Entrada nº 100
Xa son cen, as entradas neste blogue, que ten sufrido moitos cambios e mutacións ao longo de todo este tempo: redeseños, incorporación de contidos multimedia, traslados, novas seccións...
Máis que para celebrar, este tipo de cousas normalmente animanme a botar un chisco a vista a atrás para comprobar o camiño percorrido.
Teño a idea de que comecei a escribir en plena pre-adolescencia, inda que os primeiros traballos realmente elaborados, publiqueinos na revista "O besbello Saltón" do meu instituto, o IES Alexandre Bóveda de Vigo (coñecido popularmente como Coia II), e no boletín "O Moucho" que editabamos con moitas ganas, e penso que sen demasiado talento, a equipa de normalización lingüística do centro, aló polo 1998, con 14 anos. Non me decatara de que xa pasaron dez...
O meu primeiro artigo de opinión en prensa, foi publicado no xornal A Peneira, dirixido polo meu bo amigo Guillermo Rodríguez, penso que arredor do ano 2003. Non conservo o texto nen a data exacta, desgrazadamente, pero si lembro o título: "Política é convencer".Toda unha declaración de intencións.
Despois comecei a colaborar noutros moitos meios, de Galiza, de Barcelona, de Madrid, de Cantabria... Primeiro de maneira intermitente, e despois xa con relativa continuidade.
Lembro que unha das colaboracións que máis satisfacción me produxo, foi con A Nosa Terra, onde publicaron, entre outros, case que a toda páxina o meu artigo "Memoria e sentidiño". ANT para min, pese aos cambios que viveu recentemente, segue a ser a herdeira da cabeceira que con tanto esforzo sustentaron Anxel Casal ou Alexandro Bóveda.
Escribir para Rebelión, que para min dende que comecei a navegar, sen rumo claro daquela, pola Rede, sempre fora un portal de referenza, tamén supuxo unha grande satisfacción.
Sen ter case nen idea de como funcionaba iso da incipiente web 2.0, o 5 de xuño de 2004, aventureime a abrir o meu primeiro blogue, que titulado "Nova Ágora" non pasou da entrada de presentación.
Non sería até o ano seguinte, o sábado 26 de febreiro de 2005, cando nacería verdadeiramente CONTRADISCURSO, na súa primeira versión, aloxado en Blogcindario.
A idea orixinal era a de utilizar o blogue como unha caste de hemeroteca persoal no recoller, no que arquivar, todos os artigos que ía publicando en diferentes meios, para evitar perdelos... esa idea foi evolucionando e ampliandose, sobre todo nestos últimos meses.
O 28 de agosto de 2006, e despois de que a primeira versión recibise máis de 4000 visitas, nacía CONTRADISCURSO 2.0, no actual aloxamento en BloGaliza.
Logo seguirían algúns pequenos cambios até o redeseño do blogue que daría lugar á terceira versión o 3 de abril deste ano, baixo o amparo do dominio www.contradiscurso.net
Dende que activei as estatísticas en BloGaliza, Contradiscurso leva recibidas 5198 visitas, e 13845 visualizacións, ademáis de 47 comentarios.
En síntese, e sumando, sodes máis de 9.000 as/os visitantes que recebeu o meu blogue dende a súa primeira versión. Reflexo as cifras non por vanidade, senón por profundo agradecemento.
Cada visita, cada comentario, é a razón que da sentido á existencia desta bitácora.
Dicía no 2005, en Nova Ágora que "A finalidade última de quen escribe, entendo a escritura como un acto comunicativo, é o de transmitir, comunicar, dar a coñecer".
Digamolo claro, e sen agocharse tralo cinismo da impostada humildade: escríbese para ser lido. Do mesmo xeito que se canta para ser escoitado, ou se interpreta sobre un escenario para ser visto. Non é autobombo, nen vanidade, nen egocentrismo. É compartir.
E o meu desexo é continuar a compartir, non cen senón mil entradas máis con todas e con todos vós.
Grazas.
chúzame -
agosto 4th, 2008 at 7:36 pm
Parabéns polo “aniversario”, agardemos ler esas mil entradas máis!
agosto 5th, 2008 at 11:03 am
Moitas grazas Iago ^^