'economía' Category

A crise como oportunidade revolucionaria.

outubro 3rd, 2008 outubro 3rd, 2008
Posted in Copiado e pegado, análise, economía, nacionalismo
1 Comment »

Manuel Mera publicou en GZ Nación recentemente un artigo moi recomendábel no que aborda o escenario político que a actual crise económica abre, como fenda do sistema hexemónico.

Concordo coa análise que fai nese texto. A actual crise, ten provocado que as forzas sistémicas incorran en tal grao de contradición que fai que sexa facilmente recoñecíbel a súa verdadeira faciana por parte das clases populares.

O oportunismo do grande capital que agora implora pola intervención pública, é dicir, pola inxección dos cartos públicos para compensar as súas malas contas de resultados produto da súa especulación voraz. A obscenidade da patronal pedindo sen complexos o abaratamento do despido e a relaxación, inda en maior grao, na garantía dos dereitos sociais das/os traballadoras/es. Ou as cortinas de fume dun goberno central que quere aproveitar a actual conxuntura para pechar a billa do financiamento autonómico e así reforzar o seu afán re-centralizador.

Son estes, apenas uns exemplos evidentes desas contradicións que representan en si mesmas unha grande oportunidade para avanzar posicións e gañarmos a batalla das ideas.

Xa tiñamos a razón aquelas/es que sostemos que o actual sistema socio-político-económico mundial, alicerzado no imperialismo capitalista, era inhumano, antisocial e está condenado por xustiza a esmorecer. Porén, hoxe se cadra temos pola conxuntura argumentos máis sólidos, pola proximidade, para defender as nosas posicións.

Non podemos desaproveitar esa oportunidade, e como ben di Mera:

Compre acumular alí onde haxa máis construído a prol da nación e das clases populares, aínda que non nos convenza todo o que se fai, nen como, cando e quen o fai. Por responsabilidade histórica?... tamén, porén esencialmente por efectividade, pra garantir a masa social necesaria pra avanzar nas conquistas democráticas, e non ficar só como reductos ideolóxicos. A teoría política revolucionaria ten sobre todo valor se está presente dalgún xeito na conciencia e na práctica cotiá da xente. Tampouco podemos esquecer que en momentos duros haberá quen se pregue aos obxectivos insolidarios e colonizadores das clases dominantes, por distintos motivos, desde os ideolóxicos ao medo ao enfrontamento, daquela que sexa importante reducir a incidencia destas actitudes, combaténdoas e illándoas con argumentos e intelixencia. Trátase máis unha vez de saber que é o principal e que o secundario, e como tratar as contradicións no seo do povo... encol disto hai abondo escrito, e o nacionalismo galego ten unha longa experiencia.

En resumo, podemos gañar esta batalla, mais nunca, desde a barreira, sen organización, con forzas sectorializadas, ou ollándonos arreo ao embigo.

Chuzame! chúzame -

Arredor da crise…

setembro 17th, 2008 setembro 17th, 2008
Posted in economía
No Comments »

Hai varias semanas, penso que case un mes, que estou a matinar na preparación dun texto, supoño que co formato de artigo, arredor da crise económica que estamos a vivir, e que cada día enche con pouca información e moito morbo abstracto as grellas televisivas, sobre todo de programas pseudo-informativos.

Non é que vaia preparar unha tese, nin un tratado académico, (non estou cualificado para ningún dos dous), pero coido que para abordar en profundidade este tema tan complexo son precisas dúas condicións: rigor e perspectiva.

Rigor para falar con precisión, non no senso de empregar un argot técnico senón para analizar de maneira exacta no conceptual,  as causas e posíbeis solucións para o actual escenario económico, para o que é imprescindíbel manexar datos.

Perspectiva, basicamente temporal para poder ampliar o zoom e facer a foto ampla que require a descrición dun fenómeno tan extenso como é un cambio de ciclo económico, pero tamén perspectiva no senso de enfoque, de ángulo. Obviamente perspectiva de clase, analizando cal é impacto real deste proceso previo a entrada á recesión na maioría social, nas traballadoras e traballadores. Xustamente o ángulo que fica obviado do debate televisado e oficial.

Con todo, non podo negar que con algunha pincelada en entradas anteriores xa teña deixado entrever algunhas das chaves en base as que a analizo o que está a acontecer. En SocioPolitica.es, en tres entradas, tamén fixen pública a miña valoración acerca dos riscos máis coñecidos deste poliédrico asunto.

Polo momento recoméndovos que lle botedes unha ollada a estas ligazóns, que son moi ilustrativas:

E déixovos cunha tira cómica de Vergara, vía Escolar.net, tamén moi descritiva:

Chuzame! chúzame -

Tres artigos fundamentais e unha entrada imprescindíbel.

xullo 21st, 2008 xullo 21st, 2008
Posted in Copiado e pegado, EUA, Galiza, Globalización, análise, capitalismo, economía, internacional, iraque
No Comments »

Hoxe vai de lecturas recomendadas:

Paco Rodríguez analisa no seu artigo "Balanzas fiscais" na súa columna en Xornal, a controversia xerada encol da balanzas apresentadas polo governo español.

Por outra banda un extenso pero moi interesante artigo do Presidente da Rede Voltaire, Thierry Meyssan, publicado en VoltaireNet, baixo o  descriptivo título "Operación Sarkozy. Como a CIA puxo un dos seus axentes na presidencia da República Francesa"explica o entramado que hai tralo controvertido presidente galo.

Para rematar, tirando dun dos meus meios de referenza, Rebelión (no que tamén teño escrito varios artigos), a escritora Naomi Klein fala do actual momento do capitalismo e das verdadeiras causas da invasión do Iraque, no artigo titulado "Capitalismo do desastre: estado de extorsión".

E por último unha entrada no blogue de Ignacio Escolar a cargo de Toño Fraguas, a respecto do candidato do Partido Demócrata dos EUA, no que baixo a ilustrativa cabeceira de "Onde está o progresismo de Obama?" fai unha enumeración de cinco das posicións máis reaccionarias do candidato afroamericano... Por se alguén tiña dúbidas...

Bo proveito.

Chuzame! chúzame -

Balanzas fiscais, mal calibradas.

xullo 19th, 2008 xullo 19th, 2008
Posted in Galiza, bng, economía, estado
No Comments »

Deixóvos aquí un vídeo, vía TeleBNG, no que Anxo Quintana explica con meridiana claridade porque non son aceptábeis as balanzas fiscais apresentadas polo Governo Español, e que deixaban a Galiza como un dos territorios que menos achegaba ás arcas do estado e máis recibía delas.

Penso que é dificil explicalo con maior claridade sintética.

Chuzame! chúzame -

Nacionalizar para protexer a plusvalía

xullo 14th, 2008 xullo 14th, 2008
Posted in Copiado e pegado, economía
No Comments »

Semella que no actual panorama de crise financiero-económica a nível internacional (que non afecta aos beneficios empresariais), as receitas do sistema xa non agochan nen cun mínimo de disimulo as súas intencións, que obviamente non pasan por protexer ás clases populares.

Mesmo os adalides da mentira do libre mercado non teñen reparos en empregar agora a estructura do estado, e como non os recursos públicos, para protexer aos poderosos.

Nese marco, nos EUA o governo de George W. Bush acaba de nacionalizar as dúas principais entidades hipotecarias do país, Fannie Mae e Freddie Mac. En Roman Paladino: o governo norteamericano gasta sen rubor os cartos provintes basicamente da clase traballadora para protexer os intereses do gran capital.

Nacionalizar para protexer a plusvalía dos especuladores, esa é a consigna, ao tempo que se atreven con total descaro a descartar calquer medida encamiñada a fortalecer as economías da clase traballadora.

Recoméndovos a leitura do artigo de Xosé Mexuto titulado "Socialismo para ricos" publicado hoxe en Xornal.

Chuzame! chúzame -

Non á devolución de impostos

abril 1st, 2008 abril 1st, 2008
Posted in artigos e columnas, economía
No Comments »

Vivimos en sociedade. Desenvolvémonos como persoas no seo dunha comunidade social. Ambas afirmacións poden semellar obviedades gratuítas, mais é crucial ter estas referenzas claras para abordar con coherencia a cuestión impositiva.

Outra das chaves que debemos ter presente é que a economía sustentase no principio de que as necesidades son infinitas, en troques, os recursos necesarios para darlle resposta son limitados. A economía na súa definición clásica é a ciencia encargada de optimizar o uso dos recursos para cubrir o máximo número de necesidades, baixo o parámetro de eficiencia.

Neste mesmo medio recollíase recentemente un artigo do Presidente dos EUA, George W. Bush, no que defendía o que denomina como reembolsos tributarios, que non son outra cousa que a devolución dunha parte dos impostos cobrados á cidadanía norteamericana, co obxectivo teórico de tentar axudar a manter o tipo ás familias que sofreron a reviravolta da crise das hipotecas "baratas".

Esa medida, a do reembolso tributario, foi a que serviu de inspiración á devolución de 400€ do IRPF prometida por Zapatero na pasada campaña electoral.

Ao marxe do disparate en termos socioeconómicos que representan ambas medidas, o realmente perigoso é o cerne do discurso que as xustifica e sustenta.

A dereita ten gañado a batalla comunicativa en relación aos impostos. Os conservadores conseguiron que se instale socialmente a idea de que os impostos son algo negativo, un exceso perverso dun estado que nos nega a liberdade obrigándonos a pagar.

Pero ¿que son en termos sociais os impostos? Son a nosa cota por formar parte dun colectivo, dunha comunidade. Cando nos asociamos a un centro cultural, ou a un clube deportivo, adquirimos unha serie de dereitos (desfrute das instalacións, participación en actividades, recepción de publicacións…) a cambio dunha achega económica en forma de cota.

Pois ben, os impostos son a nosa cota social, coa que facemos a nosa achega para sufragar os servizos e infraestruturas das que nos beneficiamos todas e todos (hospitais, ensino público, seguranza pública, estradas, instalacións culturais…).

A devolución de impostos supón un triplo erro. Primeiro, supón que o estado recoñeza que cobrou de máis, poñendo en xaque a credibilidade do propio sistema tributario. Segundo, pon en cuestión a proporcionalidade que debe caracterizar o sistema impositivo, xa que a devolución inda tendo un impacto diferente nos distintos níveis de renda, inclúe tamén ás persoas coas rendas máis elevadas.

En terceiro e último lugar a devolución de impostos supón declarar o fracaso do estado do benestar.

Dende o anuncio de Zapatero, conversei con moitas persoas, moi diferentes entre sí, pero que coincidían nunha idea formulada como pregunta: ¿o goberno central non ten nada mellor ao que destinar eses cartos?

Para que unha administración devolva recursos, que dicíamos ao principio son limitados en relación ás necesidades, a situación tería que ser utópica, no senso de ter cuberto completamente todas as necesidades. Feito que non se corresponde nel de lonxe coa realidade.

Calquer persoa podería indicar un destino mellor para esa importante cantidade de recursos que se queren reintegrar: aumentar o financiamento da sanidade para rematar coas vergoñentas listas de espera, sufragar a posta en marcha de máis política social, mellorar o ensino, aumentar a dotación económica da xustiza (que tanto está dando que falar ultimamente), establecer un subsidio social básico que erradique as bolsas de pobreza, o pago da débeda histórica con Galiza… e un longuísimo etcétera co que poderíamos escribir a lista de tarefas pendentes, de necesidades non cubertas.

Hai un cuarto elemento que agrava o citado triplo erro, que é a procedencia deses cartos que agora se queren devolver: o superávit nas contas públicas. O feito de que as administracións públicas non se endebeden por riba duns níveis aceptábeis, é algo positivo porque xera dinamismo económico e ademais reforza a solvencia do estado.

Unha cousa é non endebedarse e outra gastar menos do que se pode, por iso é moi preocupante que un goberno faga gala do superávit nas contas públicas.

¿De onde provén ese superávit? ¿como pode haber un exceso de ingresos sobre os gastos nas contas públicas? Basicamente, hai dous camiños: que se ingrese máis do previsto, ou que se gaste menos do presupostado; ou unha conxunción de ambas. No caso de que se ingrese máis, evidencia un erro na previsión. No caso de que se gaste menos demostra incapacidade na xestión xa que haberá actuacións que sendo necesarias non se leven a termo.

Hai un argumento definitivo para rexeitar os reembolsos tributarios de Bush ou as devolucións impositivas de Zapatero: ese reintegro só podo gastalo na compra de bens de consumo, non podo destinalos a colaborar na construción de hospitais, na ampliación das becas, na aposta polas enerxías renovábeis, na cooperación internacional, nas políticas de igualdade…

Non quero que me devolvan a miña cota social, porque formo parte desta comunidade e porque os impostos que pago son a miña achega solidaria á mellora das condicións sociais.

===

Artigo publicado en Xornal.com o 31-03-08, e Rebelión o 3-04-08.

Chuzame! chúzame -