O pasado xoves 31 de xaneiro presentei diante da Asemblea Xeral Extraordinaria da FAVEC a miña renuncia voluntaria como Secretario e membro da Comisión Permanente da Federación Veciñal. Esta decisión, resultado da miña indispoñibilidade por razóns persoais e laborais para asumir como é debido as tarefas propias da miña responsabilidade, pon dalgunha maneira punto final a unha etapa que encetara en xuño de 2010, mais que ten a súa raiceira en 1998, cando principia a miña participación no movemento veciñal.

Certamente levo máis da metade da miña vida vencellado ao asociacionismo veciñal de Vigo, desde que con apenas trece anos de idade comezara a participar na vogalía de mocidade da entidade do meu barrio, o Val do Fragoso. En menos dun mes cumpriranse quince anos daqueles días, nos que estreaba a miña primeira militancia. 

Poño punto e final a un ciclo, a unha etapa, mais non ao compromiso que motivou a miña achega todos estes anos, que non é outro que o afán de contribuír a mudar a realidade, ou polo menos un fragmento desta, en beneficio da maioría, en chave de xustiza social. O compromiso de ser pobo que actúa en beneficio do pobo. É por iso que estou certo de que seguirei a coincidir coas xenerosas xentes que vertebran o movemento veciñal do que sempre me hei sentir parte, e polas que gardo inmensa gratitude. Seguirán a ser as miñas compañeiras e os meus compañeiros, porque abandono unha trincheira mais continuarei no mesmo frente, canda elas e eles. Nos barrios, nas rúas, co pobo. 

Sempre defendín a transparencia como un valor ineludíbel. É por iso que fago pública, a seguir, a miña carta de dimisión, para alén de evitar desta maneira lecturas interesadas ou especulacións infundadas. 

Obrigado a todas e todos, polo voso afecto, pola vosa confianza, mais sobre todo pola vosa entrega.

Carta de renuncia