Unha das facetas máis perversas do argumentario que xustifica a subordinación do proxecto de transformación de Galiza, para o facer confluír dentro da nova transición española e a súa reforma disfrazada de ruptura, é que o que cómpre atender agora son as cuestións sociais, as cousas de comer. Esa tese reduce, por pasiva, o reclamo de soberanía nacional (e popular) para Galiza a unha afirmación meramente ideolóxica, de principios.

A prórroga para que Ence continúe 60 anos máis a estragar a Ría de Pontevedra e a afectar as condicións de vida da poboación da cidade do Lerez e das súas áreas limítrofes, vén de poñer en evidencia a falsidade de tal argumento.

«O Goberno español en funcións impón a permanencia dunha industria de enclave pasando por acima da Xunta, Concello e Deputación»

O Goberno español do PP, en funcións, decide prorrogar a permanencia dunha industria de enclave a través dunha imposición, que pasa por acima da Xunta e que obvia a posición do Concello e do novo goberno da Deputación provincial. Nunha entrevista publicada días atrás neste xornal [Sermos Galiza], o alcalde Miguel Fdez. Lores resumía o acontecido cun titular incontestábel: «Coa prórroga a ENCE o estado supeditou este país aos intereses dun consello de administración». O españolismo oligárquico de sempre.

«Ence é un exemplo clamoroso da dependencia de tipo colonial que padece Galiza»

Ao marxe da omisión cómplice do Goberno galego nesta cuestión, o certo é que a prórroga a Ence é un exemplo clamoroso da dependencia de tipo colonial que padece Galiza por parte do Estado. Unha dependencia forzosa que ten falla de capacidade de decisión propia, de soberanía, como cerna.

Quen reivindicamos a soberanía como un obxectivo político fulcral e de carácter estratéxico non o facemos como mera afirmación ideolóxica, inda que tamén o é. Non o facemos apenas por ser a autodeterminación un dereito humano colectivo ao que todos os povos, tamén o noso, deben ter dereito. Facémolo, sobre todo, desde a certeza de que obxectivamente a situación do noso país, e moi especialmente das súas clases populares, sería ben diferente de termos o povo traballador galego plena capacidade para decidir sobre o noso presente e o noso futuro. De termos a capacidade política soberana, por exemplo, de defender o noso medio natural, expulsando a Ence ou evitando que cada pouco tempo a ameaza dun novo Prestige asome a poucas millas da nosa costa. Para protexermos o Corcoesto da destrución. Para asegurar a pervivencia do Olimpo celta do Monte Pindo.

«A situación do noso país, e moi especialmente das súas clases populares, sería ben diferente de termos o povo traballador galego plena capacidade para decidir»

A decisión sobre Ence evidencia a importancia de termos, precisamente, capacidade de decidir. Demostrando que a soberanía para o povo galego é unha cousa de comer, unha necesidade social. Unha soberanía que non nos será regalada por quen se erixe como mellor garantía da unidade de España, nin polos seus parceiros aquén do Padornelo que por inxenuidade ou oportunismo apostan en lles axudar nesa causa, que non é a nosa. De aí a importancia de fortalecer o proxecto nacionalista en troca de o diluír/disolver gradualmente.

Artigo publicado en Sermos Galiza o 31/01/2016.

[Imaxe: GZfoto]