Contra a transmutación.

riazor

A demostración de que o nacionalismo galego ocupa unha posición central (que non de centro) no mapa político do país, está a ser constantemente ratificada pola teimuda pretensión de axentes externos, e algúns internos, por redefinir o que é, pero sobre todo, o que debe de ser o proxecto político do BNG.

Non é, pois, un fenómeno nin novo, nin especialmente moderno. Demostra apenas a importancia que por riba da representatividade institucional, máis ou menos numerosa, ten a fronte patriótica no escenario político da nación. E toda esta lea dáse con toda caste de altofalantes mediáticos, ás máis das veces interesados en forzar un cambio de orientación dunha alternativa, o BNG, que polo seu carácter diferenciado da oferta sistémica e homologada que representan PSOE e PP resulta tremendamente incómoda para as clases dominantes; empregando para tal fin, como punta de lanza, a valoración cuantitativa -nunca cualitativa- dos retrocesos electorais rexistrados polo Bloque.

Volve demostrarse que a chave está na definición. Na definición ideolóxica do que é o BNG. Na definición estratéxica do seu proxecto, isto é, dos obxectivos últimos que arela conquistar. Na definición táctica, estreitamente relacionada, coa formulación programática, que dende logo fica suxeita ás condicións sociopolíticas do país, e da correlación de forzas no seu seo.

O que é o BNG.

Ningún proxecto político se sustenta sobre un folio en branco. Ao contrario, aséntase de entrada sobre uns principios ideolóxicos concretos que serven de marco definitorio. Xa que logo, o BNG só pode estar definido en base aos seus propios principios ideolóxicos, dos que se dotou libre e democraticamente por decisión colectiva, e non en base ás proxeccións do que uns ou outros queiran que sexa. De aí que coa mesma contundencia coa que se confronta coas tentacións do infantilismo de esquerda, que por maximalismo nominalista condenaría ao BNG a ser unha expresión radicalmente marxinal, ou marxinalmente radical, hai que reaxer tamén perante as tentativas, ultimamente pouco disimuladas, de desprazar ao Bloque do seu propio eixo ideolóxico, dende a concepción transformadora que o fixo nacer até o posibilismo reformista e o economicismo, disque como mecanismo para a conquista da hexemonía electoral.

A defensa do dereito de autodeterminación e o exercicio da soberanía nacional para a nación galega; a defensa da democracia e dos intereses populares; a necesidade de auto-organización e a non-dependencia; a solidariedade, o internacionalismo, a paz e o desarme no eido internacional; e un modelo social que promova un desenvolvemento socioeconómico contrario á dependencia e a prol do benestar de todo o pobo. Eses foron os principios cos que o BNG se definiu na súa fundación, en 1982, como proxecto político transformador, de esquerdas, que ten na emancipación social e nacional do pobo galego a súa razón de ser, e nas maiorías sociais o seu principal destinatario.

É obvio que ningún destes principios é un dogma de fé inalterábel, como tamén o é que modificalos supón alterar o proxecto común do nacionalismo tal e como se concibe na actualidade. Por ser o elemento base, o que alicerza o denominador común que unifica ao nacionalismo galego actuante organizado no BNG, a pretensión de cambiar eses principios esixiría cando menos a honestidade de presentar ese propósito de xeito explícito e claro, a través dun debate sincero e franco, e sobre todo facelo a través das canles internas, con lealdade.

Eses principios son ademais os elementos reitores do conxunto da conceptualización programático-política da fronte, e a adhesión aos mesmos é, loxicamente, un dos requisitos democráticos para a incorporación da militancia. En consecuencia non vale a substitución de facto, resultado de relegalos na práctica ao caixón da historia en aras dunha presunta modernización, pois de facelo así incorreríamos nunha gravísima contradición, e o que é inda máis grave, nun proceder completamente excluínte e antidemocrático, dende un punto de vista interno.

Vocación de goberno e/ou vocación de maioría social.

As institucións son unha ferramenta, un instrumento útil para a transformación da realidade do noso país. Demostrouno a acción do BNG no seo do goberno bipartito -malia as súas deficiencias e insuficiencias-, como o demostran os gobernos municipais liderados ou participados polo nacionalismo. É esa concepción das institucións como un medio, e non coma un fin, a que fai do BNG unha forza diferenciada das franquicias galegas do PSOE e do PP. Isto non significa que o nacionalismo galego non sexa consciente do papel importantísimo das institucións e de sermos goberno, como está a demostrar con claridade a acción demoledora do PP tralo regreso á Xunta. Pero se equivocada está a tese dos que desprezan as potencialidades transformadoras que ten alargar a base electoral do BNG, para facelo forza de goberno en todos os ámbitos, equivocada é tamén a tese dos que confunden medio con fin. E gobernar non é nada máis, nin nada menos, que un chanzo necesario para a execución do proxecto político.

Fico certo de que todas e todos os nacionalistas estaríamos tremendamente contentos e satisfeitos de poder gañar aquí e agora as vindeiras eleccións autonómicas, resultado que amosaría unha potencialidade real de que o nacionalismo de esquerdas fose socialmente hexemónico. Porén, a política non opera no terreo dos desexos, e a actual correlación de forzas (e non falo de aritmética electoral), produto en boa medida do nivel de conciencia social e nacional do noso pobo, fan moi complexo polo momento acadármonos ese obxectivo; inda que é, dende logo, nesa dirección na que debemos remar.

A discrepancia no seo do nacionalismo non está, como algúns queren facer ver, entre os que queren que o nacionalismo sexa hexemónico, e os que presuntamente non queremos tal. A diferenza radica non na enunciación do obxectivo -compartido por todas e todos-, senón na definición e articulación de como chegar a el. E nesa cuestión atopámonos fundamentalmente, e por simplificar, perante unha disxuntiva: quen afirma, máis ou menos explicitamente, que é necesario desprazar ao BNG das súas coordenadas ideolóxico-programáticas actuais para aproximalo ás actuais posíbeis maiorías electorais; e os que pola contra, afirmamos sen tapuxos que queremos ser maioría a partires do que realmente somos, convencidas e convencidos de que o noso proxecto, tal e como está definido, é o que mellor resposta ás necesidades da nosa nación, e orgullosas e orgullosos del.

Un dos elementos que coido se están a obviar, consciente ou inconscientemente, en relación ás potencialidades electorais do BNG, é que o seu carácter diferencial fronte ao PP -como a súa alternativa real-, e fronte ao PSOE, é un dos seus principais activos. Os 40.000 votantes do BNG que o 1M impediron coa súa abstención a continuidade dun goberno de signo progresista e nacionalista na Xunta, non trasladaron o seu voto a outra forza política, é dicir, non optaron por outras coordenadas ideolóxico-programáticas, senón que foi un voto de castigo e/ou desafección motivado por diferentes razóns, entre as que non podemos desbotar as dificultades obxectivas para recoñecer ao BNG como tal nalgúns aspectos da súa propia actuación no seo do goberno.

Semella que se debuxan dous camiños. Un presuntamente máis curto que pasa por adaptar a oferta electoral á suposta demanda maioritaria, e outro se cadra máis longo, pero de maior garantía, que pasa por incidir na conciencia social modificando esta como paso previo necesario da transformación social.

Eu opto polo segundo vieiro, o mesmo que percorremos para chegar a ser segunda forza, fundamentalmente dende o convencemento de que o proxecto do BNG non se colma con ser goberno, nen remata nun éxito electoral. Ao contrario, ese debe ser o punto de partida. Convencido tamén de que o que precisa o nacionalismo non é sumar só votos, senón fundamentalmente vontades, para o que é tan necesario como o axer institucional a complicidade cos movementos sociais de base, nomeadamente no eido sindical.

Renovación e modernidade.

Vaia por diante que eu prescindo, renuncio, e mesmo renego, de ningún tipo de necesidade de vestirme politicamente como moderno. A modernidade non deixa de ser un concepto vacuo. Un comodín que de xeito oportunista se emprega para substituír vellos paradigmas e análises por outros novos, evitando deliberadamente o debate, e xa que logo, o contraste de posicións; partindo da estupidez de que todo o novo é mellor, nunha traslación mimética do consumo por impulso que fomenta o sistema.

O mantra da renovación, que con insistencia se recita tamén nos círculos da postmodernidade, non deixa de ser un eufemismo tralo o que se agocha a renuncia a unha maior profundidade e extensión do proceso de cambios que o nacionalismo promove. Díxeno, e reafírmome máis unha vez en renegar tamén do verbo renovar se o que tras del se agocha non é máis que a renuncia ao soño revolucionario, moderando a nosa ambición e aspiración transformadora.

Non deixa de sorprender, até o pasmo, a apoloxía da renovación pola renovación, coma se os proxectos políticos, incluído o BNG, fosen elementos estáticos, planos, inalterábeis, que non están inseridos nunha determinada realidade e nunhas coordenadas históricas específicas. Acaso o nacionalismo non demostrou abondo, mesmo nalgúns casos en exceso, que opera no plano da realidade? Acaso dende o BN-PG até hoxe, o proxecto non evoluiu? Outra cousa é o acertado ou desacertado da súa evolución, porén, clamar pola ?actualización? dun proxecto permanentemente actualizado e dinámico, só amosa descoñecemento ou unha pretensión oculta de desnaturalizalo para convertelo noutra cousa.

Transmutación.

É completamente lexítimo, mesmo positivo, que existan diferentes enfoques a respecto da orientación que debe ter o nacionalismo galego. Pero en todo caso falamos de orientar un proxecto partindo dos elementos que o definen, e que xa citei antes. Se non o facemos así, o que se pretende entón non é outra cousa que a súa transmutación nun outro proxecto diferente, opción inválida para moitas e moitos pois supón a liquidación de facto da formulación estratéxica, e a autoinmolación dunha opción que pese a non ser inda maioritaria socialmente acreditamos en que é a que mellor responde ás necesidades do conxunto da nosa patria, e nomeadamente, aos intereses das clases populares que representan a súa maioría social.

Porque transmutar ao BNG mediante a renuncia á reinvindicación do dereito de autodeterminación, fixando como obxectivo a xestión (de supostos máximos) do ámbito autonómico, ou abandonando o espectro ideolóxico da esquerda transformadora que ocupa dende o seu nacemento para transitármonos cara unha caste de socialreformismo centrista, non é unha reformulación do proxecto nacionalista, senón que é a expresión máis ou menos disimulada da súa autoliquidación.

___

Artigo publicado en GZ Nación o 03-12-2009.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Publica un comentario