O exemplo de Mos. »
Xabier Pérez Igrexasdec 15, 2008Artigos e columnas, VigoPor o en | 1 Comentario

O municipio de Mos, na comarca de Vigo, estivo estes últimos días de sonada actualidade. O feito que lanzou á primeira plana informativa a este concello de menos de 15.000 habitantes, pero de crecente importancia dentro da área metropolitana viguesa, foi a moción de censura presentada polo Partido Popular e que co apoio do tránsfuga do PSOE, Gerardo Alonso, desaloxou ao goberno bipartito PSOE-BNG para colocar a Nidia Arévalo como nova alcaldesa.
O acontecido en Mos, tendo o seu cénit no pleno do pasado 12 de decembro onde a veciñanza tentou impedir por todos os medios o atropelo democrático que supuña a moción dos populares, é un significativo exemplo para varias cuestións.
En primeiro lugar a pregunta que xurde sempre perante este tipo de sucesos é quen é o titular dos escanos, o concelleiro? o grupo político polo que se presentou? Nun sistema de listas abertas, ao que eu particularmente non son contrario, a resposta sería clara: do cargo electo.
Porén, cando ficamos nun sistema de elección sobre listas pechadas designadas polas diferentes forzas políticas, en chave democrática o apropiado sería que a titularidade sobre as actas de concelleiro (ou de deputado) fose da organización política pola que se presentaron, xa que foi ao partido e non ás persoas directamente a quen a cidadanía respaldou co seu voto.
Hei de recoñecer que o que acabo de facer é unha simplificación dun debate de moito maior calado, moi variado en matices. O que é innegábel é que a lexislación deberá resolver de xeito definitivo esta cuestión, xa que fica comprobado de xeito empírico que o pacto antitransfuguismo non funciona.
Por outra banda, a utilización do mecanismo de censura, que debe ficar xustificado politicamente, ás máis das veces, coma neste caso, acaba sendo un encuberto fraude de lei. Existen condicións políticas obxectivas no concello de Mos que xustifiquen a moción? É evidente que non. Logo... é lexítimo empregar a moción de censura unicamente para forzar unha alternancia, unha sustitución, no goberno, alterando con artimañas os resultados electorais? A maioría social e electoral en Mos apostou por un goberno de progreso sustentado no PSOE e no BNG, esa maioría social é a que traizoa Gerardo Alonso e que pisotea a cobizosa Nidia Arévalo.
As mocións de censura existen como mecanismo extremo para resolver situacións de ingobernabilidade, de inestabilidade institucional ou de colapso administrativo. Non para trocar nos despachos e con prebendas os resultados electorais.
Finalmente un acaba poñendo os ollos no protagonista desta historia: o tránsfuga. Non coñezo a Gerardo Alonso, nin sei demasiado na súa traxectoria. O único que teño para conformar opinión son as súas declaracións estes días, que coido que o definen perfectamente e con maior profundidade da que el mesmo sospeita.
De entrada parece evidente que o conflito é persoal, personalista máis ben; nin ideolóxico, nin político.
Disque o PSOE fichou a Gerardo Alonso para a candidatura, como independente. Aí está outra das chaves do tema. A política de fichaxes, sobre todo de persoas alleas ao propio partido, por parte dalgunhas forzas políticas está demostrada como arriscada e pouco consecuente. Gerardo Alonso non é independente, ese termo carece de fondo conceptual. Gerardo Alonso sinxelamente non é afiliado do PSOE, non se debe á disciplina partidaria. En Roman Paladino, que Gerardo é de Gerardo e punto.
Pese a que este tipo de manobras electorais pode que teñan o seu resultado (el mesmo recoñecía que o ficharan polos votos que podía arrastrar consigo), vai sendo hora de que algúns abandonen eses atallos que levan irremediabelmente a chantaxes e transfuguismo.
No plano ético, da ética política, non sei quen é máis infame: o concelleiro que vende a súa acta ao mellor postor (o que maior cancha e poder lle dea), ou o partido que por conquistar o poder participa nesa especie poxa antidemocrática. Por non falar dun Nuñez Feijoo que xira a cara deliberadamente, nun dobre xogo, que deixa claro que as caras mudan pero as formas e os fondos son os mesmos.
O que é indiscutíbel é que o pobo porá a cada quen no seu sitio.
===
Artigo publicado en Mundo Galiza o 15-12-08, e en A Peneira nº 474.




