Procurar

CONTRADISCURSO

Palestra de Xabier Pérez Igrexas

24 novembro 2009

Caixas.

Arquivado en: Artigos e columnas, Economía — Xabier Pérez Igrexas @ 15:38

O milmillonario FROB, co que o goberno ZP obsequiou as entidades financeiras para axudarlles a encarar as consecuencias da súa cobiza especulativa, é a escusa que aproveita agora a oligarquía españolista e os axentes ao seu servizo, para forzar unha deslocalización das nosas caixas a través dunha fusión con algunha de fóra da Galiza. Non é de estrañar a curiosa comuñón de criterios que están a demostrar estes días o Banco de España, o PP e o propio Goberno. Con diferentes acentos, con distintos tons, veñen a dicir o mesmo: as caixas non teñen porque ser entidades de impulso territorial. É a vella doutrina do centralismo español, agora aplicada ao mundo das finanzas, onde os aforros das e dos galegos son apenas vistos como insumos que incorporar ao circuíto español.

Porén, as caixas non só poden senón que deben ser verdadeiras axencias económicas para o desenvolvemento das diferentes nacións e territorios que conforman o Estado español. No caso galego, e como está a dicir teimudamente o BNG, non é nin moito menos indiferente que o centro de decisión das caixas fique dentro ou fóra do país. Puro sentido común.

Inda sendo un asunto complexo, coido que é necesario fixar uns criterios básicos cos que enfrontar os posíbeis escenarios de futuro para as caixas de aforro galegas. En primeiro lugar e como obxectivo fulcral debe garantirse que o centro de decisión e dirección das caixas permaneza en Galiza. En segundo lugar, unha fusión só sería admisíbel se fose indispensábel para a propia viabilidade delas, e nese caso tendo en conta o primeiro criterio, debería promoverse a unión de Caixanova e Caixagalicia (operando en chave de país, obviando absurdos e improdutivos localismos tanto do norte coma do sur). En terceiro lugar, unha hipotética fusión entre ambas as caixas non pode resultar na perda de ningún posto de traballo (como está a reivindicar a CIG). Por último, é xa ineludíbel un debate arredor do papel e funcionamento das caixas, que xa leva demasiado tempo adiado.

Nese sentido, a proposta de lei de caixas feita polo BNG é un excelente punto de partida para desenvolver un debate respecto do modelo de caixas de aforro que queremos, que corrixa as súas actuais deficiencias e que as converta nun instrumento público ao servizo da maioría social, do noso tecido económico produtivo (principalmente as pemes) e que opere dende un inquebrantábel compromiso co país.

___

Artigo publicado en Galicia-Hoxe o 24-11-2009.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
0 comentarios

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

RSS semente para comentarios a esta anotación. TrackBack URI

Deixa un comentario