'Artigos Anteriores' Category

Bóveda. Somewhere over the raimbow.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
443 Comments »

Se existe unha linguaxe universal esta ten timbre de saxo, a potencia da música e a espiritualidade do jazz.

A choiva chegou en agosto como auga de maio. Choiva agradecida e necesaria, que axudou a por fin á maldita vaga de lumes do despróposito. Dicíame un bó amigo que cando estaba a traballar en Londres, como tantos emigrantes anónimos e invisibilizados trala falacia da mobilidade xeográfica, tiña morriña da terra, sobor de todo cando na cidade da eterna néboa comezaba a chover. "Non chove como en Galiza, aquela choiva é gris" dicíame con acerto.

A choiva forma parte da nosa psicoloxía específica, é case un signo identitario que desta volta veu a rescatar ao verde que nos da cor en forma de montes.

E tralo lume chegou a auga, e a través desta o sol asomase unha vez máis desafiando un verán que semella ter ganas de precipitar o seu final. O verán en Galiza sempre foi unha estación suicida.

A luz rebota en cada pinga, proxectase en cada partícula de auga, que a xeito de prisma máxico regálanos unha das imaxes que segue a fascinarnos independentemente da idade. Un arco da vella asomase sobor do país.

É 17 de agosto, semella que Alexandro Bóveda (nunca lle gostou que lle chamasen Alexandre) quixo asomarse á patria pola que deu a vida, non para convérterse nun mártir ao uso, senon para exercer ese patriotismo digno que non gosta das palabras gordas, nen da grandilocuencia estética. Asomado nalgún lugar sobre o arco da vella, fainos lembrar que inda temos unha débeda cos nosos patriotas, co seu contributo, coa súa indispensábel achega. Debemoslles algúns kilometros, duros e difíceis, no camiño da historia.

Non tocan grandes discursos, é o momento de recoñecer publicamente que Galiza se apelida Bóveda, Castelao, de Castro, Ferreiro, Casal... Reboiras.

Por ti, por vós, por nós: ¡viva Galiza Ceive!

===

Publicado en Xornal.com e Info Rosal o 17/08/06.

Chuzame! chúzame -

A labazada do SÍ catalán.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
594 Comments »

O feito de que Catalunya decidira, por maioría abrumadora do 73'90% dos votos do referendo de onte, dotarse dun novo Estatut é sen dúbida unha boa nova para a cidadanía catalana pero tamén para o conxunto do estado, sobor de todo naqueles territorios como Galiza onde están iniciados os traballos para a reforma do seu estatuto.

Esta fin de semana Galiza tiña a vista posta no resultado do referendo catalán.

O sábado as forzas do bipartito galego, Bloque Nacionalista Galego e PSdG-PSOE, asinaban un acordo de cirterios mínimos para a reforma do estatuto de autonomía, que fica actualmente nos seus trámites parlamentares inciais.

Nesos criterios mínimos BNG e PSdG-PSOE fixaron o "solo" do debate, non o teito, senon o espazo do que non caberán reduccións nen rebaixas, partindo do recoñecemento explícito do carácter nacional de Galiza, o aumento da cota de autogoverno, a blindaxe nas súas competencias, a promoción e protección do galego como idioma oficial (o castelán pasaría a ser co-oficial) e un novo financiamento que garanta o desenvolvemento das novas competencias e a conquista de maiores níveis de benestar.

Obviamente ese anuncio en plena xornada de reflexión en Catalunya non foi probabelmente froito da casualística, e pese a coincidir coas vésperas do primeiro ano trala derrota de Fraga, é evidente o forte carácter simbólico do mesmo, xusto no intre no que máis de cinco millóns de catalanas/es estaban a reflexionar o seu voto a respecto do proxecto de reforma do Estatut. A mensaxe que se quixo trasladar desde Galiza, soou alta e clara en todo o estado: o proceso de reforma territorial do estado é irreversíbel e implica o recoñecemento do carácter plurinacional do mesmo.

Pero ademáis quedou meridianamente claro que Galiza non baixará do tren das nacións que desde 1978 copilota xunto a Euskadi e Catalunya. Afirmouse, coa voz da maioría nacionalista e progresista que actualmente governa desde a Xunta, que o povo galego non está disposto a unha rebaixa do seu status no conxunto do estado, senon ao contrario, que aspira a gañar posicións desde o recoñecemento da súa especifidade.

Catalunya deu o pistoletazo de saída, que culmina co respaldo social maioritario expresado nas urnas a un proxecto que recoloca a Catalunya no seo do estado español e que a dota dos instrumentos e recursos necesarios para aprofundar no seu desenvolvemento social, económico e cultural como povo.

A indiscutíbel victoria do "sí" supón o triunfo da descentralización do poder e un paso decidido na construcción de novos espazos de convivencia baseados nun status quo nacións-estado e non na imposición. Co novo Estatut de Catalunya o estado español está máis e mellor vertebrado e por fin ábrese unha fiestra de esperanza para os que aspiramos a conquistar máis benestar para as xentes do noso país.

O sutil pero evidente cuestionamento por parte do PP do resultado, escudándose na baixa participación (que cabe recordar foi casi do 50%), denota a falta de cultura democrática do principal partido da oposición. Falamos da mesma participación que a Xunta Electoral prohibiu propiciar a través dunha campaña institucional da Generalitat alegando que a abstención era tamén unha opción democrática. Pois ben, existe unha forte abstención de persoas que por diferentes razóns decidiron non expresar a sua opinión, pero a clave está en que dos que decidiron manifestala máis de 7 de cada 10 dixeron SI. ¿ Se tivese gañado o "non" coa mesma participación, o PP cuestionaría a lexitimidade do resultado? Non é aceptábel ese descaro da democracia á carta.

O Partido Popular sigue atrincherado na súa vehemencia anti-nacionalista cun discurso patrioteiro máis propio da España Cañí que dun partido que se di reformista e de centro. Desde o parapeto do pensamento máis reaccionario, en forma dun Acebes ou un Zaplana desquiciados ou dun Rajoy cada vez máis alonxado da realidade social, o PP caba a súa propia tumba política co seu intento malogrado de enfrontar territorios no nome da sacralizada unidade patria.

En síntese: Catalunya deu a primeira labazada e Galiza acaba de erguer a man.

Onte gañamos todas/os.

===
Publicado en Xornal.com o 19/06/06

Chuzame! chúzame -

¿Renovarse para morrer?

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
623 Comments »


Recentemente Xosé Sánchez nun artigo brillante publicado en A Nosa Terra, sobor de todo pola súa meridiana claridade, analisaba a xa demasiadas veces escoitada consigna da "apertura á sociedade" das formacións polí­ticas, e sacaba a debate cal é o papel que lle toca á militancia base.

Se a nomeadísima apertura xa é un slogan trillado, non o é menos esa permanente chamada á renovación. O certo é que o verbo "renovar" encerra na súa natureza abstracta diferentes acepcións e significacións que varí­an en moito segundo sexa o enfoque, ou como se dí­ en interpretación: a intención, coa que se defenda.

Renovar pode ser unha mera sustitución de persoas ou elementos que xa cumpriron co seu cometido, pechando ciclos. Significa tamén cambiar os membros dunha entidade por outros novos.

Pero se cadra o xogo do debate céntrase nas dúas principais acepcións do tan gastado termo.

Dunha banda renovar pode ser cambiar algo que xa non vale, algo caduco, rematado, inserví­bel.. por outra cousa. Parapetados nesa definición excluínte e ahistórica, carente de visión de conxunto, é desde onde os profetas da renovación arengan coa demagoxia como ferramenta, reclamando sustitucións en principio de persoas pero que no fondo agochan unha sustitución ideolóxica no conceptual e estratéxica no político.

Nada tería­a que obxectar a ese afán sustitutivo de non ser porque na praxe, e coa experiencia empírica na memoria recente, eses discursos estéticamente modernos pero pouco ou nada innovadores, son en síntese unha relaxación ideolóxica, que se concreta na renuncia dos elementos proprios do discurso que inda sendo chaves non suscitan o apoio da masa social no tempo presente, pero que sí deberían suscitalo no futuro.

Dito esto quero afirmar un sólido compromiso coa outra renovación; compromiso que sei é compartido por moitas persoas que seguen sen renunciar ao soño dunha realidade diferente, mudandoa día a día coa súa aportación de incalculábel valor desde os diferentes eidos de traballo polí­tico: sindical, veciñal, movemento estudantil, ecolóxista, cultural Comprométome no seu nome coa renovación que significa facer que algo que é ou está vello, gastado, esquecido, desbotado resulte novo, adquira novo valor ou aceptación e teña máis forza ao incorporarlle novos elementos, mais sen arrincar a esencia que o fundamenta.

Pero renuncio ao verbo renovar se o que tras del se agocha non é máis que a renuncia ao soño revolucionario, ou moderar a nosa ambición e aspiración transformadora. Renego da renovación dos que desde o minifundismo e o regate curto non conciben unha proxección histórica máis alá da perspectiva biográfica ou dos tempos biolóxicos da súa propia existencia.

É o intre de renovar o compromiso coa renovación como sinónimo de innovación, pero non como renuncia. Renovámonos para afortalar o proxecto, mais nunca para diluilo nen para rebaixalo. Niso sí nos vai a vida.

===

Publicado en Xornal.com o 14/06/06

Chuzame! chúzame -

Galiza, NACIÓN viva.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
Comments Off


A miña xeración é a das/os nadas/os cando o Estatuto de Autonomía de 1980 daba os seus primeiros pasos trala súa ratificación nun plebiscito de escasa participación e tras un complexo e longo proceso de elaboración marcado pola "aldraxe" centralista que pretendía relegar a Galiza a unha posición residual no conxunto do Estado, afastándoa do espazo das nacionalidades históricas. Proceso marcado tamén pola exclusión do nacionalismo galego, principal motor da reivindicación de poder político real para Galiza, que ambicionaba uns níveis de autogoverno daquela impensábeis e que hoxe asómanse como unha necesidade fundamental para poder desenvolver as nosas potencialidades e acadar maiores cotas de benestar.

Os Pactos do Hostal deron lugar a un texto que ten demostrado ser positivo para o desenvolvemento do noso país, pero claramente insuficiente por nacer lastrado pola escasa ambición das forzas que participaron na súa redacción e desdebuxado polo centralismo español, e as súas sucursais orgánicas na Galiza, que xa daquela profetizaba a ruptura da España única.

Os agoreiros, os profetas do caos, os da proclama da "España unha", ou os defensores da uniformidade excluinte, equivocáronse nas súas prediccións. Estos 25 anos de desenvolvemento autonómico, que teñen servido como base (que non como teito) para a consolidación dun módelo de tibia descentralización política, son a demostración empírica, pese a todos os seus handicaps e insuficiencias, de que a maior autogoverno, a maior capacidade dos povos para decidir o seu futuro, a maior proximidade do centro da decisión política coa realidade do seu ámbito e coa cidadanía, maior é, en consecuencia, o desenvolvemento, o progreso e o benestar. A celebración deste 25 aniversario non debe resultar na autocompracencia, pouco xustificada, senon que debe ser o motor dun novo impulso decidido para o noso país.

Ninguén dubida que máis autogoverno significa fundamentalmente maior capacidade política, nen exclusión, nen segregación, senon un exercicio de responsabilidade. Significa unha maior capacidade de decisión para poder desenvolver activamente as nosas potencialidades fronte a destrucción dos nosos sectores productivos básicos a golpe de reconversión ou cota láctea.

Significa ter voz própria para defender os nosos lexítimos intereses, en España, en Europa e no mundo. Significa máis competencias para actuar tendo en conta as especifidades xeográficas, demográficas, sociais, económicas e culturais do noso territorio, poñendo ao noso favor os elementos diferenciadores que nos definen como povo. Máis poder político real para aplicar políticas integrais que atendan as necesidades especificas da nosa cidadanía: unha política económica autocentrada; unha política de emprego que aposte pola nosa forza productiva e remate coa emigración; unha política social que actúe nunha das povoacións máis avellentadas do estado, cun balance demográfico pouco esperanzador e cunha dispersión demográfica no territorio que provoca a concentración nos núcleos urbanos e a desertización do noso rico meio rural, entre outras moitas cuestións. Máis posibilidades efectivas para rachar o xugo da dependencia imposta; para crer en nós mesmas/os e ambicionar un futuro mellor, e para construilo entre todas e todos.

Por iso é indiscutíbel a necesidade dun novo Estatuto de Nación que se adecúe á nova realidade galega, froito dos cambios dos últimos 25 anos, que sexa ambicioso no desenvolvemento do noso autogoverno para dotarnos da capacidade política real para artellar políticas que produzan maior benestar e progreso, e que dunha vez por todas situe a Galiza como membro da primeira división das nacións xunto con Euskalherria e Catalunya, outorgandolle o peso especifico que lle corresponde no conxunto do estado, e non no da terceira rexional da "aldraxe" que hoxe, coma onte, promoven os que non cren neste país, nen na súas potencilidades, os do auto-odio máis ou menos disimulado.

Debemos preguntarnos todas e todos como desexamos ver Galiza dentro doutros 25 anos, sabendo que este novo estatuto será un instrumento chave e un elemento determinante que posibilitará ou non que se cumpran as nosas arelas e expectativas, segundo como sexamos quen de elaboralo desde o dialogoaberto. Un povo que non ambiciona asina o seu certificado de defunción.

Apostemos por uno novo Estatuto de Nación para a Galiza viva e de futuro, a que cré en sí mesma e responsabilízase do seu desenvolvemento.

===

Publicado en Xornal.com o 15/12/05

Chuzame! chúzame -

Memoria e sentidiño.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
448 Comments »


Actualmente vivimos inmersas/os nunha realidade excesivamente controvertida, cun mapa socio-ideolóxico complexo e diverso pese ao estigma da estructuración mimética das "dúas Españas" da guerra civil e a súa non menos cruel posguerra. Tería pouco rigor e moita menor realidade afirmar que esa contraposición antitética de dous bandos: o da legalidade constitucional e democrática da II República e o do golpe de estado e posterior "alzamiento" militar nacional-católico de tintes fascistoides, morreu no esquecemento ou foi obxecto da tan cacareada consigna da aministía na transición á democracia actual. As lembranzas, as ideas, a dor, o sangue e até o carraxe non entenden de amnistía, nen de amnesia.

Pasaron 30 anos pero cecais sexa pouco tempo para a conciliación ou reconciliación. A reconciliación obriga necesariamente ao perdón, e aínda non se pediu perdón á sociedade por un levantamento militar antidemocrático, polos mortos en defensa da legalidade republicana, nen por 40 anos de revancha que non cesaron nen nos últimos días dun agónico caudillo de corazón de xeo, que até no leito de morte propuxose rematar o seu "divino mandato" (caudillo pola graza de deus, Franco dixit) como o comezou: cunha guerra. A primeira foi unha guerra contra a cidadanía do estado español e a súa legalidade constitucional; e esa última e frustrada sería contra o reino de Marrocos no contencioso colonial do Sahara (desde onde promoveu o "alzamiento") cando Hassan II mobilizaba 350.000 civís marroquies na coñecida "marcha verde". Non lle tremeu o pulso ao dictador pese ao seu parkinson na firma das últimas sentenzas de morte no ocaso do seu réxime.

Para reconciliarse é imprescindíbel perdoar; para perdoar é necesaria a oficialidade da desculpa e a restitución da verdade histórica e das memorias daquelas/es que pereceron defendendo a vontade democrática dos seus concidadáns nas eleccións municipais de 1933 que provocaron o exilio do avó do noso actual Monarca Constitucional. Reconciliación sen perdón, soa a unha ampliación da humillación xenocida que padeceron os "perdedores" da guerra durante toda a Dictadura do "Generalísimo".

Para as feridas sociais que provoca unha historia hastiada e dolorosa, precisase do auga oxixenado da memoria, o perdón e a dignificación dos "perdedores". En Galiza comezase agora a romperse o secular silencio, e armadas unicamente coa verdade histórica son moitas as voces que reclaman a necesaria denuncia dun réxime de medo, ilegal e xenocida e da restitución da dignidade das súas víctimas.

Non hai peor inxustiza que igualar á victima e ao verdugo. Non hai perdón máis inxusto que o que se regala sen razón, sen desculpa e sen propósito de enmenda.

O conflito social existe, nunha especie de longa resaca dun proceso, o da transición, que foi abertamente mellorábel pese aos éxitos que o mesmo colleitou e que todos gozamos. Pedíase democracia, liberdade e que se terminasen as mortes e o terror da opresión, e a cambio renunciouse temporalmente á memoria para facer tabula rassa co pasado. Mais os povos non esquecen a súa historia; as viuvas non esquecen aos seus mortos; os que foron presos políticos non esquecen a persecución, a privación da liberdade nen a tortura que só tiñan por razón pensar libremente desde a diferenza. Foron xenerosos, eu diría que demasiado. Participaron da transición case en práctico silencio, deixando que o cambio dun réxime militar autoritario, fascista e totalitario (amparado e bendicido pola igrexa católica, salvo na actuación de Pablo VIN a finais de 1975, e membro das Nacións Unidas pese aos esforzos do Governo da República no exilio), cara unha democracia con monarquía imposta fose relativamente tranquilo.

Á marxe de que as etiquetas poden ser máis ou menos rigorosas no conceptual, o certo é que si seguen existindo "rojos" e "fascistas", hoxe cecais vestidos de nacionalismo progresista, de esquerda transformadora, de social-democracia (abrazada ao liberalismo, á terceira vía ou ás portadas de Vogue) ou de neoliberalismo falsamente centrista. Cando un partido como o Partido Popular, con 10.000.000 de votos, nun estado de preto de 45 millóns, non foi capaz de condenar ao réxime fascista de Franco e manifestar a nula lexitimidade do mesmo, á vez que priva aos perdedores do recoñecemento da súa memoria sistematicamente (só é necesario consultar o diario de sesións do Congreso dos Deputados) mentres o seu fundador edulcora e mitifica a figura do Dictador, dificilmente ambas dimensións antitéticas desaparecerán. Pero como ben dicía un exiliado político da guerra civil estes días na prensa galega "hoxe podemos berrarnos, pero nunca co odio de entón".

O que si que é certo é que deberiamos deixar de tirarnos os trastos da guerra á cabeza nunha metralla dialéctica que sobreviviu 40 anos de ditadura e outros 30 de transición e democracia. A memoria dos povos non entende de calendarios. Pero para iso é necesario facer hoxe coa traquilidade que nos aporta unha democracia mellorábel pero consolidada unha revisión da nosa historia que supere a falsa amnesia, que restitue a memoria dos perdedores e que provoque, previo perdón oficial, a reconciliación para unha convivencia pacifica entre ambas percepcións, como un sinal inequívoco de normalidade democrática.

As cousas subiron de ton. Pero non foi a sociedade a que o elevou, senón os exabruptos dunha dereitona que non asumiu a súa democrática derrota electoral e que crispa o ambiente procurando a permanente inestabilidade das institucións da nosa democracia; dereitona auspiciada por un governo novato, torpe e disperso sustentado por unha forza como o PSOE na que conviven signos tan dispares como Bono ou Maragall, como Zapatero e Ibarra, ou como Alfonso Guerra e Patxi López. É a hora de pedir respecto institucional e democrático, non ao governo, senón á cidadanía que apoiandoo ou non, está representada por el.

A memoria é sen dúbida o soporte fundamental da nosa identidade persoal, como cidadáns, e colectiva como povos. Esa memoria no nome da xustiza é a que promoven organizacións como a viguesa Comisión pola Memoria do 36 ou sobor da que se ergue o monumento a outros mártires, menos contemporáneos, que loitaron contra o feudalismo e os seus foros agrarios en Sobredo. Sabendo que o ideograma da historia debúxase en forma de espiral, faise imprescindíbel o coñecemento do pasado sobor do que asentamos o noso presente e con cuxas ensinanzas deberemos proxectar o noso futuro. Esa lección xa se aprendeu nunha Alemaña que celebraba o 60 aniversario da derrota do nazismo; cecais nisto, para variar, o Estado Español tamén estea á cola de Europa.

Con "alcaldadas" como a sucedida fai poucos días nun acto de violación da sé do Parlamento de Galiza por parte dos representantes municipais do PP, enoxados pola acertada pechadura por parte do bipartito do grifo do caciqueo e as redes clientelares coa cancelación de proxectos imposíbeis, non se rematará a tensión. Con algaradas contra a lexitimidade do Parlament Catalán e a súa proposta de novo Estatut en nome da sacralizada unidade da patria única, nunha emulación daquelas concentracións de despropósito na madrileña Praza de Oriente, tampouco. Como di Anxo Quintana, toca aplicar o que en Madrid chamaron talante. É a hora do sentidiño.
===

Publicado en Xornal.com o 30/11/05 e en A Nosa Terra.

Chuzame! chúzame -

Compañeiro Elisardo

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
630 Comments »


"A morte de calquer persoa disminueme, porque eu formo parte da humanidade; por tanto nunca mandes a ninguén a preguntar por quén dobran as campás: dobran por ti." (John Donne )
Acudimos recentemente á tráxica perda dun entregado veciño de Valladares, dunha persoa profundamente comprometida coas persoas e co seu benestar, dun cidadán de primeira, pero ademáis dunha persoa singularmente excepcional no humano.

Elisardo Dacosta quen foi Presidente do Centro Cultural e Veciñal de Valladares (Vigo), demostrou sempre o compromiso cos intereses xerais da súa veciñanza, e da do conxunto da cidade, por riba das confrontacións gratuítas, das diferenzas de matiz ou de enfoque. Son persoas como Elisardo as que consiguen facer da diferenza, da diversidade na concepción da realidade, un valor sempre positivo e enriquecedor. Un excelente compañeiro no seo do movemento veciñal, leal co proxecto común que o movemento veciñal vigués ten a través da súa Federación, honesto e sempre diposto a colaborar, a aportar, a sumar.

Unha persoa próxima, amábel, humana e honesta. Gran negociador. Elisardo é como dicía estos días Elena "un lider veciñal xeneroso que deixaba pegada". Foi quen de gañarse o respeto das administracións, o apoio de todo un barrrio, e destacadamente das/dos suas/seus compañeiras/os de Directiva e Federación, pero sobor de todo foi quen de merecer o inmenso afecto que estos días todas e todos os que o coñecimos necesitamos expresar, superando o que nos diferenza, Elisardo volveu a aportar sensatez nun consenso arredor esta vez da súa persoa, que ogallá nunca se tivera que ter dado.

Contigo sempre compañeiro.

===

Publicado en Xornal.com o 01/09/06.

Chuzame! chúzame -

Desde o lado oscuro da forza.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
1 Comment »

Réplica a Carlos Luís Rodríguez (El Correo Gallego).

Lin unha recomendadisima columna de Carlos Luís Rodríguez do pasado sábado, nese xornal que recentemente publicaba unha tira cómica repugnante pola súa evidente e inadmisíbel homofobia denunciada por diferentes colectivos sociais, por moito que a queiran disimular con insultantes sutilezas de humor; refirome claro está a El Correo Gallego.

"O lado oscuro da forza" titulaba, eso sí en perfecto español "pacovazquista" o amigo Carlos (permiteme esa licencia literaria, para que vexas que algúns si conservamos o sarcasmo e o humor) o seu texto que máis que unha columna semella ser, ao meu ver e con todos os respectos, un exabrupto desquiciado, cun estilo propio dalgunha desas noticias compradas "habitualmente" polo PP desde a Xunta con dous millóns de euros de fondos públicos tal e como acaba de sair á luz pública.

Vaia por diante e de entrada o meu máis profundo respeito á diferenza, e ao exercicio de libre expresión do libre pensamento, pero solicito o meu direito á replica. Non por ofendido, nen para ofender; non por indignado, mais si por dignidade.

alaba Carlos nese artigo da coincidente, no tempo, estrea da última parte da saga de Star Wars e do filme "Hai que Botalos" promovido por Burla Negra, é dicer por ese sector intelectual comprometido co país que mentres outros consentían a indignidade separando os focos da súa pluma da realidade abafante dun governo incompetente que mentía, pateaba o país para ofrecer espazos de verdade, de dignidade. Cunha carga de pseudo-corrosiva acidez verbal, mais propia da indixestión da verdade que emana do traballo que pretende ser unha denuncia visual da necesidade urxente de cambio político na Galiza, tamén por hixiene democratica, que suscribimos unha grande cantidade de galegas e galegos, que do inxenio xornalístico ou literario, o autor tenta mofarse nun xogo de descalificación a tempos burdo, a tempos infantil, e cunha perspectiva marcadamente reduccionista, é dicer: curta.

Non vexo a ningún intelectual de Burla Negra, nen a ningun actor, nen a ningunha cantante, nen a ningun galego vestido de Jedi todo-poderoso que con afán de catequista pretenda a reconquista dunha Galiza Virtual. Vexo persoas, cidadanía consciente, que non está contenta coa realidade deste país tras quince anos de era Fraga, ou parafraseando a Beiras, de "peste Fraga", arelan un outro xeito de conducir o país. Pero tamén vexo a algúns soldados imperiais, dese outro lado da forza, onde o Photoshop substitue o debate das ideas, empecinados en "machacar" a quen disinte, a quen difire, a quen denuncia. Vexo unha Galiza virtual sí... a do "m+is", e outra real, a da necesidade de "botalos".

En algo acerta o amigo Carlos e que esto é un pouco máis daquel "Nunca Máis" que nos cansamos de berrar, convencidas/os, baixo choiva, frente a vento, ou frente á invisibilización de meios, públicos e privados, empeñados na negación da verdade que enluteceu a nosa costa e ofendeu a nosa dignidade colectiva como povo. É certo, é unha prolongación lóxica e razóabel, daquel Nunca Máis que ateigou a xeito de banderola cada recuncho de país, porque apostar democraticamente polo cambio galego, e pola derrota democrática do fraguismo e demais tropa, é sen dúbida o máximo exercicio práctico da dignidade cidadá fronte a un poder que a ignora, que lle dá as costas, e que a abafa cunha notoria falta de cultura democrática. Certo é que aquí se vota... tamén co tercio familiar franquista, pero democracia é moito máis que un exercicio de elección, vos goste ou non.

A mención sutil ao problema vasco, cunha intencionada vontade de asociación de ideas que nada teñen que ver, e ao problema político e social que nesas coordenadas se vive, é cando menos cruel, pobre e dalgun xeito mezquina.

Só hái un tipo de persoas que eu tema, e son aquelas que non dubidan nen escoitan, porque non dialogan, porque non enmendan, porque non aprenden. Quen fala en valor absoluto corre o risco de equivocarse absolutamente.

Respeito o teu entreguismo a esta realidade insoportábel; respeta ti a nosa entrega a un futuro diferente para un país que comeza a dicer basta, e que xa está farto de que se lle poñan barreiras ao seu futuro, unha nación que comeza a abrir as fiestras cara o mundo, e que ten capacidade e gañas abondo para cumprir todas as súas aspiracións.

Na miña habitación hai un cadro que reza "Dear God, what great idea make us all diferent". Tras ler a túa columna máis que nunca, e desde o agnosticismo, digo: Grazas Señor.

Inda que doa, Hai que Botalos!

Asinado: Un cabaleiro Jedi, con humor.
===

Publicado o 24/05/05 en Xornal.com e Arredemo.info

Chuzame! chúzame -

Prégase silencio real.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
450 Comments »

Juan Carlos de Borbón xura como Rei de España
A Monarquía Constitucional que preside, en vigor do actual marco constitucional, o Estado Español, foise situando nun papel meramente simbólico-representativo, ás veces mesmo folclórico, pero o certo é que pouco político.

Supoño que todas e todos, monarquicas/os e republicanas/os, coincidimos en sinalar que cecais a única vantaxe do réxime borbónico no Estado Español, reside na súa practicamente nula participación na vida política do estado, é dicer: os seus silencios que, como ben sinalaba Pilar Rahola (nun recente artigo publicado en El Pais), "son de ouro. As súas palabras, en troques, poden ser de chumbo". Os silencios e desde logo tamén o sosego e a tranquilidade que desde esta institución se proxectou con intelixencia ao longo de todos estos anos.

Coido que só cabe apelar á sensatez real para instar ás nosas maxestades a non rachar ese silencio. O mesmo silencio que como Xefe das Forzas Armadas gardou cando o último governo do "Aznarato" enviou tropas españolas a unha guerra ilegal e inxusta, que ademáis era rexeitada pola inmensa maioría da cidadanía. O mesmo silencio que gardou cando soaban os tambores dunha presunta quebra institucional planeada desde a dereita cando a cidadanía o 13 de marzo decidimos plantarlle cara á mentira, á falsedade, ao emprego político da sangue inocente derramada e á tiranía mediática e comunicativa dun grupo de déspotas asociais. O mesmo silencio que gardou fronte aquela folclórica operación de "recuperación" do islote Perejil ou cando a mediados dos 90 un ministro de pesca canadiense azuzaba para unha inconcebíbel declaración de guerra co obxecto de desterrar á frota española, destacadamente galega, dos caladoiros do fletán. E un longo etcétera de silencios, ás veces cómplices por omisión, pero que serveron para consolidar ao Rei como unha figura de alto arbitraxe institucional, aparentemente sensato e discreto, apartidario e máximo exponente internacional do Estado.

Agora a estas alturas, cando en pleno exercicio das liberdades democráticas conqueridas comezamos a falar da España plurinacional e pluricultural, do Estado Federal, cando se comezan a dar pasos decididos cara unha segunda, e verdadeira, transición política, que pasa ineludíbelmente por unha reconfiguración do actual deseño do Estado. Xusto agora meten ao monarca, a golpe de estratexia xestada na Moncloa, no xogo suxo da declaración taxativa para sacralizar a indisoluble unidade de España, e no concreto, reforzar unha postura das tantas que xurden fronte ao lexitimo, en termos democráticos, debate social e político do Estatut de Catalunya que o Parlament, cunha maioría abrumadora, propón ás Cortes Xerais. As incomodidasdes semánticas que produce o termo "nación" nas filas socialistas, dun partido dividido entre posturas tan distantes entre o federalismo do PSC [e do PSOE na transición] ou a España Unha de Bono, Vázquez e compañía, non son excusa para a inadmisíbel interferencia no debate que protagonizou o monarca coas súas intervencións a golpe de marcha militar, nen para a flagrante falta de intelixencia política dun Governo Zapatero que comeza a devaluar a súa imaxe de cartón-pedra a pesar de todos os slogan ou claim publicitarios que o Presidente pronuncie en revistas.

Por outra banda solucionar dramas a golpe de telefonazo amistoso, como no caso dos subsaharianos que saltan o valado fronteirizo en Melilla, lembra máis ás practicas caciquís tan abundantes en Galiza, e tan pouco democráticas, que á labor da cúspide institucional do noso Estado de Dereito. Solucionará tamén así o Governo Español o drama das pateras? Ou o grave problema da prostitución e as súas mafias? Non todo se pode amañar prohibindo barbacoas para evitar lumes, pero tampouco é democráticamente admisíbel que en problemas co alcance humano como os sucesos de Melilla se inste ao Monarca a tirar de axenda de colegas e pedir favores en nome da cidadanía, e xa de paso, xa de pedir, que lle reclamase ao colega de Marrocos que se garantisen os direitos humanos, pero se cadra iso é incompátibel coa ilegal devolución automática de inmigrantes na fronteira que o executivo español coa complicidade do PP estableceu.

Un bó monarquico deses que afloran cando está preto un enlace real ou un real nacemento, sinalaría que o denunciado é propio dunha "república bananeira". Cecais descubramos que ese calificativo ten máis usos tópicos.

===

Publicado en Xornal.com o 21/10/05

Chuzame! chúzame -

Outra democracia.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
725 Comments »

Publicaba hoxe Ramón Chao, sen dúbida unha referencia intelectual no ámbeto galego do que debemos destacar o seu alto compromiso social e coa realidade de Galiza, inda que nos diferencien matices, un artigo de opinión no que coa súa acostumada brillante sinxeleza sintética apostaba "Por outra democracia" como rezaba o título da columna.

Exemplificaba a contradicción do sistema democrático coa condena ao ostracionismo dun dos pais da democracia ateniense, Arístides "O Xusto", promovido polo demagogo Temístocles. E serviu de excelente metáfora do valor do voto, e da responsabilidade que a participación democrática na vida política debe exixir por parte da cidadanía. Vale igual o voto da porteira que o de Jean Paul Sartre, vale igual o voto do convencido militante que o do indeciso que escolle por sorteo na aletoriedade dos acrónimos en papeletas. Vale igual o voto por principios que por oportunismos.

Un "bug" (como se di en xerga informática) máis dun sistema claramente imperfecto, que na súa vertente de representatividade institucional ao modo contemporáneo occidental parecese máis á traición de Temístocles que ao promovido por Arístides na antigüedade.

Porque cando falamos de vontade democrática, democraticamente expresada a través da elección, co voto por instrumento, non podemos obviar elementos circunstancias determinantes. Desde unha lei eleitoral, que instaurando un determinado sistema aritmético de traducción de votos en representantes da soberanía, limita a representación plural da diversidade ideolóxica, até un mass media que abafa calquer resquicio de pensamento crítico ou cuestionador da realidade, que uniformiza, e que como ben sinala con acerto Ramón fica na absoluta maioria dos casos, inda que algunha excepción razoábel hai, entregada aos intereses dun grupo económico, político... ao cabo a intereses particulares, que desvirtuan o direito á información nun xogo de manipulación plagada no mellor dos casos de infames sutilezas.
A democracia representativa debe abrirse á participación real e efectiva da cidadanía, que a situe como actor principal con direitos a efectos practicos de intervención, con relativa inmediatez, nos asuntos máis trascendentes, que poida emendar e non unicamente substituir actores que non sempre a representan; ao cabo, inda que sone a ensoñación utópica, devoltarlle á cidadanía a sua cota de soberanía articulando mecanismos que posibiliten o seu exercicio individual nunha mecánica colectiva. Cecais iso pase por novas fórmulas democrática que se afasten do parlamentarismo institucional, experiencias hai abondo, desde a Venezuela bolivariana ou á democracia participativa do Brasil, pasando por algunha experiencia isolada na Europa.
Pero tamén é preciso que se forme cidadanía consciente, con capacidade crítica e cuestionadora, que se sinta parte da súa realidade, actor principal da vida política. E digo formar, que non deformar, moeda corrente nestos tempos. Canto maior sexa o grado de consciencia cidadá, maior a súa responsabilidade, mellor o funcionamento do sistema. Dun sistema que ao meu parecer, exixe dunha progresiva emenda á totalidade, polo obvio: é unha auto-traición, unha nova traición a Arístides.

É posíbel, só se precisa vontade.

===

Publicado en Xornal.com o 20/06/05

Chuzame! chúzame -

Trala barricada do presente.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
434 Comments »


Maio comeza coa reivindicación do Dia Internacional do Proletariado, e coa esixencia de condicións de traballo dignas que nos garantan un benestar colectivo e individual. Comeza con manifestacións, berros, consignas, xa que logo con soños, con arelas, con desexos, con utopía.

Há case corenta anos, vinte máis dos que teño no haber da miña experiencia persoal, en París sucedía un dos feitos históricos máis trascendentes da nosa historia recente. O maio do 68, do que hoxe, a miña xeración pouco sabe, pero que foi un ponto de inflexión, non polo resultado do proceso, nen polo proceso en sí, senon polas súas causas.

Nun país como Franza que nesas alturas do século XX vivía nunha situación de boa marcha económica e productiva, co levantar que supuxo a pos-guerra, foi absolutamente imprevisto que se iniciase un proceso de rebelión atípico e absolutamente inusual, que non entra en ningun modelo estandarizado de proceso revolucionario. O maio do 68 creou categoría de producto, como se di en marketing e publicidade.

Sorprendeu de entrada o protagonista desa rebelión. Apareceu por primeira vez a mocidade, o estudantado, como actor protagonista da vida social e política. Naceu daquela o poder estudantil. Eran os 60 e Martin Luther King, e Kennedy foran asasinados. O Ché era asasinado en Bolivia. Cuba comezaba a súa revolución trala toma do poder e a expulsión de Batista. Momentos históricos dificeis. Era a xeración que superara a posguerra, que nunca pasara fame... En troques iniciaron un proceso de loita que inda nos emociona aos románticos da política, os que inda soñamos con utopias, e falamos de política no seu sentido máis xenuino e non do concepto deturpado do xogo institucional tantas veces devaluado.

O sorprendente foi que non existia unha causa definida, como tal, para esa rebelión. Non se enfrentaban nen a unha dictadura, nen a unha crise económica, nen a un estado de excepción. Pero o que se cuestionaba no París de consignas de Jean Paul Sartre non era unha circunstancia, loitabase contra o establishment, contra o sistema na súa totalidade, e sobor de todo contra o xeito de vivir daquela época. Non se pretendia parchear o sistema, pretendiase derrubalo a golpe de adoquín, slogan en grafitti e consigna na rúa.

O 13 de maio de 1968 máis dun millón de franceses, estudantes, obreiros, artistas... se manifestaban en París, nunha das maiores manifestacións trala liberación do nazismo en 1945. Parou a Renault, e os movementos da esquerda organizada, sempre tan desconfiados, insertaronse de pleno nese proceso, no que as forzas sindicais sumaron o seu empuxe ao estudantado.

Pero todo se rematou. De Gaulle convocou eleccións e gañou de novo, inda que tivo que retirarse ao ano seguinte. Di Ismael Serrano (en "Papá cuentame otra vez"): "Papá cuéntame otra vez que tras tanta barricada / y tras tanto puño en alto y tanta sangre derramada, / al final de la partida no pudisteis hacer nada, / y bajo los adoquines no había arena de playa. // Fue muy dura la derrota: todo lo que se soñaba / se pudrió en los rincones, se cubrió de telarañas, / y ya nadie canta Al Vent, ya no hay locos ya no hay parias, / pero tiene que llover, aún sigue sucia la plaza."

Seguramente de ter habido algún catalizador, unha correa de transmisión, unha estructura organizada sobor da cal asentar ese proceso de mobilización social, moitas das reividicaciósn terían calado, como triunfaron na Rusia do 1917; mais alí estaba o leninismo como meio para a construcción dunha sociedade socialista.

Pero aquel proceso que fixo tremer ao governo da sempre estábel democracia francesa, e mirar con medo ao resto de governos europeus, evidenciou o poder da mocidade, e dalgunha maneira o poder dos soños, da utopía. "Sexan realistas, pidan o imposíbel", rezaba algun coñecido grafitti nas paredes de París.

En Galiza o reaxir do Nunca Máis chegou a emocionarnos, crendonos parte dunha grande onda de cambio que asolagaría o país; auga fertil do cambio que Galiza precisaba e precisa. Mais decepcionaron os resuldados políticos reais... cecais haberia que terlle dado tempo a auga para que atopase o semente, ¿será este 19 de xuño?. Soñemos cunha Galiza de cambio, con Fraga na oposición e con Quintana de Presidente. Soñemos cunha Galiza orgullosa de si mesma, que xa non esté rendida aos pés da metropole. Construamos ese soño.

Non renunciemos a soñar, a desexar, a crer na utopía dunha sociedade xusta, igualitaria, plural, na que se respeite a diferenza, en paz, e que respeite ao meio ambente, dunha sociedade na que a carta de direitos humanos sexa realidade diaria... non renunciemos ao soño de socializar o direito á felicidade. Pero construamos esos soños, esas arelas, desde o presente, como no maio do 68, desde as nosas propias vidas. "Pensar xuntos, non; Empuxar xuntos sí". Non renunciemos á revolución, soñémola, fagamola!

"Ninguén se nos subirá enriba, senon dobramos o lombo." (Martin Luther King)

París, maio do 68. Galiza, xuño 2005.

Hai que botalos!

===

Publicado en Xornal.com o 9/05/05, Arredemo.info o 9/05/05, Diario Directo (En español) o 9/05/05, Rebelión (En Español) o 10/05/05, El Inconformista Digital (En Español) o 11/05/05, GalizaCIG-Actualidade o 12/05/05, Culturactiva o 16/05/05, Barcelona Indymedia (En Español) o 16/05/05, IMC Euskalherria (En Español) o 16/05/05, IMC Madrid (En Español) o 16/05/05 e CMI Portugal o 16/05/05.

Chuzame! chúzame -