Xabier Pérez Igrexas

Acerca de Xabier Pérez Igrexas

(Vigo, Galiza, 1984) Militante nacionalista e comunista, é Vice Responsábel Comarcal de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG) en Vigo. Participa no movemento veciñal vigués, sendo na actualidade Secretario da Federación Veciñal de Vigo. Milita na central sindical nacionalista e de clase, CIG, na que fai parte da Executiva Comarcal de Vigo e do Consello Nacional da Federación de Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Telemárketinge e tamén da Dirección Comarcal Confederal de Vigo. É colaborador de opinión e columnista en diferentes medios de comunicación. Autor do blogue Contradiscurso desde febreiro de 2005.

#BautistaÁlvarez: un apunte e unha ducia de chíos (+ vídeo)


Esta cuarta feira Bautista Álvarez estivo en Vigo. Para alén do motivo formal –a apresentación do primeiro volume das súas obras escollidas, lectura que recomendo encarecidamente– o acto resultou nunha moi interesante palestra na que co seu verbo valente e a súa lúcida, ás veces mesmo afiada, análise debullou algunhas das cuestións de maior relevo neste momento histórico.

Recoñezo que pouco podo dicir do camarada Bautista que non se dixera ou que non teña dito xa. Certamente constitúe unha das principais referencias do nacionalismo galego contemporáneo, malia que haxa quen pola súa visión nesgada se negue a recoñecer o incontestábel.

Seguir lendo

Chuzame! A Facebook A Twitter

A necesaria unidade estudantil

No éxito da folga xeral contra a LOMCE do pasado 9 de maio albiscouse a renovada fortaleza do movemento estudantil. A numerosa presenza de alunado nas rúas, testemuña que a loita estudantil ten presente e futuro. Hai novas enerxías, tamén novas formas e en parte novos discursos, mais consérvase a esencia combativa que vertebrou a loita das organizacións estudantís desde ERGA até os nosos tempos.

A II Asemblea Nacional dos Comités, que tivo lugar este sábado, resultou nun anovado compromiso para conquistar un ensino galego, público e de calidade. Expresouse tamén, de maneira explícita o compromiso de propiciar a recuperación da unidade do movemento estudantil nacionalista, que nunca se debera ter perdido. Semanas atrás a Liga Estudantil Galega, na súa asemblea, cadraba resolver en termos semellantes. Primeiros pasos, dunha andaina que algúns confiamos resulte nunha non moi lonxana confluencia organizativa. É tempo de suma, de sinerxía, de facermos fronte común nomeadamente quen partillamos unha mesma visión acima das coordenadas do nacionalismo popular.

Ese vieiro, amais dunha obriga, é unha oportunidade para artellarmos a grande organización estudantil nacionalista galega coa que aglutinar a eses milleiros de estudantes que fican dispostas e dispostos a se sumar á loita por unha realidade diferente.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Rafael Correa 2 – Ana Pastor 0

Rafael Correa, recentemente re-elixido Presidente do Ecuador con preto do 60% dos votos, protagonizara unha polémica entrevista conducida pola xornalista Ana Pastor, daquela directora dos Almorzos informativos de TVE, cargo do que foi cesada tras o regreso do PP ao Goberno español. Naquela oportunidade Correa gañara sen dúbidas o envite dunha entrevista moi incisiva coa que Pastor procurou, sen exito, acurralar ao lider da esquerda ecuatoriana botando man do argumentario da dereita mediática daquel país.

Hoxe vén de publicarse unha nova entrevista, que puxo fronte a fronte un ano despois aos mesmos actores. Desta volta en CNN, Ana Pastor debullou –nun tono moito máis medido e prudente que na anterior cita– os principais asuntos de actualidade (eleccións en Venezuela, hipotecas, situación económica do Ecuador, crise…) e novamente Correa, despregando grandes doses de pedagoxía e cun discurso claro e directo, volveu deixar en evidencia o relato informativo dos mass media, parcializado e ideolóxico. Correa mesmo se atreveu a preguntarlle á xornalista a respecto da súa saída de TVE.

En todo caso, o mellor é velo e oílo. Eis os vídeos:

Parte 1/5

Seguir lendo

Chuzame! A Facebook A Twitter

#OpenDraghi en 8 puntos

Mario Draghi, Presidente do Banco Central Europeo –a póla financeira da Troika neoliberal- compareceu esta mañá perante o Parlamento español. Fíxoo a porta pechada. Sen acta e baixo unha desmesurada censura (inhibidores de sinal que bloquearon as comunicacións móbiles, impedindo a retransmisión da sesión tanto a deputadas/os como a xornalistas).

Foron apenas 20 minutos, que consistiron basicamente nunha reiteración dos xa coñecidos paradigmas neoliberais. Deito aquí as 8 ideas principais que tirei da súa pomposa e bastante aburrida intervención (en paréntese e cursiva formulo as miñas precisións a xeito de tradución do que en realidade significa o que dixo):

  1. A necesidade de que os parlamentos “nacionais” entendan a necesidade de se someteren aos intereses “comúns” da UE.
  2. Os axustes (contrareformas e paquetes de recortes) non están a producir aínda efectos (positivos) na vida cotía da xente pero chegarán. Paciencia.
  3. Defensa dos axustes como mecanismo para lograr un “funcionamento máis xusto da economía”.
  4. A receita chave: contención e redución de custes laborais, en base a unha maior competitividade (alargar a explotación laboral para lograr unha maior produtividade que permita unha maior apropiación de plusvalía polo Capital) e a moderación salarial (empobrecemento de salarios directos e indirectos).
  5. Defensa cerrada das políticas do BCE en materia monetaria e de crédito, que terían –segundo el—estimulado o financiamento de empresas e fogares (u-lo?). O BCE destinou nos momentos “álxidos” da crise até 1,2 billóns de euros en operacións de crédito para financiar as entidades bancarias, en aplicación do criterio de habilitar “un volume ilimitado de crédito aos bancos”.
  6. Sinalou como un factor moi positivo (para quen?) “ter eliminado dos balances da banca (privada) os activos tóxicos (resultantes das súas operacións especulativas)” así como a recapitalización das entidades financeiras a cargo de fondos públicos (socialización das perdas).
  7. A longo prazo as chaves serán afondar na unión monetaria e complementar esta coa unión fiscal, bancaria, económica  e política (rumbo á UE como SuperEstado ao servizo da oligarquía transnacional). A respecto da unión económica salientou a importancia de mellorar a competitividade no mercado de “produtos e de traballo” (O mercado laboral único que preconizou Merkel?)
  8. A conclusión empatou coa tese de inicio, chamando aos consensos nacionais (isto é a acordos tipo PASOK-ND ou PPSOE) e a necesaria “interlocución” coas autoridades da UE.
Coñecido o argumentario e padecidas as receitas, fica algunha dúbida da necesidade imperiosa de abandonarmos a UE e o euro?
Chuzame! A Facebook A Twitter

Punto final

 

 

 

O pasado xoves 31 de xaneiro presentei diante da Asemblea Xeral Extraordinaria da FAVEC a miña renuncia voluntaria como Secretario e membro da Comisión Permanente da Federación Veciñal. Esta decisión, resultado da miña indispoñibilidade por razóns persoais e laborais para asumir como é debido as tarefas propias da miña responsabilidade, pon dalgunha maneira punto final a unha etapa que encetara en xuño de 2010, mais que ten a súa raiceira en 1998, cando principia a miña participación no movemento veciñal.

Certamente levo máis da metade da miña vida vencellado ao asociacionismo veciñal de Vigo, desde que con apenas trece anos de idade comezara a participar na vogalía de mocidade da entidade do meu barrio, o Val do Fragoso. En menos dun mes cumpriranse quince anos daqueles días, nos que estreaba a miña primeira militancia. 

Poño punto e final a un ciclo, a unha etapa, mais non ao compromiso que motivou a miña achega todos estes anos, que non é outro que o afán de contribuír a mudar a realidade, ou polo menos un fragmento desta, en beneficio da maioría, en chave de xustiza social. O compromiso de ser pobo que actúa en beneficio do pobo. É por iso que estou certo de que seguirei a coincidir coas xenerosas xentes que vertebran o movemento veciñal do que sempre me hei sentir parte, e polas que gardo inmensa gratitude. Seguirán a ser as miñas compañeiras e os meus compañeiros, porque abandono unha trincheira mais continuarei no mesmo frente, canda elas e eles. Nos barrios, nas rúas, co pobo. 

Sempre defendín a transparencia como un valor ineludíbel. É por iso que fago pública, a seguir, a miña carta de dimisión, para alén de evitar desta maneira lecturas interesadas ou especulacións infundadas. 

Obrigado a todas e todos, polo voso afecto, pola vosa confianza, mais sobre todo pola vosa entrega.

Carta de renuncia

Chuzame! A Facebook A Twitter

Retorno de urxencia

O novo aloxamento do blogue comezou a dar problemas estes días. Despois de comprobar que levaba varias horas caído e de non ser quen de achar nin solución nin explicación, decidín facer un retorno de urxencia ao agarimoso fogar materno de Blogaliza.

Entre hoxe e mañá tomarei unha decisión definitiva.

Chuzame! A Facebook A Twitter

3 documentais, 6 libros e máis de 400 artigos no 86 aniversario de Fidel

Fidel Castro é unha das personalidades máis senlleiras do século XX e continúa a ser unha figura chave neste primeiro treito do novo milenio. Fidel é sinónimo de entrega, de compromiso, de aguda intelixencia, de argumentación e conversa, de honestidade, de pedagoxía, de firmeza nas ideas, de coherencia intachábel, de valentía e coraxe, de sacrificio, de traballo, de maiúscula Humanidade. Máis sobre todo Fidel é exemplo. Exemplar é a súa xigantesca fortaleza ética, que fixo posíbel conciliar o ‘necesario’ co ‘xusto’, e co ‘digno’. A república da Virtude que ensoñaba Robespierre había estar constituída sobre exemplaridades semellantes. Como exemplar é a revolución que contribuiu a edificar nunha pequena illa do Caribe, e que sigue a ser un grande facho de liberdade e xustiza social fronte a barbarie do Imperio que a bloquea.

Hoxe Fidel cumpre 86 anos. E para o celebrar partillo convosco 4 libros e 424 artigos (desde 2007 até 2012) da súa autoría, nos que se recolle unha boa parte do seu pensamento e da historia revolucionaria de Cuba. Máis 2 libros e 3 documentais para contribuír a coñecer mellor, por boca doutros, esta figura irrepetíbel.

Grazas Comandante polo teu exemplar compromiso revolucionario. Por moitos anos máis. Viva Cuba Socialista!

DOCUMENTAIS

Un día con Fidel. Gianni Minà (1987). 95′

Fidel, a historia non contada.  Estela Bravo (2001). 91′


Comandante. Oliver Stone (2003). 95′

 

LIBROS E ARTIGOS DE FIDEL

“La victoria estratégica”, por Fidel Castro

“La Historia me absolverá”, por Fidel Castro

“Nuestro deber es luchar”, por Fidel Castro

 Colección de artigos de Fidel Castro: “Las Reflexiones de Fidel”.

  • Accede aquí aos 424 textos publicados desde o 28 de marzo de 2007 até o 19 de xuño de 2012.

LIBROS SOBRE FIDEL

“Así es Fidel”, por Luís Báez

“Absuelto por la historia”, por Luís Báez

Chuzame! A Facebook A Twitter