O peche do GH fixo que volvese agromar o debate a respecto da necesidade nacional de térmonos uns media propios, que se asenten na defensa e dignificación da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura, e que axan como activas palestras para a defensa dos intereses e dereitos do noso pobo.

A conmoción levou ao loito, o loito ao lamento, e o lamento máis unha vez á masoquista tradición da autoculpabilización. Estes días amosaron con crueza a faciana do paralizante sentimento de frustración que provocan nalgúns sectores os “fracasos”.

Quen estes días clamaba reivindicando unha iniciativa concreta a favor duns media comprometidos co país e a lingua, xa a ten. Onte foi presentada en Compostela a iniciativa social “Sermos Galiza” que pulará pola creación dun xornal dixital e máis dun seminario impreso antes de fin deste mesmo ano. Medios que ademais se sustenten economicamente na suscrición e nun accionariado popular, situando á sociedade civil galega coma o seu suxeito.

Non é un novo manifesto de denuncia máis. Trátase dunha proposta factíbel, necesaria e valente para deixar de laiarnos e pasar á acción creando medios de comunicación propios na nosa lingua propia. Avante pois con ela!

Artigo publicado en Xornal de Galicia o 02/07/2011.