Cremos no noso país!Soberanía Social, Xustiza Social!

Archive for the Copiado e pegado Category

Vieiros recolle un artigo no que se inclúen as declaracións do Vicepresidente do Governo Galego, e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana nunha entrevista concedida a Europa Press.

Quintana fai un repaso dos asuntos máis relevante para o noso páis. O autogoverno, a necesaria bilateralidade, as infraesctructuras, a situación política do estado, o balanzo destos tres anos de governo bipartito, ou as perpectivas eletorais do BNG perante os próximos comicios autonómicos.

Inda así teño que destacar as referenzas que fai o Vicepresidente arredor do proceso de autodeterminación, cando hai unha tormenta ideoloxista que cuestiona o compromiso do BNG cos seus principios esenciais.

"De nada valen programas con moita vistosidade nacionalista se non ha pobo detrás" afirma con contundencia o portavoz nacional do Bloque. Pode que para moitas/os esta afirmación sexa unha obviedade de puro sentido común, pero lamentabelmente é necesario explicitalo.

Reproduzo a continuación un fragmento da noticia de Vieiros:

"Dereito de autodeterminación dinámico e paulatino"
O vicepresidente do Executivo outorgoulle "toda a razón do mundo" aos que opinan que non se materializou o ideal nacionalista na xestión do Goberno. "Non lles podo dicir outra cousa, só faltaría que Galiza negada como nación polos séculos dos séculos se convertese en nación soberana en tres anos, cuns recursos competenciais limitados e recursos financeiros raquíticos". "Tampouco o pretendiamos", afirmou, e matizou: "porque era imposíbel facelo".

En todo caso, avisou de que de "de nada valen programas con moita vistosidade nacionalista se non hai pobo detrás". "O BNG ten que levar un proxecto transformador de acordo con Galiza e non hai proxecto transformador no mundo que non sexa capaz de provocar cambios se non leva pobo detrás", proclamou.

Anxo Quintana centrou o "gran éxito" do BNG en que é "capaz de facer as reivindicacións nacionalistas arrastrando cada vez máis pobo" e defendeu que "non hai tantas diferenzas entre o BNG dos anos oitenta e o de agora", porque o proxecto nacionalista "pasou sempre polo recoñecemento de Galiza como nación e por entender o dereito de autodeterminación dinámico e paulatino para conseguir maiores cotas de autogoberno e maior identificación nacional".
Nada que engadir.


Artigos Relacionados:
"A voltas co debate das ideas" - Xornal (16-07-08).

Chuzame! chuzame -

Acabo de ler o brillante artigo que o compañeiro Xoan Carlos Garrido ven de publicar en Vieiros baixo o título "Acabóuselle o leninismo a Zapatero?" e no que fai unha interesante e sesuda análise arredor da involución do actual Presidente do Governo Español, que comparto.

É propio da socialdemocracia proxectar con certa habilidade unha pantalla estética, plagada de intencións, de boas palabras ocas, para encubrir a súa falta de ambición, ou de decisión, transformadora.

O PSOE de ZP é o resultado dunha mistura da mellor mercadotecnia política, esa que deseñara con acerto o gurú publicitario Campmany, e a manipulación falseada en inxenuidade, ou o que algúns chaman erradamente optimismo antropolóxico.

Inda que Zapatero marcou distancias cun pasado marcado polas arroutadas case totalitaristas dun Aznar preso do seu propio ego e desquiciado por un poder que nunca debeu conquistar, coa experiencia da pasada lexislatura e o pobre arranque da presente, podemos concluir que ao malabarista dialéctico do PSOE esgotouselle a maxia dos trucos fáciles.

O creto político que depositamos as persoas nos representantes electos precisa dalgo máis que de estupendas declaracións de intencións, efectistas xestos mediáticos ou un control moi habilidoso do ciclo de noticias. A cidadanía non confía por fé, e iso exixe que haxa unha carga demostrativa detrás do discurso de turno, que é o que fai críbel e coherente. En síntese: queremos feitos.

Zapatero está a demostrar que carece de proxecto máis aló do holograma proxectado, diluido nun discurso fácil e baleiro. Non ten ideas, só esloganes. Non ten proxectos, apenas intencións. Non ten vontade, tan só pose.

ZP podería ser perfectamente a crónica da decepción anunciada, ou mellor: o máis previsíbel dos bluffs.

E o peor é que xa perdeu a frescura da novidade, e francamente resulta mesmo aburrido. E o aburrimento acostuma provocar na xente ganas de alternancia... inda que o cambio sexa a peor...

Chuzame! chuzame -

Semella que no actual panorama de crise financiero-económica a nível internacional (que non afecta aos beneficios empresariais), as receitas do sistema xa non agochan nen cun mínimo de disimulo as súas intencións, que obviamente non pasan por protexer ás clases populares.

Mesmo os adalides da mentira do libre mercado non teñen reparos en empregar agora a estructura do estado, e como non os recursos públicos, para protexer aos poderosos.

Nese marco, nos EUA o governo de George W. Bush acaba de nacionalizar as dúas principais entidades hipotecarias do país, Fannie Mae e Freddie Mac. En Roman Paladino: o governo norteamericano gasta sen rubor os cartos provintes basicamente da clase traballadora para protexer os intereses do gran capital.

Nacionalizar para protexer a plusvalía dos especuladores, esa é a consigna, ao tempo que se atreven con total descaro a descartar calquer medida encamiñada a fortalecer as economías da clase traballadora.

Recoméndovos a leitura do artigo de Xosé Mexuto titulado "Socialismo para ricos" publicado hoxe en Xornal.

Chuzame! chuzame -

"Temos unha lingua secular e unha lingua con futuro"

Chuzame! chuzame -

Reproduzo a continuación un excelente artigo da compañeira e amiga Silvia Bermúdez Pérez, que fora concelleira do BNG en Vigo no último tramo da lexislatura 2003-2007, que tivera un papel destacado no movemento estudantil participando dos CAF e que se ten distinguido pola súa intensa e activa laboura no campo sindical no seo da Confederación Internsindical Galega.

Acerta Silvia de cheo no fondo do asunto que denuncia nun texto brillante no estético e formal. Porque a revolución exixe sensibilidade. Convídovos asímesmo a que visitedes o seu blogue Galiza Subversiva.

Iraque: Asasinar a poesía

Silvia Bermúdez Pérez (Tirado de: Avantar, 05-05-08)

Xa non hai noites de amor no Iraque. Os EUA impoñen a golpe de marine a “nova orde mundial” caracterizada polo caos máis absoluto. O seu propósito e significado non ten nada de novo: saquear a riqueza dos pobos usurpándolles a súa soberanía.

“de pensamiento es la guerra que se nos libra; ganémosla a fuerza de pensamiento” (José Martí)

Ante a demagoxia, a mentira e as medias verdades, un pouco de historia.

Miles de anos antes de que a invasión ianqui levara, a golpe de marine, a "Civilización" ao Iraque, nesta terra “bárbara” foron escritas as primeiras páxinas da historia universal (Sumer, Asiria, Babilonia).

No terceiro milenio antes de Cristo os primitivos habitantes do actual Iraque, os sumerios, dan os primeiros pasos nas ciencias, deseñan a primeira concepción da creación do universo, do mundo e da humanidade, e deixan, por vez primeira, testimonio escrito de todo aquilo que observaron no primeiro rexistro gráfico do que se ten constancia histórica.

Na terra da “guerra infinita”, das bombas de racimo, do uranio empobrecido; nace a escrita, a roda, o álxebra, a xeometría, os primeiros calendarios, o mito do Diluvio Universal, as observacións astronómicas, a meteoroloxía (estas dúas últimas da man da adiviñación), a realeza…

En lingua sumeria foi escrito o primeiro poema de amor. Escrito en barro, o poema narra o encontro dunha deusa; Inanna, e un pastor; Dumuzi. Conta o poema que Inanna amou esa noite como se fora mortal e Dumuzi foi inmortal mentres durou esa noite .

Este pobo da antigüidade, ao igual que o do presente sufriu múltiples ataques pola súa posición estratéxica, pola abundancia de auga e por ser un territorio de fácil penetración.

Xa non hai noites de amor no Iraque. Os EUA impoñen a golpe de marine a “nova orde mundial” caracterizada polo caos máis absoluto. O seu propósito e significado non ten nada de novo: saquear a riqueza dos pobos usurpándolles a súa soberanía.

Hoxe as fillas e os fillos de Sumer son asasinados en nome do que eles crearon, a “civilización”. Viven nunha terra roubada polo Imperio. Máis de 1 millón de vítimas e 4 millóns de persoas desprazadas… iso si, pola paz e a liberdade (sen comentarios).

Chuzame! chuzame -
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Moncho Reboiras, Patriota Galego!

Valid CSS!