Onte foi 3 de marzo. Hai 36 anos a policía española, daquela baixo o franquismo, asasinou a sangue fría a cinco traballadores en Vitoria-Gasteiz, no marco dunha cruel e violenta represión a unha folga xusta. Aquela decisión tivo responsábeis. Os ‘asasinos da razón’ teñen nomes e apelidos, por máis que as interesadas axiografías recentes pretendan facernos esquecer. Os sucesos de Vitoria-Gasteiz tiveron outros antecedentes equivalentes, coma os de Ferrol en 1972. Foron os reiterados ‘fiascos’ sobre os que se construíu a falsaria transición española que legalizou a ditadura.

Onte foi 3 de marzo e compre recordar. Compre lembrar que Pedro, Francisco, Remualdo, José e Bienvenido, foron asasinados por defenderen os dereitos da clase traballadora, testemuñando que o fascismo é tan só a peor faciana do monstro capitalista. Lembrar que eles, xunto aos nosos Amador e Daniel, ao noso Moncho Reboiras, e aos millóns de loitadoras e loitadores que nos precederon no mundo, deron a vida pola causa da xustiza social.

Mais sobre todo compre converter a homenaxe en acción. E o noso contributo ao ‘poema vitorioso das trincheiras‘ que canta Lluis Llach, non pode ser outro que o de achegar o noso comprometido esforzo militante á súa (nosa) causa. O vindeiro sábado, 10 de marzo (Día da Clase Obreira Galega), temos na Galiza máis unha oportunidade de facelo. Na rúa, coma eles, coa súa mesma dignidade.

__

O vídeo que encabeza esta entrada é o documental íntegro “Llach, la revolta permanent” no que se abordan, trinta anos despois, os sucesos de 1976.