Procurar

CONTRADISCURSO

Palestra de Xabier Pérez Igrexas

14 novembro 2009

Televisión, manipulación!

Arquivado en: Artigos e columnas, Comunicación — Xabier Pérez Igrexas @ 16:18

tv

Milleiros de persoas expresaron ao berro Televisión, manipulación! a súa repulsa contra a manipulación informativa que volve caracterizar a RTVG tras o regreso do Partido Popular ao goberno galego. Iso acontecía o pasado 18 de outubro, no remate da mobilización convocada pola Plataforma Cidadá Queremos Galego.

Apenas 15 días despois, e co engadido do estupor que provocou o interrogatorio televisivo feito a Carlos Callón, milleiros de persoas continuaron a expresar a súa indignación perante a utilización partidista dos medios de comunicación públicos do noso país.

Onte chegaban a preto de 5.000 as persoas integrantes dun grupo na rede social Facebook contra a manipulación informativa da TVG. Tamén onte, a iniciativa Televisión, manipulación, xurdida dun grupo de persoas diverso ideoloxicamente, envioulle ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, unha carta acompañada das primeiras 1.500 sinaturas adheridas, na que se lle reclama a modificación da actual liña editorial da RG e da TVG "asentándoa na obxectividade, na transparencia, na vocación informativa e na pluralidade lamentabelmente ausentes".

Non é un asunto baladí, nin unha causa menor. Ficamos fronte a unha cuestión que entronca coas máis mínimas condicións que ha de cumprir un medio de comunicación público para non ser un mero altofalante da forza política que ostente o goberno. Non se trata, como algúns malentenden, dun ataque contra os nosos medios de comunicación, que tanto ben teñen feito en favor do noso país (e dígoo sendo parte da coñecida xeración Xabarín). Ao contrario, a defensa dunha RTVG que deixe de ser utilizada polo PP como unha extensión do seu aparato de propaganda, que inclúa a diversidade de enfoques e de opinións, que ofreza información axustada á realidade -e non a deforme interesadamente-, en síntese unha RTVG críbel, é o maior acto de defensa dos medios de comunicación públicos galegos.

Porque cando berramos contra a manipulación, non berramos contra os xornalistas, senón que prememos en contra dos que os utilizan para convertelos en instrumentos de propaganda oficial. Berramos contra os que os maltratan en función da súa orientación ideolóxica (como sucedeu co cámara que facía a cobertura dos actos de Alberto Núñez Feijóo).

___

Artigo publicado en Galicia-Hoxe o 10-11-2009.

(*) Fotografía vía

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
0 comentarios

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

RSS semente para comentarios a esta anotación. TrackBack URI

Deixa un comentario