O discurso pronunciado por Raúl Castro na clausura do terceiro período de sesións da VII lexislatura da Asemblea Nacional do Poder Popular da República de Cuba, disque sorprendeu pola súa meridiana claridade. O presidente dos consellos de Estado e de Ministros afirmou que non foi elixido para restaurar o capitalismo nin para entregar a Revolución, nunha clara advertencia para quen malinterpretando a vontade de diálogo cos EUA escudriñaban a posibilidade de que se abrise o vieiro da deconstrución do socialismo na illa.

A enérxica intervención de Raúl puxo luz sobre algúns asuntos importantes. Nela explicou a decisión do Comité Central do Partido Comunista de Cuba de pospor a celebración do seu Congreso -no que se acometerá unha importante renovación marcada pola remuda xeracional-, para poder abordar nun proceso participativo os grandes retos presentes e futuros da Revolución (a cuestión monetaria, eliminación de gratuidades e subsidios indebidos, salarios, mellora do modelo produtivo…). Xa tiveron lugar nos últimos meses intensos e profundos debates respecto destas e doutras cuestións, e puxéronse en marcha diferentes experiencias piloto en relación coas novas fórmulas de produción. A importancia das cuestións para abordar, que son de calado estratéxico na orientación do propio proxecto revolucionario, xustifican a necesidade de máis tempo para o debate e a reflexión colexiada por parte de todo o pobo cubano.

Antes e como paso previo ao Congreso terá lugar unha Conferencia Nacional na que se renovarán os organismos de dirección do partido. A remuda xeracional, ademais dunha necesidade obxectiva, pode resultar nun acicate para o avance do propio proceso revolucionario, que pese ás súas insuficiencias e contradicións continúa a ser unha importante referencia internacional.

En síntese, podemos concluír que o proxecto socialista en Cuba non só non está liquidado nin condenado a perecer, senón que fica consolidado mediante o compromiso firme coa súa orientación colectiva a partir do principio de que a revolución é un proceso de permanente rectificación.

___

Artigo publicado en Galicia-Hoxe o 04-08-2009.