No éxito da folga xeral contra a LOMCE do pasado 9 de maio albiscouse a renovada fortaleza do movemento estudantil. A numerosa presenza de alunado nas rúas, testemuña que a loita estudantil ten presente e futuro. Hai novas enerxías, tamén novas formas e en parte novos discursos, mais consérvase a esencia combativa que vertebrou a loita das organizacións estudantís desde ERGA até os nosos tempos.

A II Asemblea Nacional dos Comités, que tivo lugar este sábado, resultou nun anovado compromiso para conquistar un ensino galego, público e de calidade. Expresouse tamén, de maneira explícita o compromiso de propiciar a recuperación da unidade do movemento estudantil nacionalista, que nunca se debera ter perdido. Semanas atrás a Liga Estudantil Galega, na súa asemblea, cadraba resolver en termos semellantes. Primeiros pasos, dunha andaina que algúns confiamos resulte nunha non moi lonxana confluencia organizativa. É tempo de suma, de sinerxía, de facermos fronte común nomeadamente quen partillamos unha mesma visión acima das coordenadas do nacionalismo popular.

Ese vieiro, amais dunha obriga, é unha oportunidade para artellarmos a grande organización estudantil nacionalista galega coa que aglutinar a eses milleiros de estudantes que fican dispostas e dispostos a se sumar á loita por unha realidade diferente.