Sabíase difícil. A decisión que tiña que adoptar a Asemblea Nacional Extraordinaria da CUP para desbloquear, nun sentido ou noutro, a situación política catalá non era sinxela. O debate encerraba unha manifesta complexidade, onde o contexto e os matices xogaban un papel importante. A ecuación que pode resolver o punto morto derivado dos resultados do 27S exixía de moito máis que aritmética, como ben apuntou Antonio Baños ao remate do conclave da CUP.

A incógnita a despexar era Mas, como explico na columna que o domingo á mañá publiquei en Sermos Galiza. Unha incógnita que se mantén, logo dun resultado inesperado como o dun empate exacto. 1515 votos a prol de investir a Mas e subscribir a súa proposta de acordo programático. E outros 1515 en contra. A democracia asemblearia é así. Acaba por facer posíbeis as improbabilidades matemáticas que tanto deron que falar desde que se coñeceu o resultado.

Calquera das catro opcións a discusión polas bases da CUP estaban fundamentadas e ben argumentadas

Cómpre, iso si, fuxirmos de lecturas simplistas e maniqueas. Profundar un mínimo nos termos nos que se desenvolveu o debate permite a calquera comprobar que nin o “si” era unha traizón oportunista, nin o “non” un acto de infantilismo ideoloxista. Se algo diferencia o debate no seo da CUP é que calquera das catro opcións a discusión estaban fundamentadas e ben argumentadas.

O panorama é se cadra máis incerto agora que antes. Non tanto por que posición adoptará finalmente a CUP, que convocou un Consell Político de urxencia (para o 2 de xaneiro) co cometido de resolver o empate. Descoñécese cal será a fórmula. Hai quen apunta a unha aplicación estrita do resultado, facendo que 5 das 10 deputadas da CUP voten a prol de Mas e as outras 5 en contra. A Mas non lle abonda. Os 5 apoios sumados aos 62 votos de Junts pel Si quedan a un voto ou abstención da indispensábel maioría absoluta. Existen outras opcións, como reeditaren a votación pero en asembleas territoriais e de maneira simultánea. Tamén cabería que a dirección acabase por decidir por ela propia, diante da falla dunha maioría clara nas bases.

O empate é un resultado complexo, mais non menos do que o sería que unha opción se impuxese a outra por unha diferenza mínima. Por iso esta “anomalía” democrática serve para confirmar o carácter indisolúbel da formulación ‘independencia e socialismo’ sob a que se edifica o proxecto transformador da  CUP. Ningún dos elementos do binomio se impuxo ao outro. Evidenciando que se cadra non hai camiño real cara a independencia sen ambos os dous.

A pelota retornou ao tellado de Junts pel Si

Mais inda que o pareza, a pelota non está no tellado do soberanismo anticapitalista. Retornou á de JpS. Foi a coalición de CDC e ERC quen empurrou o procés a este beco sen saída, ao teimaren en manter a candidatura de Mas a sabendas da oposición da CUP, forza que se afanou durante a campaña en comprometer que nunca votaría por el. Por iso, o crucial da xornada de hoxe non é a aritmética, non é o empate nin o número. É a política. É a mensaxe que desde ese resultado emitiu a dirección da CUP á dirección de JpS, chamando a presentar “novas ofertas ou novo candidato”.

A incógnita Mas mantense polo momento. O inesperado empate da CUP abre un novo espazo. Nel cabe que o propio Artur Mas a resolva, retirándose como un último sacrificio a prol da independencia; que ERC deixe de lle servir de muleta e se atreva a optar a liderar o bloque soberanista rachando o statu quo en JpS; ou que finalmente teñan lugar novos comicios, con inda máis incertezas.

E todo contra o reloxo. Pois o 10 de xaneiro esgótase o prazo para investir President. Esa é a data de caducidade dun impasse que está a resultar agónico, sobre todo para a base social do soberanismo, que como demostrou a asemblea das CUP dubida en se transixir con Mas con tal de o superar, como me confesaba unha militante con cansanzo.