O artigo que sigue tiña intención de ser publicado nun dos xornais nos que escribo habitualmente, porén, a dirección decidiu sorprendentemente e contra pronóstico non publicalo. Non vou revelar a identidade do medio, porque unha decisión equivocada non pode botar por terra unha traxectoria e enfoque no que sigo a acreditar. É a primeira vez, dende que colaboro con artigos de opinión, que un medio no que son colaborador habitual censura abertamente un texto polo seu contido. Se cadra é porque no nacionalismo galego tamén hai elefantes brancos aos que non se lles pode nin tuser. Pensei en recolocar o artigo noutro medio, e sei que tería opcións, pero decidín finalmente colgalo aquí, no meu blogue, para que as e os que o seguides teñades o texto en primicia.
Lin onte na edición para Galiza do diario El País, un extenso artigo de Antón Losada, politólogo e tertuliano multimedia, Secretario Xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galiza por designación de Anxo Quintana, baixo o título “Por cortesía do BNG”. Na mesma sección o titular dunha información deixaba claro cara onde disparaba a liña editorial do medio: “O BNG obtén o peor resultado dende 1993”. Casualidade? Coincidencia? Máis ben complementariedade; lamentábel complementariedade.
O artigo de Losada, que tiña o seu abstract de copia-pega na súa columna diaria na portada de Galicia-Hoxe, recollía a súa valoración e análise a respecto dos resultados das eleccións europeas, centrándose no novo retroceso electoral do BNG.
O resultado obtido polo BNG, que o sitúa por baixo do 10%, non pode ser cualificado de positivo nin pode producir satisfacción, máis ben ao contrario. É certo por outra parte que a perda de 40.000 votos en relación aos comicios europeos de 2004, debe ser analizada de vagar, inda que non se transvasaran a outra forza e acabasen na abstención. Niso coincidimos.
Porén, a pretendida argumentación esgrimida por Losada, en relación ás causas e aos responsábeis deste resultado ademais de non axustarse nin de lonxe á realidade, non pasa dun patalexo irresponsábel.
Do citado artigo poden extraerse fundamentalmente tres ideas. Primeiro, PP e PSOE coparon o espazo electoral por mor da inoperancia do BNG. Segundo, as responsabilidades sobre este resultado hai que imputarllas en primeiro lugar a Paco Rodríguez, isto é, á malévola UPG. Terceiro, o feito de centrarse na recuperación dos votantes perdidos o 1M no canto de priorizar o asentamento do electorado “quintanista” é outra das causas do resultado.
En relación á primeira idea, sorprende por inxenua, ou mal intencionada, a omisión dun feito obxectivo como é a evidente reinstauración do bipartidismo españolista, que a través dos resortes mediáticos da clase dominante -que acredita na alternancia entre PSOE e PP, como mal menor fronte ao risco de transformación social que representan forzas nacionalistas e de esquerda-, elimina da plana pública calquera outra opción. Só hai que sentarse diante do televisor, ler calquera xornal ou escoitar un anaco a radio, para constatar que a efectos oficiais semella non haber vida política alén de PP e de PSOE, e nesta campaña menos. Por outra parte, por ser estas unhas eleccións europeas sorprende tamén que non teña en conta a intencionada desinformación, que encaixa coa tendencia á desmobilización, da cidadanía en relación á UE. Para constatalo só hai que preguntarlle a calquera se sabe que outra institución europea colexisla xunto o Europarlamento que acabamos de elixir.
Sobre as responsabilidades, é inxustificábel reclamarllas a unha dirección, a do BNG, que foi elixida coincidindo cos primeiros pasos da precampaña hai poucas semanas. Resulta nese senso tamén bastante curioso que o autor non faga mención algunha á candidata Ana Miranda, cabeza de cartel do BNG neste proceso, pero que pola contra atribúa na persoa de Paco Rodríguez, a responsabilidade nada máis e nada menos que do resultado electoral. Nin a profunda xenreira que sente contra a UPG, que non é nova, nin a súa adscrición como freelance do quintanismo, poden xustificar tal soflama. O revulsivo da pasada Asemblea Nacional Extraordinaria tivo lugar 6 anos despois da elección de Anxo Quintana como portavoz nacional, e despois de dous severos retrocesos electorais, coa perda do goberno do país no último. Pola contra a nova dirección do BNG, plural e colexiada, non merece a ollos do profesor Losada nin 100 días de cortesía, nos que poder asentar minimamente as correccións que colectivamente decidimos acometer.
A respecto da terceira idea cabe matizar algunhas cuestións. É un erro de base, partir da idea de que o 16,28% do electorado que representaron os votantes do BNG nas eleccións autonómicas do pasado mes de marzo, votaron para apoiar o proxecto de Anxo Quintana como el sostén. Primeiramente porque o proxecto que se presentaba ás eleccións era o do Bloque Nacionalista Galego, e non o proxecto persoal do seu cabeza de lista nin de ninguén, por moito hiperliderado ou personalismo que houbese. E en segundo lugar porque ao final esta cuestión supón entrar nun xogo de adiviñación e especulación sociolóxica un tanto estéril. A pasada Asemblea Nacional do BNG marcou de facto como obxectivo principal recuperar os apoios perdidos non só o 1M senón ao longo da última década, centrándonos loxicamente en primeiro termo nos 40.000 votantes que decidiron daquela absterse, e para iso definiuse con claridade meridiana o carácter transformador e de esquerdas do proxecto, e ás clases traballadoras como destinatario preferente deste.
No artigo mesmo inclúe unha advertencia catastrofista: o BNG, di, “afronta un serio perigo de encamiñarse cara a extinción ou a irrelevancia electoral”. Curiosamente esa afirmación non a fixo após a labazada do 1 de marzo que devolvía o goberno da Xunta ao Partido Popular, nin tampouco en 2005 cando o Bloque accedía ao goberno galego, coaligado co PSOE, despois de ter perdido case catro puntos de apoio electoral. Ese risco que enuncia só se correría se se continuase desconectando o proxecto da súa base social e dos principios ideolóxicos dos que emanou, tendencia que semella ter comezado a correxirse.
Por outra banda, facer unha extrapolación, inda que sexa en forma de profecía abstracta, dos resultados dunhas eleccións europeas, a calquera outra convocatoria electoral, carece do máis mínimo rigor, como se pode comprobar ollando simplemente a evolución do nacionalismo galego nas diferentes convocatorias. Un exemplo: en 2004 o BNG acadaba 209.000 votos nas eleccións xerais, fronte aos 141.000 das eleccións Europeas celebradas uns meses despois, ou os 307.000 das eleccións galegas de 2005. Non vale pois mesturar allos con cebolas, e menos inda para facer funcionais os datos cunhas determinadas teses.
Era de esperar, lamentabelmente, que tralos previsíbeis malos resultados obtidos polo BNG, inda sendo a forza co maior respaldo electoral da coalición Europa dos Pobos e tendo garantido que Ana Miranda será por un tempo eurodeputada -feito que non tería acontecido de ter concorrido en Galeuscat-, alguén caese na tentación de facer leña dunha árbore, que con todo, nin está caída nin caerá pese a quen lle pese. O que non esperaba é que a machada fose a dun axuste de contas interno, por mor da insatisfacción dos segmentos máis moderados co resultado da pasada Asemblea Nacional.
Atribuír un resultado a causas exclusivamente externas, é tan desaxustado e errado, como imputarllo só a causas endóxenas, sabendo ademais que o BNG na concorrencia electoral non xoga só, e nin as normas nin o terreo lle son favorábeis.
NOTA IMPORTANTE
Por mor da decisión de non sinalar ao medio que decidiu non publicar este artigo, abriuse unha espiral de especulacións que na meirande parte dos casos sinalaban a Xornal de Galicia, supoño que por ser a miña colaboración máis coñecida.
Por iso, inda mantendo a decisión inicial de non indicar o medio en cuestión, quero clarexar dende estas liñas, por xustiza e de xeito excepcional que Xornal de Galicia, no que colaboro dende o ano 2004, nunca censurou nin este nin ningún outro texto que eu lle remitín, publicándoos sempre que foi posíbel (por razóns de espazo) na recente edición impresa e de xeito continuado na dixital.
Esta é a primeira e última aclaración a este respecto. Pregaría que por respecto aos medios nos que habitualmente colaboro, e por respecto á miña decisión, cesasen as especulacións.
14-06-2009, 21:10h
Semella que o señor Antonio Losada xa esquenceu que el foi o ideólogo do quintanismo e que foi con este portavoz nacional cos que obtivemos os peores resultados da historia, cristalizando o un de marzo coa perda do goberno.
Non se lle pode ocorrer que estes resultados son pola inercia creada logo de 6 anos de viraxe cara o autonomismo de centro. Paréceme un absurdo culpar á nova dirección e á reorientación do discurso do fracaso nestas eleccións.
Concordo totalmente coa túa reflexión, se ben é certo que o BNG ten que reflexionar sobre a crecente abstención que se está a observar nas sucesivas eleccións.
Pingback: chuza.org
Iso, autocrítica cero. Agora “pobres Upegallos”, foron traizoados por Quintana. O “Quintanismo” foi unha estratexia impulsada pola propia UPG, cando os Quintanistas non eran ninguén. Pero a culpa é dos Quintanistas.
Isto non hai quen o trague, como o actual Porta-Voz Guillerme Vázquez, que é incapaz de ollar para unha cámara sen estar atravesado, ou Ana Miranda, a candidata mais insulsa que tivo o bloque desde Ana Pontón.
Agora toca quitar o disfarce e volve a sede esquerda. Lamentabelmente a xente non vai tragar, Losada ten razón,porque aí non hai votos. Ao tempo. O BNG hai moitos anos que non fai política de esquerda, nen sequer onde a U ten o control, por tanto, deixaivos de estorias:
Governo municipal da Cruña, de Compostela, de Ponte Vedra, de Vigo, de Ourense… de esquerdas????