Poder popular

A participación é a base ineludible para construír unha democracia efectiva e plena. O chamado goberno do pobo non se pode limitar á delegación electoral en institucións políticas que as máis das veces escapan do control social e nas que se consuman non poucas traizóns á vontade popular.

A democracia formal vixente alargou o exercicio da pretendida representatividade ata a substitución de facto do suxeito representado: o pobo.

O exercicio autoritario que veu practicando o goberno de Abel Caballero, con campañas de agresión política contra a independencia dos movementos sociais incluídas, amosou as limitacións do outrora vangardista Regulamento de Participación Cidadá, precisamente cando vén de cumprir 20 anos da súa aprobación a iniciativa do Bloque.

A Federación Veciñal, a finais do pasado ano, puxo enriba da mesa a necesidade de dotármonos dun novo regulamento que profunde nunha maior democracia municipal e que sente as bases da elaboración (e execución) participativa dos orzamentos municipais.

Xa vai máis dunha década do agromar da experiencia dos orzamentos participativos con Porto Alegre como epicentro referencial. Porén,os presupostos de 2012 que están a piques de ser aprobados para Vigo, recuncaron maiormente en ignorar a opinión dos colectivos e movementos nos que se organiza iso que dan en chamar sociedade civil ou cidadanía.

Vai sendo hora de apostar por unha democracia participativa real, hora de construír un verdadeiro poder popular e que ademais debe principiar desde o eido municipal.

Artigo publicado no De Luns a Venres (páx. 5) o 01/03/2012

Chuzame! A Facebook A Twitter

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>