderación do seu discurso profundamente españolista, antigalego, e contrario aos intereses da clase traballadora, continua a ser a antítese ideolóxica, e programática, do que representa un proxecto transformador/revolucionario como o que encarna o nacionalismo galego para Galiza.

Ogallá, nese mapa electoral do que falaba antes, o peso do BNG fora maior. Ogallá o PSOE e o PP de Galiza abandoasen o seu sucursalismo paleto. Ogallá se amplie inda máis a maioría social que cré nas potencialidades do noso país.

Pero neste cenario un pacto con este PP é inviábel.

Sei que ao dicer isto moitas/os sinalarán as grandes semellanzas entre PSOE e PP, e tentarán con esa descrición denunciar unha teórica incongruencia na miña argumentación.

Comparto a idea de que tanto PSOE como PP son forzas sistémicas, alleas e mesmo contrarias aos intereses do país, pero se achegamos o zoom, os matices diferenzais son relevantes, tanto como para ter viabilizado un pacto de governo que fixo que por vez primeira na nosa historia un nacionalista presidise, por delegación en ausencia, un Consello da Xunta de Galiza.

Con todo, non se pode desprezar a oportunidade que representa para o noso povo, non para o BNG como organización, o feito de que o nacionalismo governe nos concellos ou na Xunta. Esa oportunidade é capital, é decisiva.

Non podo evitar apontar que experiencias maximalistas, as que dende o ideoloxismo esquerdista fan política-ficción dende a ortodoxia do dogmatismo, non achegaron nada productivo, nada concreto, en beneficio do país. Inda así hai quen inda non tomou nota do recado, e prosigue con teimas que teñen máis que ver co biográfico que co revolucionario.

En relación aos pactos co PSOE pode que teña reservas, polo exposto antes. Pero no caso do PP, non teño ningunha dúbida. Esa é a diferenza.

Entón o BNG está obrigado/condeado a pactar co PSOE? Non. Porque se non se cumpren as condicións programaticas para poder governar, sempre nos quedarán as alternativas de ser oposición ou de tentar governar en solitario.

E iso en Ferraz sábeno.

===

Artigo publicado en Xornal, GZ Nación e Mundo Galiza o 19-08-08.

Chuzame! chúzame -

Sufraxio non democrático.

xullo 31st, 2008 xullo 31st, 2008
Posted in artigos e columnas, democracia participativa, direitos civís, diáspora, eleccións, estado
No Comments »

O voto, o dereito ao sufraxio, é o núcleo da democracia. Algúns sostemos que ese dereito debe ampliarse e estenderse mediante a articulación de sistemas que promovan e posibiliten a participación activa e directa da cidadanía na toma de decisións, máis aló da mera delegación das democracias representativas e pluripartidarias, entendendo que só a través dese vieiro se pode construir unha verdadeira democracia: a democracia popular.

Pero é especialmente en sistemas políticos, como o instalado no Estado Español, onde o sufraxio alcanza unha maior importancia.

Tal e como están as cousas, a cidadanía apenas temos o dereito de delegar o exercicio da nosa cota de soberanía en representates políticos escollidos dentro dunha oferta pluripartidaria, esquilmada por un réxime electoral que dificulta cando non exclúe ás minorías, mediante o sistema de listas pechadas, cada certo número de  anos.

É dicer, unicamente decidimos quen sentar nos concellos, no parlamento, no Congreso, no Senado e na ficticia Eurocámara, que é onde se tomarán as decisións que nos van afectar directamente, e facemolo cada catro ou cinco anos.

Nunha democracia incompleta e imperfecta como a instaurada coa Constitución do 1978, o mínimo exixíbel é que o direito ao sufraxio, que é universal, se efectivice con plenas garantías de transparencia.

Hai tempo que se sospeita, ou se sabe, que o partido que controla o governo do estado, e polo tanto a rede diplomática e consular, controla o voto da emigración (ao seu favor obviamente), que en circunscricións como a galega é determinante. A confirmación veu da boca, curiosamente, de voceiros do PP. Tanto Feijoo como Rajoy denuncian agora as maldades dun sistema de voto, do que se beneficiaran impugnemente no pasado.

O governo de Zapatero non ten a vontade de rematar coa fraude antidemocrática na que se teñen convertido, elección tras elección, os votos provintes do exterior. Así o demostrou a vicepresidenta De la Vega na súa comparecencia, a petición do BNG, na comisión constitucional, que escudandose trala coartada inmoral de presuntas dificultades técnicas veu a dicer que o do voto en urna, que reclamou o parlamento galego de maneira unánime, de momento vai ser que non. Mesmo deu a entender que o problema podería ser de cartos.  Lamentábel.

Non hai nada máis importante, en termos democráticos, que garantir que os votos que se efectuen nuns comicios expresen a libre vontade da/o votante, e que o fagan baixo total transparencia, sen dar espazo a ningún tipo de dúbidas arredor da súa legalidade.

Non é admisíbel que continuen a votar mortos, que haxa votos duplicados, ou papeletas desaparecidas. Calquer proceso electoral que resulte dun proceso con esas irregularidades será completamente ilexítimo e antidemocrático.

Se cadra o PSOE agora temeroso polas posíbeis consecuencias electorais da crise económica,  xa non teña a máis mínima vontade de garantir que os votos, sexan de onde sexan, se emitan coas mesmas garantías.

Nesta democracia de cartón, os tramposos son sempre os mesmos.

===

Artigo publicado en GZ Nación o 31-07-08, en Xornal e Mundo Galiza o 01-08-0, en Kaos en la Red (en español) o 02-08-08, en Rebelión (en español) o 07-08-08 e no nº 466 de A Peneira.

Chuzame! chúzame -

A chave: máis povo.

xullo 19th, 2008 xullo 19th, 2008
Posted in Copiado e pegado, Galiza, análise, bng, eleccións, estado, governo galego
2 Comments »

Vieiros recolle un artigo no que se inclúen as declaracións do Vicepresidente do Governo Galego, e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana nunha entrevista concedida a Europa Press.

Quintana fai un repaso dos asuntos máis relevante para o noso páis. O autogoverno, a necesaria bilateralidade, as infraesctructuras, a situación política do estado, o balanzo destos tres anos de governo bipartito, ou as perpectivas eletorais do BNG perante os próximos comicios autonómicos.

Inda así teño que destacar as referenzas que fai o Vicepresidente arredor do proceso de autodeterminación, cando hai unha tormenta ideoloxista que cuestiona o compromiso do BNG cos seus principios esenciais.

"De nada valen programas con moita vistosidade nacionalista se non ha pobo detrás" afirma con contundencia o portavoz nacional do Bloque. Pode que para moitas/os esta afirmación sexa unha obviedade de puro sentido común, pero lamentabelmente é necesario explicitalo.

Reproduzo a continuación un fragmento da noticia de Vieiros:

"Dereito de autodeterminación dinámico e paulatino"
O vicepresidente do Executivo outorgoulle "toda a razón do mundo" aos que opinan que non se materializou o ideal nacionalista na xestión do Goberno. "Non lles podo dicir outra cousa, só faltaría que Galiza negada como nación polos séculos dos séculos se convertese en nación soberana en tres anos, cuns recursos competenciais limitados e recursos financeiros raquíticos". "Tampouco o pretendiamos", afirmou, e matizou: "porque era imposíbel facelo".

En todo caso, avisou de que de "de nada valen programas con moita vistosidade nacionalista se non hai pobo detrás". "O BNG ten que levar un proxecto transformador de acordo con Galiza e non hai proxecto transformador no mundo que non sexa capaz de provocar cambios se non leva pobo detrás", proclamou.

Anxo Quintana centrou o "gran éxito" do BNG en que é "capaz de facer as reivindicacións nacionalistas arrastrando cada vez máis pobo" e defendeu que "non hai tantas diferenzas entre o BNG dos anos oitenta e o de agora", porque o proxecto nacionalista "pasou sempre polo recoñecemento de Galiza como nación e por entender o dereito de autodeterminación dinámico e paulatino para conseguir maiores cotas de autogoberno e maior identificación nacional".
Nada que engadir.


Artigos Relacionados:
"A voltas co debate das ideas" - Xornal (16-07-08).

Chuzame! chúzame -

Diáspora, eleccións e hixiene democrática.

abril 19th, 2007 abril 19th, 2007
Posted in artigos e columnas, diáspora, eleccións
No Comments »

A pouco máis dun mes da celebración dos comicios municipais, o debate arredor do voto da emigración galega acrecentase en intensidade e mesmo en profundidade. Non é casual, xa que estamos a falar dun voto, o da diáspora, con peso específico no cenario político e electoral do país, con máis de 300.000 electoras/es, o que representa arredor do 12% do censo electoral total de Galiza. A relevancia do voto emigrante significase inda con máis forza se cabe, en concellos onde representa o 30% do eleitorado.

A falta de garantías no exercicio democrático do voto, denunciadas sistemáticamente polo BNG, e intermitentemente (segundo quen ocupe o governo central, é dicer, segundo quen controle toda a maquinaria diplomática e consular) por PSdG-PSOE e PP, define esta cuesitón como un asunto crucial.

O "paradoxo" electoral ao que con atino referiuse recentemente nunha entrevista neste medio (Vieiros) Carlos Aymerich, voceiro do Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento de Galiza, produce disfuncións inasumíbeis: mentras que máis de 15.000 mariñeiros da pesca de altura, ou da mariña mercante, vense impedidos, de facto, para executar o seu direito ao voto, e mentras calquer galega/o da emigración intraestatal (onde hai relevantes colonias galegas afincadas en Canarias, Madrid ou Barcelona) perde non só o seu direito como elector/a senon que ademáis perde calquer vinculazón administrativa con Galiza no momento mesmo de empadroarse noutro concello (requisito sine qua non para cuestións tan fundamentais como a escolarización de fillas/os, o uso de servizos municipais...), os 312.000 galegas/os residentes no exterior, segundo o CERA, teñen garantido o seu direito ao voto.

Fique claro, que non estou a cuestionar o dereito a voto da diáspora. No caso da comunidade emigrante galega,pola súa estreita e intensa relación coa terra nai, e inda máis,pola súa demostrada intención proactiva de participaren da vida política do país, negarlle ese direito, ao meu ver sería un exercicio de grave irresponsabilidade. Se por algo se distingue á emigración galega é polo seu firme mantemento no relativo á identidade, e na súa afirmación constante da galeguidade.Obviamente non se trata de darlles de lado, nen moito menos, porén é necesario regulamentar a súa participación electoral en base a un duplo obxectivo básico.

En primeiro lugar, o voto do exterior debe ter as mesmas garantías que o voto interior, iso é garantir que o voto sexa persoal, libre e segredo e en urna, cuestión que actualmente non só non fica garantida senon que ofrece fundadas dúbidas arredor da limpeza dun proceso claramente manipulábel.

E en segundo lugar, debemos ponderar, dandolle unha proporción máis equilibrada ao voto da emigración. Non é razoábel que un 30% de electores nun concello no que hai moito tempo que non viven, determine o resultado da elección dun governo municipal que xestionará a vida municipal do restante 70% os 365 días do ano.

Existen fórmulas no presente que noutros países compatibilizan a necesaria participación da comunidade nacional residente no exterior cun sistema de estrictas garantías democráticas e de proporcionalidade. Como apuntaba Aymerich no Portugal por exemplo non poden participar nas Autarquicas, mais sí nas lexislativas. En Italia, cunha importante emigración, establecen unha especie de circunscrición específica para o voto exterior, asignandolle 6 senadoras/es e 12 deputadas/os. Son fórmulas a ter en conta, non para importalas miméticamente, pero si para coñecermos outros cenarios e respostas a situacións semellantes, de cara a atopar unha solución de noso.

Os grupos parlamentares do BNG e do PSdG, a inicitativa dos nacionalistas, acaban de manifestar publicamente a súa intención de acometer a reforma da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREX).É un primeiro paso en positivo, pero o que debe ficar claro, inda que ao PSOE lle doa ter que renunciar á vantaxe que supón controlar o governo central, é que non podemos permitirnos nen un só retraso máis neste asunto, que xa é unha cuestión de hixiene e garantía democráctica. Non é asumíbel en termos democráticos que se celebre nen unha soa convocatoria electoral máis, após das municipais, nesta situación.

===

Artigo publicado en Vieiros o 17/04/07.

Chuzame! chúzame -