Contradiscurso

Trincheira dixital de Xabier P. Igrexas

Menu Close

Retruque a Cesare sobre a “Enquisa”

A miña primeira reacción despois de coñecer os primeiros resumos sintéticos dos resultados da famosa enquisiña sobre o galego, ademais de os comentar brevemente con algúns compañeiros que tiña a man, foi a de ir recompilando outros datos e documentos a respecto da situación do noso idioma en Galiza.

Un bo tomo de follas soltas, con artigos de prensa, algunha columna de opinión, táboas con datos doutras sondaxes e estudos sociolingüísticos, varios exemplares dalgunhas publicacións de referencia e media ducia de libros, compoñen o material que levo días consultando metodicamente, ao tempo que non perdo de vista o cadro resumo dos resultados da enquisiña que tivo a ben distribuír a Xunta, e que xa non lembro cantas veces relín, e que sigo mergullado na Rede á procura de máis información.

Estiven, e estou, expectante e moi atento de todas as reaccións que agromaron dende o pasado venres cando se fixeron públicos os resultados. Porén, decidín darme algún tempo para pensar con certa distancia e elaborar un artigo no que analizar cun mínimo de profundidade todo o que envolve esta polémica consulta contra o galego, e expresar as miñas valoracións, porque se de algo fico convencido dende o principio é que a enquisa de Feijóo é á vez síntoma e consecuencia dunha situación moito máis complexa. Con sorte esta fin de semana será cando elabore ese artigo.

Pero antes sinto a necesidade imperiosa de retrucar algo que me leva roido os miolos todo o día. A media mañá de onte (mércores) lin no Google Reader unha entrada do blogue “As túas balas” do controvertido Cesare (sei que ficará agradecido da publicidade gratuíta da súa bitácora) e ao que fico subscrito dende hai xa bastante tempo, pese a que non comparta apenas nada das opinións do autor.

A entrada en cuestión, titulada “Enquisa“, provocoume e acendeume. De aí que pese a ter matinado a respecto do acaido ou inoportuno de retrucar, acabe optando por facelo por vía desta entrada, a sabendas de que acabará agromando a franqueza politicamente incorrecta que me latexa dende esta mañá.

Antes de nada hei de dicir que non agardaba algo distinto, que xa non me sorprende ese tipo de tons, nin a actitude que se extrae do texto. Convivo con ese tipo de comportamentos dende hai tempo, bueno (como diría Alema), máis ben confronto con ese tipo de actitudes dende hai tempo.

O contido da entrada pode sintetizarse brevemente en apenas dúas ideas:

  1. O resultado da enquisa do galego é desolador.

  2. A responsabilidade sobre ese resultado é do movemento en defensa da lingua, concretamente de Carlos Callón, dos sociolingüistas de medio pelo, da CIG e de todos os que traballaron para a normalización do noso idioma, por inútiles e incapaces, todos. E por iso deben dimitir, todos.

Eu obviamente concordo de entrada coa valoración grosso modo do resultado da enquisa (de outorgarlle un mínimo de credibilidade) Porén, a cuestión esixe un mínimo de rigor na análise, e a introdución nela de elementos que axudan a entender a orixe dese resultado. Insisto, como dicía antes, que as causas do problema sociolingüístico no noso país son moito máis complexas e diversas do que pode parecer, e non telas en conta resulta en análises incompletas, nada científicos e claramente desviados.

Pero o que me indignou da citada entrada foi o disparo indiscriminado contra de todo e de todos que lanzou a mantenta Cesare. Esa dramática acusación retórica de que nada serve, nada se fixo ben, e todo foi inútil, é unha provocación un tanto infantil e desnortada. O seu discurso é apoloxía do suicidio colectivo, da rendición, da capitulación, ou inda peor: dunha nova fórmula a camiño entre a aristocracia, a egocracia e a tecnocracia, que denota a deliberada non inclusión do autor no colectivo descualificado. Isto é: sodes unha banda de incapaces. Sodes, que non somos.

Repasemos as “razóns” que deberían provocar dimisións “en masa” segundo Cesare:

  • Que despois de trinta anos de activismo en favor da lingua A Mesa, e Carlos Callón, conseguiron moito menos que o colectivo pantasma Galicia Bilingüe.

Ben, para explicar o estúpido do argumento, tan só hai que facer unha sinxela extrapolación iso sí partindo da verdade a medias de que Galicia Bilingüe conseguiu moito máis que A Mesa. Aplicando ese mesmo criterio, deberían terse retirado da vida política e pública, as sufraxistas, por non ter conseguido no seu momento o dereito a voto para as mulleres; ou deberían someterse a un acto de pública constrición os activistas da Fronte Polisaria do Sahara, por razóns obvias; ou deberían disolverse os colectivos ecoloxistas que levan décadas alertando dos lesivos efectos da actividade humana sobre o medio natural. Ou mesmo deberían ter abandonado a loita pola democracia as/os entregadas/os militantes antifranquistas que non foron quen de derrubar o réxime nacional-católico durante 40 anos.

O problema, non só de Cesare, está en que dun tempo para esta parte nas análises políticas obviase un elemento que é crucial: a correlación de forzas. Claro, que o termo ten algunha acepción marxista e iso pode provocar alerxia, na neoprogresía postmoderna que chama “apertura” á ausencia de ideoloxía, e vocación maioritaria ao “centrismo”.

Se ben é lícito, e mesmo necesario, facermos unha reflexión e valoración sobre a traxectoria do movemento en defensa da lingua, da súa actividade e metodoloxía, e da eficiencia destes, (como socio d’A Mesa que son, podo certificar que como é lóxico ese tipo de análises fanse acotío, en cada Asemblea Xeral sen ir máis lonxe), o que é completamente inxusto e disparatado é medir o éxito dun movemento, ou dunha organización, unicamente en base ao grao de consecución dos seus obxectivos, sen ter en conta a correlación de forzas existente na sociedade, ou as dificultades e circunstancias do momento histórico no que desenvolve a súa acción. En síntese: pensar que o éxito, entendido como o logro dos obxectivos fundamentais, da Mesa depende unicamente do acertada da súa actividade e non está directamente relacionado coa correlación de forzas é tan inxenuo que roza a necidade.

No que sí que podo estar de acordo é na necesidade, permanente, de reorientar as políticas destinadas á normalización lingüística, de remudar as estratexias e afinar a metodoloxía, fundamentalmente partindo do carácter popular do noso idioma, da identificación que con el ten unha parte importante da maioría social (clases traballadoras), que  recentemente describiu Xavier Vence nun artigo. Reorientación complexa para a que non hai receitas máxicas.

  • A decisión da CIG de boicotear a enquisa en vez de traballar para que os resultados fosen outros, nunha clara mostra nada máis e nada menos que de despotismo ilustrado.

Á alerxia ao marxismo, como método científico, e á coñecida aversión á UPG (colectivo responsábel de todos os males da humanidade e dos que han de vir), hai que sumar unha vez máis a fobia sindical propia dos que constrúen a súas concepcións ideolóxicas negando a vixencia da loita de clases -nunha formulación postmoderna do interclasismo de toda a vida-, e xa que logo da utilidade sociopolítica da central sindical, concretamente da CIG que ademais disque está controlada pola UPG.

Só así, partindo desa fobia e dun absoluto descoñecemento da actividade da CIG na defensa do galego (destacadamente pola federación de ensino) se pode xustificar esa parvada, esa maiúscula parvada. Porque o que non vale, é partir do feito obxectivo de que a enquisa ten fundadas dúbidas a respecto da súa veracidade, como resultado do proceso non só chafalleiro senón completamente antidemocrático e nada transparente co que se levou a cabo, e logo criticar que coherentemente a CIG chamase a boicotear a consulta trucada. Isto é como chamar parvo ao que na porta dun casino coas ruletas trucadas, en favor da banca, advirte aos que entren de que non xoguen. Que tiña que facer a CIG? Lexitimar co seu apoio e activa participación un proceso claramente fraudulento, cuxos resultados previsíbeis ademais ían na dirección contraria do que defende e promove?

Negar o inxente traballo desenvolvido polo conxunto da central sindical nacionalista en favor do idioma, e na concienciación social respecto del, especialmente no ámbito educativo (traballo que non ven de onte nin de antonte), insinuando que nela recae tamén a responsabilidade do resultado dunha consulta trampa é directamente insultante.

  • A raquítica formación e a extremada ideoloxización dos sociolingüistas de medio pelo do país.

Estou certo de que algún sociolingüista pouco, ou mal, formado haberá no país. Como fico certo de que hai algún afeccionado a sociólogo que pese a súa aparente habilidade cos gráficos estatísticos, non ten puta idea do sentir social deste país. Dito isto, esa xeneralización, que ademais semella incluír precisamente a aqueles profesionais da sociolingüística máis comprometidos co noso idioma, non ven a conto e só demostra un certo reducionismo egocéntrico, do tipo: non tedes puta idea; non tedes.

Pero o peor desa categorización insidiosa e desprezativa, que eu non compartillo para nada, está precisamente na crítica ao que Cesare cualifica como “extremada ideoloxización”. E resulta que particularmente fico farto da mil veces repetida, e mil veces falsa, tese da neutralidade técnica, que relega a ideoloxía ao mesmo espazo que a confesionalidade relixiosa: o eido íntimo, persoal e litúrxico. Se a realidade é cuestión de perspectiva, é evidente que operar en base a un determinado enfoque de carácter ideolóxico, non resta nin moito menos credibilidade nin rigor técnico, partindo do feito obxectivo de que a obxectividade non existe.

Esta película, moi ianqui, de que todo técnico ou profesional dunha determinada actividade debe ser aséptico e carecer dun enfoque de seu, alén do enfoque ideolóxico que si existe e que se impón na orientación curricular dos seus estudos (basta con ler algún material didáctico de carreiras como Economía para comprobalo) e que ademais concorda co das clases dominantes, é ademais dunha expresión de puro papanatismo acrítico un síntoma de como as clases dominantes gañan a batalla das ideas.

Acaso o excelente traballo de estudo da cuestión lingüística da compañeira Pilar García Negro, polo seu evidente compromiso militante e ideolóxico coa defensa do noso idioma, ou pola súa condición de nacionalista, é unha obra inválida dende un punto de vista técnico ou científico? Ou acaso as teses expostas no texto fundamental titulado “O conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza” carecen de validez por estar asinado por Francisco Rodríguez? Pero que clase de analfabeto funcional ou de elemento alienado pode soster esas barbaridades?

  • O evidente fracaso de todas as persoas, entidades, proxectos presentes e futuros que traballaron pola normalización da lingua.

Isto non o vou rebater, xa que fico convencido de que ninguén cun nivel de entendemento intelectual promedio pode sostelo en serio, e a Cesare voulle conceder a prerrogativa de estar como mínimo nese grupo.

Para rematar este retruque, lamentar que o autor da entrada retrucada non tivese a valentía de expor publicamente unha soa proposta ou de ilustrarnos cunha alternativa de seu a ese panorama desolador que debuxa.

Lamento tamén que non dedicase nin media palabra a criticar e cuestionar coa mesma contundencia verbal que se gasta acotío, a aqueles que dende os seus respectivos espazos de decisión e/ou acción, axen todos os días en contra do noso idioma, coa única pretensión de mutilarnos a identidade e negarnos como pobo. Esa mención ademais de xusta e necesaria sería de agradecer, porque de superlistos e cibergurús semella que imos sobrados e eu xa fico canso deles. Cada día máis.