Procurar

CONTRADISCURSO

Palestra de Xabier Pérez Igrexas

24 xullo 2008

A hora das/os patriotas.

Arquivado en: Artigos e columnas, Galiza, Nacionalismo galego — Xabier Pérez Igrexas @ 20:28

Hai abondosas e variadas opinións arredor do que representa o Día da Patria Galega, sobor da súa significación simbólica, metafísica, ou mesmo litúrxica.

Supoño que cada quen alberga razóns de seu, sentimentos e sensacións próprias perante a data na que celebramos a nosa existencia como nación.

As galegas e os galegos, independentemente do espectro ideolóxico no que se inclúan, posúen en xeral e de maneira abrumadoramente maioritaria un profundo sentimento identitario, moi arraigado á terra, pero sobor de todo ás xentes.

Ese sentimento de pertenza a unha comunidade, esa identificación colectiva, é o sustrato da nosa identidade nacional.

Porén, a diferenza doutras comunidades, mesmo no seo do estado español, as galegas e galegos non teñen automatizada a tradución política dese sentimento identitario.

Con todo, ese rico sustrato de base, abre ilusionantes expectativas. Hai poucas nacións no mundo, moi poucas, que como Galiza teñan en cada un dos seus cidadáns/cidadás unha embaixada do país.

O grande repto pasa por conectar con esa ampla maioría social que se sinte orgullosa de ser galega/o, de formar parte desa célula de universalidade da que falaba Castelao.

Para iso é preciso empregar unha linguaxe integradora, de suma, enviando unha mensaxe clara, que non é outra de que este país necesariamente temos que construílo e transformalo entre todas/os, cun proxecto aberto e inclusivo.

O nacionalismo galego, a través do BNG, ten dado pasos moi importantes nese sentido. Pese aos lixeiros retrocesos no cuantitativo, o Bloque ten conquistado no cualitativo avanzos significativos.

Hoxe unha ampla maioría do noso povo recoñece ao nacionalismo como un vieiro útil centrado na defensa dos intereses do país. Nos concellos, en Galiza e tamén para defender os nosos intereses en Madrid.

Este é, co calendario na man, o último 25 de xullo previo aos vindeiros comicios autonómicos que se celebrarán no noso país o verán próximo. Toca facer logo balanzo da presenza do nacionalismo galego no governo do país. Cada quen fará o seu, coas súas variábeis, xerarquizando os indicadores ao seu gosto, mesmo en función das expectativas previas, foran estas realistas ou non.

Para algúns será pouco o feito. Para outros suficiente. Para algúns poderíase facer máis e mellor...

Pero independentemente das diferenzas nos balanzos, o fundamental, é que a maioría coincidiremos en que este sería ben distinto se o governo galego estivese presidido polo BNG.

Para iso, para conquerir que o proceso de cambios que necesita o noso país, avance con maior profundidade e a maior velocidade, é preciso que sumemos a máis galegas e galegos ao proxecto de transformación que representa o BNG. Inda que iso supoña nalgún caso renunciar a matices maximalistas, ou a algún falso dogma estético.

Ese será un acto de xenuíno patriotismo, o de traballar arreo para conquistar unha maioría social que sustente un proxecto deseñado ao servizo da maioría, que non é outra que a que encarnan as clases populares.

Nestes tempos nos que a diferenza é perseguida, nos que a pluralidade corre perigo, nos que trala falacia da modernidade se asasinan os valores, a moitas/os continúanos a enchernos a boca a palabra patriota.

Porque cando dicimos patria, dicimos xente, dicimos povo.

===

Artigo publicado en GZ Nación e Mundo Galiza o 24-07-08, e en Xornal o 25-07-08.

P.D.: Recoméndovos encarecidamente ler o artigo de Rafa Villar titulado "25 de xullo: saúde e terra".

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
0 comentarios

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

RSS semente para comentarios a esta anotación. TrackBack URI

Deixa un comentario