Contradiscurso

Palestra de Xabier P. Igrexas

Menu Close

Notas da viaxe a Bruxelas.

DSCF1753

Xa de volta na Galiza, e despois de tomarme algún tempo para valorar en maior profundidade a viaxe, e de paso sacudirme o estado de confusión e mareo que sempre me producen as viaxes ao estranxeiro, quero compartir con vós, tal e como prometera, unhas poucas notas a respecto da miña participación no Seminario “Activismo político na web: como xerar discusión política en internet?” que tivo lugar o pasado mércores 11 no Parlamento Europeo.

Antes de nada, permitídeme que reitere tamén dende aquí o meu completo agradecemento a Ana Miranda por ter pensado en min e incluírme na delegación galega que participou no evento organizado, a iniciativa de ERC, por ALE/Os Verdes. Alén do convite en si, todas e todos os que compuxemos a delegación concordamos en que resulta impagábel a atención, amabilidade e mesmo cariño co que nos acolleu a nosa incombustíbel Eurodeputada de facto.

Do seminario, no que se expuxeron diferentes experiencias ligadas coa Rede de diversas nacións sen Estado de Europa, saín cunha sensación globalmente positiva. Das diferentes ponencias, as que me pareceron máis interesantes e solventes foron as do Partido Pirata sueco, a de dous blogueiros escoceses (cunha intervención de moita calidade), a da Osonosfera (blogosfera da comarca catalana de Osona) e nomeadamente a de Paul Ríos de Politika 2.0 (Euskal Herría). Foi unha verdadeira mágoa que precisamente Paul tivese a quenda que pechaba o seminario, pois na miña opinión a súa ponencia xunto á galega eran as que mellor entroncaban co obxecto temático do seminario.

Destes exemplos destacaría tres ideas importantes:

  • A potencialidade da Rede como instrumento para unha cidadanía que xa non só quere ser oída, senón que aspira a decidir (Paul Ríos).
  • O feito de que mesmo en iniciativas xurdidas dende a Rede, como o Partido Pirata, segue a ser necesario un contacto presencial.
  • A posibilidade de construír novos espazos comunitarios (de participación política, reivindicación…) a través de blogosferas territoriais. (Osonosfera).

Foi precisamente a dispersión temática unha das debilidades, ao meu entender do evento. Se cadra, xa que por razóns obvias eu ía cun tremendo interese por coñecer experiencias ligadas ao ciberactivismo político ou social e non tanto para coñecer as realidades das blogosferas en xeral. Porén, sempre é interesante coñecérmonos e contrastar con realidades doutros lugares.

Imagen-070

No que ten que ver coa presenza galega, teño que dicir, sen ningún tipo de modestia impostada, que a delegación do noso país foi a máis activa e participativa do seminario, comentando, preguntando, achegando puntos de vista… o que enriqueceu un seminario que do contrario tería resultado nun ronsel inconexo de intervencións isoladas. Na ponencia en si, intervimos -despois da presentación de Ana Miranda- Marcos Pérez Pena (que fixo unha brillante e completa introdución xeral ao blogomillo galego), María Yáñez (que fixo presentes proxectos tan interesantes como Blogaliza ou Chuza), Fernando Arrizado (presentando ao noso decano dixital: Vieiros) e máis eu que me centrei no activismo político galego na Rede ligado á defensa do idioma (tomando por exemplos a Ciberirmandade da Fala e máis Blogues pola Lingua).

Foi a galega a ponencia máis plural e numerosa, e coido que unha das máis completas, da que se presentaron neste seminario, o que estou certo serviuá para dimensionar o noso país tamén neste eido.

Déixovos aquí o texto íntegro da miña intervención:

orfeu2Após o seminario tivemos un encontro coa comunidade galega que vive e traballa en Bruxelas, na cálida libraría Orfeu, rexentada por un irmán portugués moi amigábel., e que por pouco nos queda pequena. O encontro foi moi interesante, e resulta estimulante ver o viva que está a galeguidade alén das nosas fronteiras.

Fora xa da materia oficial da viaxe, da cidade dos ceos baixos e paisaxes grises quédome coas instantáneas dunha impoñente Grande Place, na que se concentra boa parte da súa oferta monumental, co seu chocolate e con ese frescallo europeo do que tanto gosto. Anoto pois Bruxelas na axenda das cidades a revisitar.

Do Europarlamento, tiro a constatación anovada de que o actual modelo de UE, ao servizo dos Estados e do capital, fica nas antípodas do que precisamos. Un parlamento que semella estar absorbido pola súa propia burocracia, con escasa capacidade de decisión fronte a Comisión e o Consello, e no que a política ten quendas de 1 minuto. Con ese panorama, tranquiliza comprobar in situ a capacidade, actividade e dilixencia da portavoz do BNG no P.E..

Na conta negativa apenas apuntar o pouco contacto que tivemos coas restantes delegacións, nomeadamente coa català (pese a ter compartido un anaco interesante con Oriol Junqueras, MEP de ERC), e o avión liliputiense -como diría Pereiro- que poderíamos colocar no paradigma da incomodidade (ao seu lado os castromil-alados de Ryanair son un paraíso do confort).

pizzaO certo é que volvín a Vigo cun moi bo sabor de boca. Non só polo aproveitábel do seminario, nin pola oportunidade de coñecer por vez primeira Bruxelas, senón polo pracer de ter compartido un par de días con Fernando, Pereiro, Marcos, Xurxo, Baamonde, Manolo Barreiro, Manolo Santos, María, Filipe, e máis Ana Miranda. Inda que só fose pola oportunidade de ter coñecido a algúns deles, por ter coñecido mellor a outros, ou por ter saído mesmo con algunha nova amizade, a viaxe xa tería pagado a pena. As conversas destes días foron tremendamente interesantes, e delas aprendín moitas cousas. Non deixa de ser paradoxal que sexa un acto en Bruxelas o que faga posíbel un encontro entre nós. Hai que repetir a experiencia, aquí ou onde sexa, pois a conclusión fundamental á que cheguei é a de que temos un enorme potencial para construír colectivamente espazos na Rede ao servizo do país. Potencialidade que temos que aproveitar, agora máis que nunca.

(A segunda foto é de Pereiro, e a terceira e cuarta  son de María)

Outras crónicas do seminario:


DSCF2119