political-activism-on-the-net

O vindeiro mércores 11 de novembro participarei, como co-poñente galego, no seminario “Activismo político na web: como xerar discusión política en internet?”, organizado polo grupo ALE/Os Verdes (por iniciativa de ERC), no Parlamento Europeu (Bruxelas).

A delegación galega, que estará presente grazas ao traballo da voceira do BNG no P.E., Ana Miranda, confórmana tamén:

  • Marcos Pérez Pena, Doutor en Ciencias da Comunicación pola USC e blogueiro.
  • María Yáñez Anllo, xornalista e produtora de contidos para a Rede.
  • Manuel M. Barreiro, coordinador editorial dixital.
  • Xosé Manoel Pereiro, Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza e blogueiro.
  • Manoel Santos, presidente e fundador de Altermundo.
  • Antón Baamonde, profesor de filosofía, articulista e blogueiro.
  • Fernando Arrizado, redactor de Vieiros.
  • Xurxo Salgado, coordinador de Galicia Confidencial.
  • Filipe Díez, profesor e blogueiro.

O obxecto do seminario é abordar o papel da Rede nos procesos políticos, partindo das experiencias existentes en Cataluña, Galiza, Suecia, Escocia e Flandres.

No que a min me toca, falarei sobre todo das potencialidades da Rede para estender e alargar os procesos de mobilización social, a partir do exemplo de Blogues pola Lingua.

Así mesmo, e non menos interesante, a delegación galega manteremos un encontro coa colectividade galega en Bruxelas.

Teño moi boas expectativas co resultado desta viaxe. Á volta cóntovos.