'democracia participativa' Category

Sufraxio non democrático.

xullo 31st, 2008 xullo 31st, 2008
Posted in artigos e columnas, democracia participativa, direitos civís, diáspora, eleccións, estado
No Comments »

O voto, o dereito ao sufraxio, é o núcleo da democracia. Algúns sostemos que ese dereito debe ampliarse e estenderse mediante a articulación de sistemas que promovan e posibiliten a participación activa e directa da cidadanía na toma de decisións, máis aló da mera delegación das democracias representativas e pluripartidarias, entendendo que só a través dese vieiro se pode construir unha verdadeira democracia: a democracia popular.

Pero é especialmente en sistemas políticos, como o instalado no Estado Español, onde o sufraxio alcanza unha maior importancia.

Tal e como están as cousas, a cidadanía apenas temos o dereito de delegar o exercicio da nosa cota de soberanía en representates políticos escollidos dentro dunha oferta pluripartidaria, esquilmada por un réxime electoral que dificulta cando non exclúe ás minorías, mediante o sistema de listas pechadas, cada certo número de  anos.

É dicer, unicamente decidimos quen sentar nos concellos, no parlamento, no Congreso, no Senado e na ficticia Eurocámara, que é onde se tomarán as decisións que nos van afectar directamente, e facemolo cada catro ou cinco anos.

Nunha democracia incompleta e imperfecta como a instaurada coa Constitución do 1978, o mínimo exixíbel é que o direito ao sufraxio, que é universal, se efectivice con plenas garantías de transparencia.

Hai tempo que se sospeita, ou se sabe, que o partido que controla o governo do estado, e polo tanto a rede diplomática e consular, controla o voto da emigración (ao seu favor obviamente), que en circunscricións como a galega é determinante. A confirmación veu da boca, curiosamente, de voceiros do PP. Tanto Feijoo como Rajoy denuncian agora as maldades dun sistema de voto, do que se beneficiaran impugnemente no pasado.

O governo de Zapatero non ten a vontade de rematar coa fraude antidemocrática na que se teñen convertido, elección tras elección, os votos provintes do exterior. Así o demostrou a vicepresidenta De la Vega na súa comparecencia, a petición do BNG, na comisión constitucional, que escudandose trala coartada inmoral de presuntas dificultades técnicas veu a dicer que o do voto en urna, que reclamou o parlamento galego de maneira unánime, de momento vai ser que non. Mesmo deu a entender que o problema podería ser de cartos.  Lamentábel.

Non hai nada máis importante, en termos democráticos, que garantir que os votos que se efectuen nuns comicios expresen a libre vontade da/o votante, e que o fagan baixo total transparencia, sen dar espazo a ningún tipo de dúbidas arredor da súa legalidade.

Non é admisíbel que continuen a votar mortos, que haxa votos duplicados, ou papeletas desaparecidas. Calquer proceso electoral que resulte dun proceso con esas irregularidades será completamente ilexítimo e antidemocrático.

Se cadra o PSOE agora temeroso polas posíbeis consecuencias electorais da crise económica,  xa non teña a máis mínima vontade de garantir que os votos, sexan de onde sexan, se emitan coas mesmas garantías.

Nesta democracia de cartón, os tramposos son sempre os mesmos.

===

Artigo publicado en GZ Nación o 31-07-08, en Xornal e Mundo Galiza o 01-08-0, en Kaos en la Red (en español) o 02-08-08, en Rebelión (en español) o 07-08-08 e no nº 466 de A Peneira.

Chuzame! chúzame -

Democracia 2.0

xullo 13th, 2008 xullo 13th, 2008
Posted in Globalización, análise, ciberactivismo, democracia participativa, informática
No Comments »

Máis aló da democracia "formal", non pode existir unha xenuina democracia real sen unha activa participación sociopolítica. Superar o carácter "representativo" a través de canles de participación directa da cidadanía é o grande repto, se cadra un dos pasos chave nun proceso de verdadeiramente revolucionario.

O papel da cidadanía debe afastarse da dimensión reducida de electores para achegarse á semántica orixinal da democracia.

As persoas deben deixar de ser actores pasivos que só interveñen periodicamente en procesos electorais que ás máis das veces pola súa propia configuración normativa non son democráticos (leis electorais que impiden de facto a representación plural das minorías, maquinaria do mass media ao servizo de determinadas opcións, listas pechadas, modelo de circunscricións...), para converterse en actores protagonistas da vida política. Esa é a verdadeira democracia.

As novas tecnoloxías da información teñen grandes potencialidades como canles útis no propósito de reinvertar a democracia en chave participativa. Polas súas características (accesibilidade, ruputra de fronteiras físicas, interconexión...) a denominada web 2.0 con todos os elementos que a compoñen (redes sociais, blogues, espazos de realidade virtual, streaming...) está a converterse na palestra do século XXI.

Así as infotecnoloxías xa están a sustituir aos pasquíns e aos mitíns nas fábricas do século XIX, con campañas de ciberactivismo de masas, ciberconvocatorias (coa súa versión SMS)... con debates no Youtube, achegando un elemento enriquecedor como é o da colectivización da participación política respetando os espazos da iniciativa individual como desencadenante.

Como sostén Eladio Díez, responsábel do Foro de Investigación e Acción Participativa, nunha interesante entrevista publicada hoxe en Vieiros, "o ciberactivismo é a resposta desde a base a este novo mundo".

_Artigos de interese:

_Ligazóns:

_Descargas relacionadas:

Chuzame! chúzame -