Moncho Reboiras, a loita continúa!

O pasado 12 de agosto, a cidade de Ferrol acollía coma todos os anos os actos centrais de lembranza e homenaxe a Moncho Reboiras, co gallo do cabodano do seu asasinato por parte da policía española en 1975.

Este ano, alén da tamén ritual ofrenda floral no cemiterio de Imo, no que fica soterrado Reboiras, tivo lugar un feito significativo, pois o goberno español recoñecía legal e formalmente o rango de vítima do franquismo que nunca lle debeu ser negado. Este feito ten a súa transcendencia, por ser un acto de pura xustiza con Reboiras e a súa memoria, e por extensión con todas e todos os que loitaron contra o réxime ditatorial do nacional-catolicismo español.

Hai persoas moito máis cualificadas ca min para dar a coñecer a vida e acción deste exemplar militante comunista e nacionalista, sobre todo aquelas e aqueles que tiveron a oportunidade de compartir con Moncho, actividade en todos os eidos do seu intenso axer en favor da liberación nacional e social da nosa nación. En consecuencia, non pretendo nin quero ser biógrafo de oídas.

Precisamente o propio día 12 presentouse publicamente o libro “Moncho Reboiras, O nacionalismo galego nos anos 70” editado pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, e no que persoas que trataron, traballaron e combateron politicamente ao carón del, fan unha aproximación á súa figura, espíndoa e superando mitos simplistas e deformacións interesadas. A través dos textos que integran ese interesantísimo volume, asinados por persoeiros como Francisco Carballo, Manuel Reboiras, Francisco Rodríguez, Nemesio Barxa, Lois Diéguez, Elvira Souto, Manuel Mera ou Bautista Álvarez (entre outros), obtense unha imaxe nítida do propio protagonista, que refuga toda caste de personalismo mitificante, ao encadralo no seu propio contexto histórico e na súa dimensión completa.

Moncho Reboiras é un dos expoñentes da xeración que puxo a andar o movemento nacionalista contemporáneo, herdeiro directo do Partido Galeguista de Bóveda e Castelao, e polo tanto do nacionalismo de principios do século pasado. Foi un militante exemplar, un patriota, un mestre, un mártir, un heroe. Porén, a súa lembranza é moito máis que un acto de homenaxe á súa persoa.

Lembrando a Moncho estamos a reivindicar a obxectiva vixencia do proxecto político polo que deu a vida e polo que morreu, que non é outro que o da procura e construción dunha Galiza Ceive e Socialista. Porque na súa figura exemplificamos un modelo de compromiso, de militancia, de entrega, que nada ten que ver co oportunismo acomodaticio dos que só procuran o medre persoal, dos que actúan con perspectiva biográfica, dos afiliados ao personalismo. Porque invocando o seu nome facemos un exercicio de dignidade colectiva, de consciencia como nación e como clase.

É evidente que figuras como esta sobardan as fronteiras orgánicas, porén, se non é lícito monopolizalas tampouco o é empregalas para bater, mediante o infundio e a demagoxia ideoloxista, contra do partido no que loitou, que non é outro, mal que lles pese a algúns, que a Unión do Povo Galego. Non hai fobia que xustifique a revisión interesada da historia, nin a perversidade indecente de falar por boca dos mortos. A figura de Moncho é patrimonio do movemento nacionalista galego e, ao igual que Castelao, do conxunto do pobo traballador galego, non de ningún grupúsculo de iluminados e de revolucionarios de cartón.

A necesidade de lembrarmos esta e outras moitas figuras de insignes compatriotas coma Castelao, Alexandro Bóveda, Ánxel Casal, Rosalía de Castro... é absolutamente incuestionábel.

Aqueles que baixo a escusa formal do aperturismo, da modernidade ou da renovación, renegan hoxe deste imprescindíbel exercicio da memoria (mesmo no seo do nacionalismo) son os mesmos que xa antes abandonaron as consignas históricas, os que deixaron de erguer o puño e renunciaron ás bandeiras, os que confunden os seus intereses de casta cos da maioría social, os que fan apoloxía do pensamento gris, os que confunden xestión con transformación. Son os “roncallos” (dos que fala Bautista Álvarez no libro que citei antes) que pretenden impoñer a renuncia ideolóxica e o liquidacionismo, non mediante o debate e o confronto no eido das ideas senón a través do subterfuxio de cambios e “actualizacións” de aparente carácter formal.

Por iso cabe preguntarse, se acaso en pleno recrudecemento do axer españolista e antigalego, hai algo máis vixente, algo máis actual e necesario que reivindicar con orgullo e dignidade a figura dos nosos mártires?

A reivindicación da coherencia e do compromiso patriótico demostrados por Reboiras, e por tantos outros, é hoxe unha necesidade imperiosa, para non perdermos o norte, para non afastarnos do horizonte estratéxico do noso proxecto transformador, tantas veces solapado polo tacticismo reformista.

De aí que a lembranza do camarada Moncho, sexa tamén un necesario acto de afirmación política nos principios esenciais do pensamento marxista e nacionalista galego, que non só non caducaron senón que continúan máis latexantes e actuantes que nunca no seo do noso pobo, porque como di a consigna: a loita continúa!

___

Artigo publicado en Mundo Galiza o 13-08-2009.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Publica un comentario