Contradiscurso

Trincheira dixital de Xabier P. Igrexas

Menu Close

Un bebé no Congreso

NunMinuto_3_

Na primeira sesión das novas Cortes Españolas salientou un nome propio. Non era o de ningún senador, nin deputada. Foi Diego. O fillo de Carolina Bescansa, número 3 de Podemos. A súa presencia canda a nai no escano foi unha desas imaxes polémicas que abren informativos. Mais o debate non pasou do superficial.

Se o que pretendía Bescansa co seu xesto era captar maior atención para o seu grupo, logrouno. É unha fórmula tan lexítima de efectismo parlamentarista como outras tantas. Se o que quería era sinxelamente non prescindir da compañía do seu fillo, malia non parecer o lugar máis confortábel para Diego –aínda co agarimoso colo rotatorio da súa bancada–, pleno respecto á súa decisión como nai.

Mais se o que procuraba era chamar a atención dos enormes atrancos existentes na conciliación, que continúan a facer da crianza un «problema», o desatino foi notábel. De entrada, porque dificilmente a deputada Bescansa pode simbolizar as nais (e pais) impedidas de conciliar. E tamén porque conciliar non se pode proxectar sob a reivindicación de poder levarmos as nosas fillas ao traballo [*] . Aliás, teremos avanzado bastante cando a crianza deixe de ser un factor limítante apenas (ou predominantemente) para as mulleres.

[*] PS: Enténdase, no sentido de que o que cómpre é demandarmos medidas como a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade (en Suecia son 16 meses, no Estado español 16 semanas), e/ou fórmulas que flexibilicen a xornada laboral (horarios, distribución, duración) e o presencialismo (teletraballo).