Faláronme del. Recomendáronme insistentemente que o vise e o escoitase con atención, e hoxe fun dar, no tamén recomendábel blogue de Carlos Tena, cun fragmento do excepcional discurso pronunciado polo Presidente da República de Ecuador, Rafael Correa, perante a Asemblea daquel país co gallo do Informe Anual. E fiquei enganchado da retórica vibrante, do verbo comprometido dun dos máis relevantes líderes e referentes da esquerda latinoamericana e dos movementos emancipadores dese continente.

O impacto da súa alocución foi maior dada a miña escasa simpatía previa cara el, motivada en parte por considerar a súa liña política -hoxe coido que erradamente- como tímida e insuficiente no vieiro da transformación social. Probabelmente os sucesos do intento golpista do pasado 30 de setembro acentuaron o discurso do Presidente dun dos países que integran polo revolucionario no continente latinoamericano.

Porén, é innegábel a valentía e a firmeza das conviccións dun mandatario disposto a denunciar, en defensa da verdade, a violenta resistencia das clases dominantes ao ver os seus privilexios convertidos en dereitos para a maioría social. De aí que os mass media do grande capital, volvan presentar como ditatorial e autoritario a quen combate co povo os infames privilexios dos seus donos e amos.