Contradiscurso

Palestra de Xabier P. Igrexas

Menu Close

Por unha nova cartografía do blogomillo

O blogomillo é un produto autóctono que agroma tecendo un espazo de noso no medio do océano global da Rede. O termo, acuñado por unha das súas decanas, María Yáñez, servíu para aglutinar unha comunidade blogueira enormemente diversa que ten o idioma propio e común, o galego, como nexo vertebrador.

A existencia do blogomillo era, e  inda é, un sano e vizoso síntoma de normalidade. Un valor infelizmente escaso na nosa realidade nacional.

O emerxer das redes sociais semellaba ameazar a propia supervivencia dos blogues. Mais, como xa sucedera en anteriores etapas da revolución tecnolóxica e comunicacional, acabou por se impor a complementariedade. Con todo, o blogomillo resentiuse nese proceso, e tamén pola demografía dixital e a súa taxa de mortalidade en forma de conxelación ou desaparición de blogues. Non tanto a nivel singular –pode que hoxe haxa máis bitácoras en galego que hai varios anos, grazas a proxectos como Blogaliza— , senón no plural. Resentiuse a comunidade, hoxe deslabazada e sen demasiados espazos nos que confluír e se reunir. E tamén con moitas dificultades para se coñecer e recoñecer.

Por iso acho necesaria unha nova cartografía do blogomillo. Para indexar, para situar no mapa común as nosas respectivas eiras. Para nos (re)encontrar. As vellas e as novas.

Perviven algúns directorios, a meirande parte incompletos ou desactualizados. Existen iniciativas como Blogues do País, que modestamente turran na dirección que estou a apuntar. Mantéñense vivos algúns blogroll que apuntan fraternalmente a outras bitácoras. Mais a piques de cumprir 13 anos, o blogomillo precisa actualizar o seu padrón de habitantes.

Descoñezo como se debe facer ou quen, mais acredito nesa necesidade e por iso lanzo a proposta a quen quixer recollela. Para facermos da tarefa de revitalizar o blogomillo un propósito partillado de aninovo. Agardo que sexa desas excepcións á regra e, xa que logo, se faga realidade. De nós ha depender. Vós diredes.

[Collín a imaxe prestada de OVNM]