Ano 7.
Hai xa tanto escrito e narrado arredor deses meses de fonda dignidade coa que reaxeu o noso pobo, que pouco podo engadir que non se teña dito antes. De "Nunca máis" o que quedou en min foi un sentimento, profundo e intenso, de orgullo de ser parte deste pobo. Confianza nas nosas posibilidades colectivas, e esperanza. Esperanza, en que esa enerxía latexante será a que constrúa unha orde nova, a través da liberación nacional e social de Galiza.
Hoxe se cadra teño máis vivo e presente ese sentimento de comunión social, de comunidade, que deu un exemplo ao mundo, e que marcou un punto de inflexión na nosa historia. A lembranza das poucas horas de sono, dos centos de actos, dos nervios axexantes, da cobiza sana de poder cobrármonos democraticamente a incompetencia do PP e poñer punto e final ao Fraguismo... sempre me leva ao mesmo lugar, e á mesma idea: a da certeza de que o CAMBIO, ademáis de necesario e posíbel, é ineludíbel. E que máis cedo, ou máis tarde, esa marea digna asolagará por completo e definitiviamente o país, derrubando os diques da mediocridade e rachando os xugos que nos oprimen como nación.