outubro 3rd, 2008

Escribir unha novela en 30 días…

outubro 3rd, 2008 outubro 3rd, 2008
Posted in Caixón de Sastre, Literatura
1 Comment »

Ese é o meu reto para o vindeiro mes de novembro. Si, tal e como o ledes.

Acabo de inscribirme como participante do NaNoWriMo, ou o que ven sendo o Mes Nacional de Escritura de Novela, un acontecemento internacional que no 2006 reuniu a máis de 79.000 participantes de todo o mundo.

O obxectivo do NanoWriMo é claro á vez que algo complexo: escribir unha novela de 50.000 palabras dende o 1 até o 30 de novembro. O tema non importa, o idioma tampouco.

Porque me apunto a este reto a sabendas de que o máis probábel é que non sexa quen de adicarlle o tempo suficiente como para superalo con éxito? Supoño que o meu amigo Excalibor é basicamente o responsábel desta tolemia. Pero a pregunta axeitada sería: porque non?

Gústame a idea de que o ritmo tan precipitado que forza a escasa marxe temporal provoque que o proceso creativo sexa construír sen derribar.

Supoño que o excepticismo xa terá asomado en vós. Por suposto que unha parte substancial das 50.000 palabras que agardo poder escribir serán lixo. Pero os Best-seller superan un complexo proceso de edición e reedición e tampouco fican exentos del. Non sei tampouco que farei co texto resultante de superar o reto...

Non sei sobre que vou escribir, supoño que construirei a novela sobre a marcha.

É curioso porque inda que son articulista dende 2003 nunca me animei nin tan sequera a dar o paso de tentar escribir un relato corto, e agora vou a por unha novela, inda que o resultado sexa un detrito literario.

Auto-superación, un reto compartido nunha comunidade diversa, e o feito de enfrontarme ás miñas propias incapacidades, son os argumentos que remataron por convencerme.

Non é por ser presuntuoso, tan só quero poñerme a proba. É máis do que algúns están dispostos a facer.

Mantereivos informadas/os.

Chuzame! chúzame -

A crise como oportunidade revolucionaria.

outubro 3rd, 2008 outubro 3rd, 2008
Posted in Copiado e pegado, análise, economía, nacionalismo
1 Comment »

Manuel Mera publicou en GZ Nación recentemente un artigo moi recomendábel no que aborda o escenario político que a actual crise económica abre, como fenda do sistema hexemónico.

Concordo coa análise que fai nese texto. A actual crise, ten provocado que as forzas sistémicas incorran en tal grao de contradición que fai que sexa facilmente recoñecíbel a súa verdadeira faciana por parte das clases populares.

O oportunismo do grande capital que agora implora pola intervención pública, é dicir, pola inxección dos cartos públicos para compensar as súas malas contas de resultados produto da súa especulación voraz. A obscenidade da patronal pedindo sen complexos o abaratamento do despido e a relaxación, inda en maior grao, na garantía dos dereitos sociais das/os traballadoras/es. Ou as cortinas de fume dun goberno central que quere aproveitar a actual conxuntura para pechar a billa do financiamento autonómico e así reforzar o seu afán re-centralizador.

Son estes, apenas uns exemplos evidentes desas contradicións que representan en si mesmas unha grande oportunidade para avanzar posicións e gañarmos a batalla das ideas.

Xa tiñamos a razón aquelas/es que sostemos que o actual sistema socio-político-económico mundial, alicerzado no imperialismo capitalista, era inhumano, antisocial e está condenado por xustiza a esmorecer. Porén, hoxe se cadra temos pola conxuntura argumentos máis sólidos, pola proximidade, para defender as nosas posicións.

Non podemos desaproveitar esa oportunidade, e como ben di Mera:

Compre acumular alí onde haxa máis construído a prol da nación e das clases populares, aínda que non nos convenza todo o que se fai, nen como, cando e quen o fai. Por responsabilidade histórica?... tamén, porén esencialmente por efectividade, pra garantir a masa social necesaria pra avanzar nas conquistas democráticas, e non ficar só como reductos ideolóxicos. A teoría política revolucionaria ten sobre todo valor se está presente dalgún xeito na conciencia e na práctica cotiá da xente. Tampouco podemos esquecer que en momentos duros haberá quen se pregue aos obxectivos insolidarios e colonizadores das clases dominantes, por distintos motivos, desde os ideolóxicos ao medo ao enfrontamento, daquela que sexa importante reducir a incidencia destas actitudes, combaténdoas e illándoas con argumentos e intelixencia. Trátase máis unha vez de saber que é o principal e que o secundario, e como tratar as contradicións no seo do povo... encol disto hai abondo escrito, e o nacionalismo galego ten unha longa experiencia.

En resumo, podemos gañar esta batalla, mais nunca, desde a barreira, sen organización, con forzas sectorializadas, ou ollándonos arreo ao embigo.

Chuzame! chúzame -