'artigos e columnas' Category

Cambio de talante.

abril 4th, 2008 abril 4th, 2008
Posted in artigos e columnas, estado
No Comments »

O resultado do 9M tiña varios elementos que sustentaban a lectura positiva que fixo o Bloque Nacionalista Galego dos mesmos: Primeiro o PP retrocedía en apoios en Galiza e Rajoy perdeu na carreira á Moncloa. Segundo o PSOE non conquería unha maioría absoluta que instalaría inda máis o bipartidismo atroz, e tan pouco democrático, que caracterizou a longuísima campaña electoral, facendo que Zapatero teña que contar co apoio doutras forzas políticas para sacar adiante o seu programa lexislativo para os vindeiros catro anos. En terceiro e último lugar está o feito de que o BNG fose a única forza nacionalista que aguantando o vendabal bipartidista mantivese a súa representación no Congreso on Olaia Fernández Davila e Francisco Jorquera como deputadas/os electas/os.

Abríase nesa noite electoral un cenario de oportunidades no que o BNG estaba chamado a ter un papel relevante e decisivo en Madrid, sobre todo de cara a investidura de Jose Luis Rodríguez Zapatero. O estilo da última parte da lexislatura anterior, na que o PSOE viuse avocado a contar co apoio crucial do BNG, reforzaba esa idea.

Porén, o talante ten mudado, pegando unha viraxe que fai pensar que como sinalaba recentemente Anxo Quintana inda que o PP perdeu as elección semella que o seu talante, o seu estilo, impuxose o 9-M.

Só así pode entenderse ese afán por apresentarse agora o PSOE como unha forza libre e independente, a pesar da súa exigua maioría que non lle pode garantir nada máis que a eleción do Presidente da Camara e do Xefe de Governo, eso sí en segunda volta. ¿Que explica esa manobra, ese cambio de estratexia? Eva Lema sinala con acerto, nunha entrada no seu blog neste mesmo meio, algunhas das chaves que poden axudarnos a atopar unha resposta. É evidente, como sostén Lema, que esta viraxe é un verdadeiro chiscar de ollos ao electorado da dereita, como xeito de introducirse nunha competencia pola base electoral do Partido Popular. En Ferraz se cadra pensan que só así poderán optar a unha maioría absoluta que visto o seu novo estilo cunha minima maioría suficiente produce pavor democrático.

Por outra bande o PNV pasa de ser un actor político chave na solución do cenario vasco a ser un grupo prescindíbel para Zapatero, ao que o Presidente somete a unha chantaxe en relación á expulsión dos cargos electos de ANV das institucións vascas. Obviamente tratase de abrir camiño a un PSE que comeza a crerse con posibiliddes de governar Euskadi.

En Cataluña o PSOE renega do apoio de ERC polo que entenden por falta de fidelidade. En troques con CIU a excusa son os problemas internos da coalición, cando é evidente que o problema é a contradicción que lle suporía ao PSC que a súa organización matriz, o PSOE, pactase en Madrid coa súa oposición en Cataluña.

A grande incógnita pasa por saber cal será o comportamento do PP. Se o seu ofrecemento de pactos de estado é sinceiro, non nos debería extrañar que os de Rajoy lle fagan de balón de oxíxeno aos de Zapatero para evitar que este precise o apoio das forzas nacionalistas. Se pola contra é só un farol, ou un brindis ao sol, a lexislatura será entretida.

Non sei como andan de matemáticas no Grupo Parlamentar do PSOE no Congreso, pero hai algo que non mudou dende o 9-M: os seus deputados non son suficientes para garantir a aprobación do paquete lexisltivo necesario para o desenvolvemento da acción de governo. Aí é onde o BNG, cun xustificado malestar, terá que agardalos, porque pasado o repentino ataque de unilateralismo o PSOE precisará dos seus votos, e Galiza será decisiva.

===

Artigo publicado en GZ Nación o 09-04-08

Chuzame! chúzame -

Obxectivo cumprido no Congreso.

abril 4th, 2008 abril 4th, 2008
Posted in artigos e columnas, bng, estado
No Comments »

Tralos resultados das eleccións xerais do pasado mes de marzo, debuxábase a posibilidade dun absurdo parlamentar como sería a existencia dun macro-grupo mixto con 11 deputadas e deputados de 6 forzas políticas diferentes: IU-ICV, ERC, BNG, CC, Na-Bai e UPyD.

A existencia do grupo mixto é per se un sin sentido e un disparate, xa que é apenas un caixón de xastre, no que meter as/os deputadas/os das forzas políticas que non cumpren os requisitos dun regulamento que exclúe as "minorías", inda que estas conten cun respaldo social suficiente como para ser forzas de governo decisivas nos seus respectivos territorios.

O BNG cederá temporalmente os dous deputados que ten no Congreso para posibilitar a creación dun grupo parlamentar de ERC-IU-ICV. Así o anunciou onte o portavoz do Bloque no Congreso, Franciso Jorquera, ao tempo que anunciaba que este empréstamo técnico, será temporal, e os deputados do BNG abandonarán nun prazo razoábel ese grupo para integrarse novamente no Grupo Mixto xunto Coalición Canaria e Nafarroa Bai.

O obxectivo que se marcara o Bloque Nacionalista Galego após a imposibilidade de conformar grupo parlamentar de seu, pese á xenerosa colaboración de CIU e PNV, por mor da falta de vontade política do PSOE que deliberadamente decidiu non colaborar cunha lectura flexíbel do regulamento da cámara, era o de partillar un grupo mixto que ía ser inabarcábel convertíndose de facto nun totum revolutum que faría imposíbel que se visualizase a pluralidade do arco parlamentar.

Polo tanto obxectivo cumprido, converténdose o BNG na cabeza do alixeirado Grupo Mixto o que redundará en maiores cotas de participación dos nacionalistas no traballo parlamentar (tempos de intervención, preguntas...), facendo que Galiza teña unha voz que se escoite máis e mellor.

===

Artigo publicado en

Chuzame! chúzame -

López Peña: bye bye!

abril 4th, 2008 abril 4th, 2008
Posted in Vigo, artigos e columnas
No Comments »

O delegado do estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, o histórico do PSOE, Francisco López Peña, acaba de anunciar a súa dimisión a través dunha nota de prensa.

Rematan así once anos de dirección dunha entidade cunha importancia crucial no seo dunha cidade industrial como Vigo, desenvolvidos en dúas etapas: de 1989 a 1996 e de 2004 a 2008. O certo é que López Peña ostentaba un cargo moi desexado, que ten un rango semellante ao do propio Alcalde e que é designado directamente polo Ministro de Economía.

Sen entrar a valorar en termos técnicos a súa labor á fronte do Consorcio, López Peña distinguiuse por un coñecido desleixo e desinterese por conxugar a acción da Zona Franca cos intereses xerais da cidade, así como polo seu carácter difícil e a escasa disposición á hora de colaborar co goberno municipal da cidade.

Defínese como un xestor, no senso máis excluínte do termo. Exerceu o seu cargo cunha lectura excesivamente excluinte, que se plasmaba nas reservas e permanente celo á hora de que a Zona Franca se implicase e colaborase nos problemas da cidade. Pola importancia do consorcio, pola cantidade de recursos que xera, e tamén polo evidente impacto social, urbano e medioambiental das actividades que promove, resulta unha irresponsabilidade política que se situase sempre de costas á cidade.

López Peña non disimulaba o seu enfoque reducionista, describindo ao consorcio como unha axencia de solo industrial, unha especie de inmobiliaria sufragada con fondos públicos destinada a dar teito ás empresas.

O último e se cadra o mellor exemplo da súa xestión implacabelmente asocial é a construción do centro comercial de A Laxe que rematou de pechar Vigo ao Mar, cunha oposición social e política maioritaria.

Pouca xente lamentará a súa marcha, eu non.

Bye bye!

===

Artigo publicado en Xornal.com o 4-04-08

Chuzame! chúzame -

Non á devolución de impostos

abril 1st, 2008 abril 1st, 2008
Posted in artigos e columnas, economía
No Comments »

Vivimos en sociedade. Desenvolvémonos como persoas no seo dunha comunidade social. Ambas afirmacións poden semellar obviedades gratuítas, mais é crucial ter estas referenzas claras para abordar con coherencia a cuestión impositiva.

Outra das chaves que debemos ter presente é que a economía sustentase no principio de que as necesidades son infinitas, en troques, os recursos necesarios para darlle resposta son limitados. A economía na súa definición clásica é a ciencia encargada de optimizar o uso dos recursos para cubrir o máximo número de necesidades, baixo o parámetro de eficiencia.

Neste mesmo medio recollíase recentemente un artigo do Presidente dos EUA, George W. Bush, no que defendía o que denomina como reembolsos tributarios, que non son outra cousa que a devolución dunha parte dos impostos cobrados á cidadanía norteamericana, co obxectivo teórico de tentar axudar a manter o tipo ás familias que sofreron a reviravolta da crise das hipotecas "baratas".

Esa medida, a do reembolso tributario, foi a que serviu de inspiración á devolución de 400€ do IRPF prometida por Zapatero na pasada campaña electoral.

Ao marxe do disparate en termos socioeconómicos que representan ambas medidas, o realmente perigoso é o cerne do discurso que as xustifica e sustenta.

A dereita ten gañado a batalla comunicativa en relación aos impostos. Os conservadores conseguiron que se instale socialmente a idea de que os impostos son algo negativo, un exceso perverso dun estado que nos nega a liberdade obrigándonos a pagar.

Pero ¿que son en termos sociais os impostos? Son a nosa cota por formar parte dun colectivo, dunha comunidade. Cando nos asociamos a un centro cultural, ou a un clube deportivo, adquirimos unha serie de dereitos (desfrute das instalacións, participación en actividades, recepción de publicacións…) a cambio dunha achega económica en forma de cota.

Pois ben, os impostos son a nosa cota social, coa que facemos a nosa achega para sufragar os servizos e infraestruturas das que nos beneficiamos todas e todos (hospitais, ensino público, seguranza pública, estradas, instalacións culturais…).

A devolución de impostos supón un triplo erro. Primeiro, supón que o estado recoñeza que cobrou de máis, poñendo en xaque a credibilidade do propio sistema tributario. Segundo, pon en cuestión a proporcionalidade que debe caracterizar o sistema impositivo, xa que a devolución inda tendo un impacto diferente nos distintos níveis de renda, inclúe tamén ás persoas coas rendas máis elevadas.

En terceiro e último lugar a devolución de impostos supón declarar o fracaso do estado do benestar.

Dende o anuncio de Zapatero, conversei con moitas persoas, moi diferentes entre sí, pero que coincidían nunha idea formulada como pregunta: ¿o goberno central non ten nada mellor ao que destinar eses cartos?

Para que unha administración devolva recursos, que dicíamos ao principio son limitados en relación ás necesidades, a situación tería que ser utópica, no senso de ter cuberto completamente todas as necesidades. Feito que non se corresponde nel de lonxe coa realidade.

Calquer persoa podería indicar un destino mellor para esa importante cantidade de recursos que se queren reintegrar: aumentar o financiamento da sanidade para rematar coas vergoñentas listas de espera, sufragar a posta en marcha de máis política social, mellorar o ensino, aumentar a dotación económica da xustiza (que tanto está dando que falar ultimamente), establecer un subsidio social básico que erradique as bolsas de pobreza, o pago da débeda histórica con Galiza… e un longuísimo etcétera co que poderíamos escribir a lista de tarefas pendentes, de necesidades non cubertas.

Hai un cuarto elemento que agrava o citado triplo erro, que é a procedencia deses cartos que agora se queren devolver: o superávit nas contas públicas. O feito de que as administracións públicas non se endebeden por riba duns níveis aceptábeis, é algo positivo porque xera dinamismo económico e ademais reforza a solvencia do estado.

Unha cousa é non endebedarse e outra gastar menos do que se pode, por iso é moi preocupante que un goberno faga gala do superávit nas contas públicas.

¿De onde provén ese superávit? ¿como pode haber un exceso de ingresos sobre os gastos nas contas públicas? Basicamente, hai dous camiños: que se ingrese máis do previsto, ou que se gaste menos do presupostado; ou unha conxunción de ambas. No caso de que se ingrese máis, evidencia un erro na previsión. No caso de que se gaste menos demostra incapacidade na xestión xa que haberá actuacións que sendo necesarias non se leven a termo.

Hai un argumento definitivo para rexeitar os reembolsos tributarios de Bush ou as devolucións impositivas de Zapatero: ese reintegro só podo gastalo na compra de bens de consumo, non podo destinalos a colaborar na construción de hospitais, na ampliación das becas, na aposta polas enerxías renovábeis, na cooperación internacional, nas políticas de igualdade…

Non quero que me devolvan a miña cota social, porque formo parte desta comunidade e porque os impostos que pago son a miña achega solidaria á mellora das condicións sociais.

===

Artigo publicado en Xornal.com o 31-03-08, e Rebelión o 3-04-08.

Chuzame! chúzame -

Discursos.

xaneiro 2nd, 2008 xaneiro 2nd, 2008
Posted in Galiza, análise, artigos e columnas
No Comments »

Emilio Pérez Touriño na súa intervención televisiva de Fin de Ano.O nadal e o cambio de ano, acostuman ser boas oportunidades para lanzar proclamas e discursos políticos.

Inda que existe a idea instalada de que este tipo de intervencións televisadas non teñen demasiado efecto na cidadanía, o certo é que se corresponden co prime time en termos de oportunidade política. Existe, pola habitualidade, una predisposición social de atender o que teñan que dicer os dirixentes gobernamentais.

As/os galegas/os fumos espectadoras/es das intervencións do monarca español, en noiteboa, e máis do Presidente da Xunta en fin de ano. O certo é que ambas foron pouco susbtanciosas.

En noiteboa xa son habituais as intervencións asépticas no político e valeiras no conceptual, dun monarca que recurrentemente cae no oficialismo buenista de falar sen dicir nada.

Touriño pola súa banda mimetizou co seu antecesor e fixo da súa declaración de fin de ano un brindis ao sol no que vanagloriarse, sen escatimar en autobombo, do seus supostos méritos presidenciais. Nen unha soa autocrítica, inda que a súa axenda lexislativa para o 2007 non se cumprise.

Na outra beira do Miño, o primeiro ministro portugués, o socialista José Socrates, facía o mesmo en noiteboa cunhas verbas afastadas da dura realidade que sofren as clases populares e operarias do país irmán, e que as súas políticas de corte neoliberal están a recrudecer.

A nota disonante marcouna o Presidente da República, o conservador Cavaco Silva, no seu discurso de fin de ano, retransmitido pola RTP e do que se fan eco todos os meios portugueses, sobor de todo pola súa alusión aos excesivos salarios dos grandes directivos empresariais en comparación cos soldos medios dos seus traballadores.

Cavaco, ao que non profeso a máis mínima simpatía, pode que sexa un demagogo oportunista, pero o certo é que a súa descrición da situación do Portugal, onde a desesperanza entre as clases populares comeza a facerse visíbel despois de constatar unha vez máis a traizón do PS aos principios da esquerda (que Mario Soares denunciaba recentemente), é infinitamente máis críbel, verosímil e obxectivábel que o triunfalismo do seu primeiro ministro.

Estos feitos recentes e concretos poden server de exemplo ad hoc para denunciar a permanente ausencia de autocrítica, e unha obsesión por parte dalgunhas formacións políticas de invisibilizar os problemas, como se xirando a cara se superasen, seguindo a máxima de “obvia aquelo que non poidas retrucar”.

En Madrid ZP tira da macroeconomía para ocultar unha situación nas economías familiares ben distinta da que debuxa o seu vicepresidente, que no canto de sinalar os baixos salarios como causa da perda de poder adquisitivo, sermoneanos insinuando que somos uns inconscientes que non entendemos o valor dun euro. O que entende calquera é que cun euro non se pode mercar en ninguna parte o podía adquirise co seu equivalente en pesetas só uns anos atrás.

A cidadanía merece dirixentes políticos no governo ou na oposición que os respecten. E o respecto exixe deixar de botar balóns fora, abandoar os malabarismos dialécticos, asumir responsabilidades, recoñecer as deficiencias e os erros e falar co povo con honestidade.

O contrario non é política, é o lamentábel espectáculo que en nadal nos televisan.

 

===

Artigo publicado en

Chuzame! chúzame -

Pío Moa, o galego e o pensamento das cavernas.

agosto 24th, 2007 agosto 24th, 2007
Posted in artigos e columnas, idioma
1 Comment »

O escritor, non merecedor do título de historiador, Luís Pío Moa Rodríguez, publicaba o pasado 24 de agosto dende o seu blogue aloxado no diario electrónico Libertad Digital, dirixido por Jiménez Losantos, un artigo titulado "En Galicia".

Pío Moa, vigués de nacemento pero españolista converso de profisión, ofrecía nese texto pobre no conceptual, apenas unha apelación reiterativa ás consignas habituais dos que apropiandose da "defensa da liberdade" para sí, tentan impor a súa visión minimalista, curta e uniformadora da realidade, obviamente baixo a marca desa "España Una" coa que quen fora un dos fundadores do GRAPO parece aliñarse desde hai moito tempo, en contra de calquer recoñecemento da realidade plurinacional do estado, e inda con maior ira contra todo avanzo na normalización de todo idioma que non sexa o sacro español.

Moa, gurú do revisionismo histórico neocon que segundo Paul Preston serve para "(...) repetir dunha forma un poco máis suave a propaganda franquista da Guerra Civil e da inmediata posguerra.", carga con vehemencia contra a iniciativa d'A Mesa pola Normalización Lingüística coa presentación do manifesto "Ensino en Galego" no que se reclama o cumprimento do decreto 124/07, que sustuiu ao inoperante e nunca executado 247/95, polo que se establece a docencia en galego das materias troncais e doutras asignaturas, e que representa o paso máis sinificativo na dignificación do noso idioma como o noso principal valor cultural e un dos alicerces da nosa identidade como povo.

O controvertido escritor, referencia habitual da ultradereita máis belixerante, atrevese mesmo a criticar que se financie con recursos públicos, xestionados pola administración autonómica, o proceso de normalización ao que chega a calificar de "proxecto de enxeñería social totalitario, sen fundamento lóxico, ético ou xurídico algún".

"A normalización é cara -incalculablemente-, pero como a pagamos todos, soportamola os que non estamos á Mesa, e disfrutana e a usufructúan os seus comensais, non se repara en gastos" afirma sen rubor este pseudo-intelectual das cavernas.

As súas palabras calificanse por sí soas, e de paso demostran cal é a verdadeira natureza de quen se autoproclama adalide da defensa da liberdade (individual por suposto), empregando esta como escudo tralo que agochar a súa percepción marxinal dunha realidade plural, na que a diversidade é dende logo un activo capital, sobor de todo cando estamos inseridas e inseridos nunha realidade global homoxeneizadora no ideolóxico e criminalizadora de calquer disidencia.

Pío Moa remata o seu artigo facendo un chamamento, cunha intencionalidade intoxicadora, para que a sociedade "resista á imposición lingüística". Semella que nalgo estamos dacordo, e coincido con el nese chamamento á resistencia, pero contra o único código imposto con metodos colonialistas no noso país que non é outro que o español.

É cuestión de indagar e coñecer algo de historia, pero diso Moa non sabe: él adicase a reinventala ao gosto da dereita española.

===

Artigo pendente de publicación.

Chuzame! chúzame -

Polémica metropolitana

agosto 24th, 2007 agosto 24th, 2007
Posted in Vigo, análise, artigos e columnas
No Comments »

O deseño territorial do noso país, o ordenamento do territorio e a estructuración institucional do mesmo, foi unha cuestión obviada, salvo intentos nominais, ao longo dos dezaseis fatídicos anos de des-governo Fraga, como unha mostra máis do seu deseleixo e do seu nulo interese en activar as potencialidades do país nunha esfera global que se amosa claramente hostil cara os territorios pouco preparados en termos de competitividade.

É recente a polémica arredor das áreas metropolitanas, chamadas a substituir ou suplantar non seus ámbitos aos dinosaurios institucionais que son as deputacións provinciais.

O Conselleiro de Presidencia, Méndez Romeu, que ademáis de polo seu nulo talante caracterizase pola súa facilidade para xerar polémicas e liortas coas súas declaracións, anunciaba hai unhas semanas a súa proposta de que se crien dúas grandes áreas metropolitanas, unha composta por A Coruña e máis Ferrol e outra por Vigo e Pontevedra, incluíndo en ambas municipios das súas respectivas áreas de influenza.

O anuncio arredor desta última provocou un nada edificante intercambio de declaracións. O Alcalde de Vigo, o socialista Abel "órdago" Caballero, tirábase á piscina asegurando que contaba co respaldo de Touriño na súa proposta de área metropolitana, denóminada Vigo28 na que non se incluía o Concello de Pontevedra. Caballero saiu encolerizado rexeitando de cheo a posibilidade de que Vigo compartise área metropolitana con Pontevedra, ao que a súa compañeira de partido, e número un do PSOE na cidade do Lérez, Teresa Casal, retrucou acusandoo de localista.

Pola súa banda Touriño levantaba o órdago de Caballero e deixaba ao alcalde vigués co cú ao aire, desmentindo que o proxecto Vigo28 sexa a súa aposta.
Vaia cadro...

Mendez Romeu cometeu unha imprudencia, ou inda peor unha insensatez descomunal ao presentar esa proposta sen ter sido capaz de gañarse o apoio da cidade olívica, e Abel Caballero continúa a demostrar que é un *bluff *que está a perder a batalla da credibilidade, como semanas antes atribuindose falsamente a resolución do conflicto que derivara nunha folga do servizo de limpezas en plena campaña de verán. Teresa Casal é o mellor exemplo que a polémica pola polémica, o exabrupto e o reproche pouco ou nada achegan a un debate tan relevante como é a configuración das áreas metropolitanas de Galiza.

A única nota de lucidez, e de puro sentido común, semella que é da autoría do nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde de Pontevedra, quen afirmaba que pode que sexa positivo crear unha grande área metropolitana no sul incluíndo a Vigo e máis a Pontevedra, pois deste xeito existirá unha maior masa crítica. Non é fácil compartir ou discutir esa afirmación en termos socioeconómicos, mais de entrada Lores fixo unha análise non só como rexedor pontevedrés senón en chave de país.

O proxecto de área metropolitana no caso de Vigo é unha vella demanda, durante moito tempo incompredida ou desprezada en Santiago. Os principais abandeirados deste proxecto foron no seu tempo o alcalde do BNG Lois Pérez Castrillo e o tamén nacionalista Xabier Toba, que conseguiron na lexislatura 99-03 que a área metropolitana fora un asunto principal da axenda política da cidade, asumida como aspiración pola totalidade dos axentes da cidade.

No caso vigués non se trata de criar unha área de desenvolvemento socioeconómico, esa área xa existe de facto, esa sinerxia xa opera na realidade. Do que se trata é de dotar a esa realidade dun instrumento institucional, e orzamentario, que a vertebre e a dimensione.

Teresa Casal acusaba de "viguista" a Abel Caballero. O certo é que o "viguismo" entendido como unha expresión da cerrazón localista pouco ben lle ten feito ao desenvolvemento da cidade, é necesario ampliar as miras e apostar por unha perspectiva de conxunto, de país, pois estamos a falar do desenvolvemento da área de influenza da principal cidade do país, e do seu motor económico. Pero é obvio que non terá ningunha lóxica calquer deseño que non conte coa opinión do principal núcleo desa futura área metropolitana.

É imprescindíbel un debate sosegado, con claridade e con propostas serias, non unicamente con globos sonda ao estilo Méndez Romeu, pois o activo ficticio que o noso país segue a perder por non dar dunha vez por todas un pulo definitivo ao deseño metropolitano é un serio lastre para o noso desenvolvemento económico e social.

Vigo + Pontevedra, Vigo 28... a fórmula é debatíbel, o que xa non é discutíbel é a urxencia de crear a grande área metropolitana de Vigo, que ademáis de seguir sendo o motor económico de Galiza, converterase na cabeceira da eurorexión Galiza-Norde de Portugal e nun punto chave do eixo atlántico.

Algúns acreditamos en ser vigués o xeito de sermos galegas/os en Vigo.

===

Artigo publicado en Mundo Galiza o 21/08/07, en Xornal o 22/08/07 e en Info Rosal o 24/08/07.

Chuzame! chúzame -

De soldos e ética na política.

agosto 9th, 2007 agosto 9th, 2007
Posted in Galiza, artigos e columnas
4 Comments »

Réplica a Loli Rodríguez.

Loli Rodríguez, secretaria xeral de Xuventudes Socialistas, isto é a organización xuvenil do PSdG-PSOE, é a autora dun extenso, pero pouco edificante, artigo de opinión que viu a luz recentemente en Vieiros, baixo o título de "De política, soldos e ética".

O texto podía sintetizarse do seguinte xeito:

Primeiro, os cargos públicos por asumiren a responsabilidade de decidir en que se gastan os cartos de todos deben estar ben remunerados, ao igual que os traballadores deben optar a salarios "xustos" (a diferenza semántica non é nen moito menos casual).

Se se fala das retribucións dos cargos institucionais non debemos comparar estas cos salarios doutros postos (non vaia ser que comparando, inda coa xusta ponderación, o escándalo sexa a resposta máis suave).

Aos que afirman que na política só se entra para "chupar cartos" Loli Rodríguez anímaos a entrar nela… ocurrente solución. Eu pola contra teríalles argumentado, con sólidos exemplos, que esa xeneralización é inxusta e falsa.

A moza socialista aponta tamén unha posíbel fórmula para determinar os salarios dos Alcaldes: proporcionalidade en función da povoación, do orzamento… (sen comentarios).

E tras esta pequena introducción a lider da XSG entra a fondo no tema que era en realidade a causa que fundamentaba o seu artigo: atacar á nacionalista Encarna Otero por ter manifestado esta a súa oposición á disposición adicional 17ª da recén aprobada Lei da Función Pública, pola que se establece un complemento retributivo para os altos cargos da Administración de 14.721 euros até a súa xubilación, a través dun artigo de opinión no que a Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda da Xunta de Galiza, chamaba á insubmisión política e económica a esa medida, por conciencia e ética.

O chamado á insubmisión ao aguinaldo de case quince mil euros anuais molestou nas filas socialistas. Ricardo Varela, ironizaba co posíbel carácter delictivo desa desobediencia, ao tempo que o incombustíbel Méndez Romeu cargaba as tintas contra Otero. E tras comprobar que os misís mediáticos dos pesos pesados non solventaron a polémica social criada, Loli Rodríguez serve de avanzadilla da guerra de guerrillas contra o sentido común.

Quero aplaudir a valentía política de Encarna Otero por poñer luz pública nun asunto que probabelmente non tería trascendido das paredes do Parlamento, e por atreverse desde a súa posición a denuncialo.

Afirmar obviedades é do xénero bobo, por iso tentarei non facelo. É obvio que todas e todos comprendemos que os responsábeis políticos/institucionais deben percibir polo seu traballo unha retribución xusta. Ese non é o debate, pese ás intencionadas piruetas de Rodríguez, que tiñan como obxectivo confundir.

Pero o que non é defendíbel de ningunha das maneiras, en ningunha circunstancia e sen excepción é que se fixe un complemento salarial que supera o dobre do que un traballador percibirá ao longo dun ano completo co salario mínimo interprofesional de 600€, e que se sumará ao soldo do posto que ocupe o ex alto cargo, criando ademáis unha discriminación fronte ao resto de persoas que inda desenvolvendo ese mesmo posto non cobrarán ese complemento.

A Presidenta do Consello da Xuventude de Galiza, que o é grazas a un oscuro pacto coas Novas Xeracións do Partido Popular, afirma que non admite "leccións de ética". A humildade en política ás veces consiste en sinxelamente estar disposto a receber leccións, e coido que a humildade é requisito sine qua non para adicarse ao servizo público, que non profisión, que debe ser a política.

Deixemonos de demagoxia e bravatas, e sexamos honestos. E con honestidade ¿alguén me pode explicar,como mozo traballador que non chega nen a mil eurista, porque un ex director xeral debe cobrar un complemento case vitalicio que é máis do que eu cobro ao ano? ¿alguén llo pode explicar ás persoas que sobreviven cun RISGA ridiculo que os situa ao borde da exclusión social? ¿e aos nosos maiores con pensións non contributivas? ¿e ás familias que malviven coa axuda familiar ou o subsidio de desemprego? ¿cal é o concepto, a razón ou a xustificación dese sobresoldo que pagamos todas e todos? Iso Loli Rodríguez non o contesta, cecais porque a resposta non é aceptábel socialmente: sinxelamente non hai ningunha razón.

Non estamos a criticar o salario que cobre un alto cargo no exercicio das súas responsabilidade, inda que pode exisistir esa crítica. O que algúns sostemos é que non é aceptábel que unha vez que deixe de ostentar esa responsabilidade se lle asigne unha "paga" extra anual de quince mil euros.

¿Alguén dúbida de que se se ten un mínimo de ética política a disposición adicional 17ª é algo inasumíbel? Eu, como a maioría social, non o dubido.

===

Artigo publicado en Vieiros o 14/08/07.

Chuzame! chúzame -

¿Debe demitir o Valedor do Povo?

agosto 2nd, 2007 agosto 2nd, 2007
Posted in artigos e columnas, idioma
2 Comments »

O certo é que o interrogante que serve de cabeceira deste artigo é unha cuestión de absoluta actualidade, tralas sorprendentes declaracións de Benigno López González, que é o recentemente nomeado, por acordo unánime do Parlamento de Galiza, novo Valedor do Povo.

En dúas entrevistas o Valedor despachabase a gusto en relación a cuestión idomática, afirmando a idiotez de que "Se a un neno se lle suspende polo galego, logramos que lle colla odio", en referencia ao decreto do galego no ensino, ou que "usar o galego na Xustiza, se non se domina, pode resultar perigoso".

Obviamente o perigoso é que sexa a persoa que ocupa unha institución tan relevante como é o Valedor do Povo quen diga tal fato de insensateces que non só indican a máis absoluta insensibilidade co idioma, como soporte identitario do povo do que é valedor, senón que van na dirección contraria do que establece o actual marco xurídico e lexislativo en relación á normalización do galego, e contra todo sentido común.

Se cadra o máis grave é que esas desnortadas reflexións de Benigno López González, entran en directa colisión coas funcións que a institución que representa ten establecidas como alto comisionado do Parlamento de Galiza encargado de vixíar o exercicio dos dereitos e liberdades e en xeral co obxecto de coñecer o pleno respecto á lei e o dereito. Máxime cando o actual Valedor foi maxistrado da máis alta instancia xudicial galega.

Como é natural as declaracións do Valedor desataron unha intensa polémica institucional, política e social. Colectivos como A Mesa pola Normalización Lingüística ou o Movemento polos Direitos Civís, e tamén o Grupo Parlamentar do BNG, xa lle exixiron a Benigno López a súa rectificación formal, que a día de hoxe non se produxo. Pola súa banda a CIG reclama a súa demisión, mentras Pérez Touriño limitouse a dar un suave toque de atención.

Volvamos á cuestión inicial. Perante estas declaracións e a situación xerada, apenas semanas despois do seu nomeamento, ¿debe demitir o Valedor do Povo?

Non existiría ningunha dúbida de que a súa renuncia é indispensábel se no canto de verquer esas afirmacións sobre a cuestión idiomática, soltase tonterías semellantes arredor doutros asuntos.

Por exemplo: se o Valedor do Povo insinuase que o principio de igualdade debe aplicarse con moderación xa que implica riscos de discriminación cara os homes, ou se dixese que hai momentos nos que se debe flexibilizar o exercicio dos dereitos civís para posibilitar unha maior seguridade en referencia ás brutais cargas policiais en Ferrol, nesos casos ¿alguén dubidaría que Benigno López non pode ocupar o posto de Valedor do Povo?

A diferenza radica en que López métese na cuestión idiomática, que inda hoxe cos avanzos conquistados no marco lexislativo, segue a entenderse por algúns como un asunto ideolóxico, de opinión, e non de dereito.

A resposta ao meu ver fica clara: se as afirmacións feitas nas citadas entrevistas forman parte das conviccións de Benigno López, ao marxe, e independentemente de que faga ou non unha rectificación pública e formal, desacreditan a este para exercer a responsabilidade institucional para o que foi designado pola sede da soberanía popular galega, e debería apresentar de inmediato a súa renuncia.

Pero se non o fai debe ser o Parlamento quen lle retire a súa confianza e proceda ao seu cese.

Do contrario parecerá a todas luces que cando falamos do idioma, da súa normalización e dos dereitos que a ese respecto temos todas/os as/os galegos, estamos a falar dun asunto menor, intrascendente ou baladí. E non o é.

===

Artigo publicado en Mundo Galiza o 3/08/07 , en Xornal o 3/08/07, en GZ Nación o 5/08/07,en Vieiros o 6/08/07, en Info Rosal o 6/08/07 e no PGL o 6/08/07.

Chuzame! chúzame -

25 de xullo: “Verba movent, exempla trahunt”

xullo 24th, 2007 xullo 24th, 2007
Posted in artigos e columnas, nacionalismo
1 Comment »

Escudo de Galiza debuxado por A.D.R. CastelaoRecentemente o portavoz nacional do BNG e primeiro Vicepresidente nacionalista do Governo Galego na historia, Anxo Quintana, co gallo da celebración do Día da Patria Galega, publicaba no semanario A Nosa Terra un interesante artigo no que facía constar as súas reflexións encol da situación do país e do nacionalismo.

Porén, o máis destacábel dese artigo, foi a proclamación enfática dun convite á cidadanía galega a sumarse ao proxecto nacionalista, que como indicaba o autor para ser útil ten que ter per se vocación hexemónica. Un convite baseado na formulación do BNG como unha forza política plural, unha grande casa aberta a todo aquel que pense en chave de país, a quen poña os intereses de Galiza por diante, sen ficar hipotecado a estratexias foráneas.

Cada vez que alguén evidencia doses de heterodoxia ou pragmatismo, aparece o temor e as máis variadas suspicacias, daqueles que teñen medo infundado á perda das esencias.

Un lider sen seguidores é un tipo de paseo. Un proxecto político transformador, como é o nacionalismo na Galiza do século XXI, sen unha maioría social e electoral que o respalde, é un absurdo completamente inútil. Non hai revolución sen povo.

O BNG cumpre este ano o seu 25 aniversario, e situase nunha encrucillada vital en termos organizativos e políticos. Fica perante unha disxuntiva, cecais a máis relevante da súa historia.

Hai que decidir entre dous vieiros ben distintos: escoller entre o maximalismo ideoloxista do TODO ou NADA ou apostar sen dúbidas e sen medo ás contradiccións que poidan xerarse por converter ao nacionalismo nun movemento maioritario, senón hexemónico. Hai que optar ou pola reivindicación pouco útil do mero patalexo opositor, ou asumir as nosas responsabilidades como forza de governo. Podemos ser outro reducto “puro” e ortodoxo, semánticamente radical, desde a marxinalidade electoral, e polo tanto desde a incapacidade de cambiar nada, ou avanzar sen medo na dimensión de forza social que fai país.

O coordenador executivo do BNG na clausura da última Asemblea Nacional de Galiza Nova, afirmaba taxativamente que o único nacionalismo que existe, existe no seo do Bloque Nacionalista Galego, non porque non haxa outras persoas ou colectivos que reclamen esa definición para sí, senón porque só o BNG mete as mans na lama para transformar de maneira práctica e concreta a realidade do noso país.

Mentras ao BNG se lle acusaba de autonomista por parte dalgunhas formacións independentistas, o Bloque conseguía situar a cuestión nacional no centro do debate político e social, coa proposta de Estatuto de Nación, cun documento concreto que superaba substancialmente en termos de competencias o reclamado nas bases constitucionais elaboradas polo UPG-PSG ao remate da década dos setenta.

O Bloque Nacionalista Galego tense demostrado, pola súa acción, no verdadeiro aparello de estado da nación galega. Para mostra un botón: Galiza existiu no pasado Debate de Política Xeral celebrado no Congreso dos Deputados, porque aí estivo Francisco Rodríguez, e Olaia Fernández Davila, dandolle voz firme ás necesidades do noso país, perante o silencio inmoral dos deputados galegos das forzas estatais.

Se o vindeiro ano o Governo Español inclúe nos Orzamentos Xerais do Estado unha aposta en termos de investimento definitivamente maior para o noso país que en exercicios anteriores, será resultado do inxente traballo do BNG, pola súa capacidade negociadora.

Ten razón o Vicepresidente cando sinala que nunca o BNG tivo unha implantación territorial como a que ten hoxe após uns comicios municipais que dotaron ao Bloque dunha representación institucional nunca antes coñecida.

É certo que en termos cuantitativos provoca certa preocupación os lixeiros retrocesos sufridos nas diferentes convocatorias electorais, e que esa preocupación debe traducirse en operar se cabe con maior enerxía en todos os níveis para sumar máis galegas e galegos, pero non debe ser óbice para recoñecermos que inda con esa lixeira perda o nacionalismo galego ten hoxe unha maior capacidade de transformación da realidade. Pois hoxe son máis as concelleiras e concelleiros nacionalistas, son máis os governos municipais nacionalistas, son máis as alcaldesas e alcaldes do BNG. Porque por primeira vez na historia Galiza ten un governo con presenza do nacionalismo.

Esa maior representación institucional supón dunha banda unha oportunidade capital para demostrarlle á cidadanía, desde os feitos, que signfica en termos de benestar e de mellora da calidade de vida o proxecto político nacionalista, empregando as institucións como ferramentas, como medios, non coma unha fin. Pero tamén é unha seria responsabilidade a de estarmos á altura do mandato do noso povo, e é a esa tarefa á que lle debemos adicar todos os nosos esforzos.

Un antigo aforismo latino de orixe romana afirma “Verba movent, exempla trahunt”. As verbas conmoven, os exemplos arrastran.

O BNG, co seu traballo social e institucional, fai patria “día a día, esforzo a esforzo” como dicía o noso Manuel María, e faino coa forza dos feitos, non só con palabras.

 

===

Artigo publicado en Vieiros o 25/07/07, en Xornal o 25/07/07 e en GZ Nación o 26/07/07.

Chuzame! chúzame -